Os empotradores

-Díxome se era unha ninfómana... C falaba dun amante insatisfactorio, que se presentaba a si mesmo dende a debilidade, ‘non son un león, son máis ben un canciño pequerrecho’, e coidado cos homes inseguros que, no fondo, sofren por non alcanzar o ideal de masculinidade...  Só quere unha ou dúas veces ao mes, proseguiu.  Cando ela demandaba máis acusábaa de ser unha muller buscando marido. Porque eles, que din estar codificados para esparexer o seu esperma polo mundo, simplemente adoitan estar educados nunha maior autoestima, non a respecto da masculinidade, da que senten a presión de ter que responder socialmente, senón con respecto ás mulleres que, pola súa banda, nunca dan por sentado que calquera xira en torno a elas. Elas son educadas para xirar e depender e se non o fan, dalgún xeito son obrigadas. Sen coacción, sen coacción:

-De min sempre pensan que estou ligando, comentou B con rapidez, mentres C explicaba que, acto seguido á acusación, se lle demandaba que contestase amorosamente aos whatsapp, que se despedise cariñosa ao marchar,... Pedíaselle a interpretación dunha muller namorada para poder el interpretar o enfant terrible, con vontade de solteiro de ouro, aínda que quedase en latón. Así que C tivo que deixar claro, insistentemente, que só quería sexo:

-Mira, paso dos corenta e non me interesa ningunha afectividade fóra dos encontros, e si neles, ese é o estado vital no que estou, vale?

Así que despois de tal conversa, cando ela demandaba máis era unha enferma, por non dicir puta, porque o desexo sexual nas mulleres, igual que a súa ausencia, para o que xa hai pastillas, non se sabe entender fóra da patoloxía, porque fóra da pauta do varón, estase fóra da pauta e explícase tal experiencia baixo o prisma da anormalidade. En ningún caso se lle pregunta ao desexo feminino que desexa, e todas saben que ao final é cando eles queren... a non ser que formes parte das ‘boas e listas’ mulleres que saben conseguir o que queren sen que se note... Sen que se note, así si... que dea a sensación de que unha tal evolución da humanidade se debeu ao macho cazador...

-É unha odisea, e non a de Ulises, ter unha vida sexual saudable nestes contextos, queixábase, e con razón, asentía B, comprendendo cada frustración tapiada con licor. Xa non quero entrar na calidade do puramente físico, continuaba, alterando a mirada nunha nacente desesperación abortada coa abnegación que só dá a idea de saber que non hai dispoñible no mercado ningunha outra vida posible. Fóra diso o que hai son empotradores, parece que están de moda, dinme as amigas.

-Empotradores...? Queres dicir... (e B fixo un movemento de retirada brusca cara atrás)?

-Si, si, que te empotran contra a parede.

Oh... como queixarse dos alumnos avantaxados das sombras de Grey? Como queixarse dos perfectos intérpretes do mito do desexo masculino incontrolable? Como non gozar dun corpo masculino tendo todo o poder sobre un corpo feminino? Como fuxir das sombras culturais da violación? Das sombras da dominación extrema, da posesión dun obxecto por un suxeito, como permite o Dereito Romano, que tan ben se soubo pulir para a teoría liberal. Enténdese entón a publicidade de modelos agredidas e mortas? A morphè, a esencia da muller ten que ser a da res nullius, algo apropiable para o primeiro que a tome. Esa forma, esa morphè é a dunha realidade asexuada. Mirade, as cirurxías xenitais non só recompoñen himes ou minimizan os beizos vaxinais, non só buscan un modelo infantil e virxinal de misóxina aversión á muller madura, senón que tamén inclúen liposuccións do monte de Venus e mesmo chegaron a Tele Tienda disimuladores dos pregamentos, para o bañador, para poder conseguir así o triángulo da Barbie. Chégase a negar a mesma sexualidade biolóxica feminina, non hormonal senón morfolóxica que, como boneca, abre a súa interioridade viscosa só cando o Falo aparece, como hierofanía, e obra a milagre: só coa súa irrupción nace o sexo feminino, ata tal punto está captado por el.

-Por iso agora uso máis o vibrador, intentou animar C á que escoitaba curiosa, non tes? Invocouna para xerar unha certa complicidade animosa mentres se achegaba un bisbeo aos seus oídos xa nunca espantados:

-Son vostedes unhas musas.... pero... ante la duda, la más tetuda.

-Si, respondeu B taxativa, teño, pero vou mercar un máis grande, concluíu pousando a mirada no infinito, que remataba na parede do bar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.