O putero cariñoso

-Mira, este é o seu facebook, catrocentas fotos de si mesmo en distintas festas. Hala, nesta non está de festa, está con Xesús Vázquez (o político).

Eran banquetes de vodas ou comuñóns, o mozo en cuestión era un cura que xa aproveitaba os sacramentos que oficiaba para facer o que se chama vida social. É curioso comprobar como algunhas persoas, en pleno século XXI, para buscar un modo de vida non só se meten policía ou garda civil...

Coincidira con el na mesa, un pouco de charla educada, mesmo para iniciar o baile permitiuse un decente ‘tes parella?’, e dese nivel en caída libre a un mandibulear en irrigación: tomaa aas chavess do meu Golf e lévame a casa, andaa! A intención sexual quedou clara coa alusión ao Golf, que, ademais, xa non debe de estar de moda. Ela dedicábase á docencia:

-Pois aqueloutro estivo de substituto uns meses no instituto, resulta que deixou embarazada a unha prostituta, ela pediulle as probas de paternidade e foi un escándalo por todo O Barco de Valdeorras. Este sería o ‘putero cariñoso’, digamos, finalizou.

Por ‘putero cariñoso’ estaba a se referir ao ‘putero amigo’, un dos catro arquetipos que distinguiron as sociólogas de Vigo, un home que busca afectividade no encontro

Putero cariñoso con obriga legal, pois a loita por esa cobertura social xa a loitaron algunhas correntes feministas de hai máis dun século pretendendo paliar a pobreza feminina: ser abandonadas cunha recua de fillos era un factor importante... E tamén era unha compensación por traer poboación para o Estado, que carai, xa dixo miña nai: se non hai fillos, acábanse as nacións.

Pero por ‘putero cariñoso’ estaba a se referir ao ‘putero amigo’, un dos catro arquetipos que distinguiron as sociólogas de Vigo, un home que busca afectividade no encontro e pensa, interpreta, que a ofrece, que non se trata só dun mero servizo sexual pagado cunha muller, digamos, de trata, traficada. Por ‘putero español’ entenderiamos, segundo a investigación, arredor do 25% dos homes.

-Que va, o 80% dos homes van, dime cun empirismo de rúa un amigo que os coñece ben.

-O pai dun amigo, dime unha adolescente, ofreceulle no seu aniversario, no do fillo, ‘ir de putas’.

A despenalización do proxenitismo, e isto vén de lonxe, responde a unha concepción atávica pero moi específica das mulleres: son mercadoría intercambiable, son signos e portan signos, propiedades

A despenalización do proxenitismo, e isto vén de lonxe, responde a unha concepción atávica pero moi específica das mulleres: son mercadoría intercambiable, son signos e portan signos, propiedades. E gárdanse unhas como reprodutoras dos herdeiros e outras, para o sexo. Por tal cousa di o ‘putero misóxino’: pago porque o matrimonio sae máis caro. Por tal cousa dixo unha lectura feminista marxista do patriarcado: o matrimonio é unha prostitución legal. Oh, Sunday girl, how do you call your lover boy...?

De aí con facilidade se explica o clásico: todas son unhas putas (o que correlativamente faría a todos os homes uns ‘puteros’).... Mmm.... non se sabe ben, hai moita confusión: coñezo a quen ía camiñando entre limusinas cuns leggings que nin eran de Inditex e lle preguntaron: canto é? Ela quedou moi abraiada, pois era noviña, pero creo que pola diferenza de clase... Coñezo a quen todos os seus ex-mozos, menos mal que non eran moitos, a despediran cun: puta!, porque hai que ter sorte na vida, e non a todas lles toca o putero cariñoso...

Calquera que camiñe fóra das férreas fronteiras heteropatriarcais é unha puta. Por exemplo: unha muller que entra nun baño dun bar, nunha festa multitudinaria e casposa e especista, é, así, perfectamente, violable, pois é unha puta

Por iso o feminismo dos 70, e Preciado aínda e estes últimos días tamén eu, reivindica o uso reapropiado do significante... ben, isto xa son cousas longas... Por iso calquera que camiñe fóra das férreas fronteiras heteropatriarcais é unha puta. Por exemplo: unha muller que entra nun baño dun bar, nunha festa multitudinaria e casposa e especista, é, así, perfectamente, violable, pois é unha puta. Por exemplo, un home non prioritariamente heterosexual que entra nun baño dun bar un día calquera é perfectamente acosable, pois tamén é unha puta.

Por iso un rapaz di: ela estaba falando e eu non entendía nada, así que me pirei a fumar uns canutos e a tomar unhas birras, e ela quedou alí chorando, e o amigo contéstalle: será puta! Por iso a un adolescente que xoga ao baloncesto cos colegas escápaselle o balón e bérralle, con noxo e rabia: putaaa!! Todo o que conto é verdade e existe. Son os tópicos que reproduce a sociedade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.