'X-offender'. Sedución e poder

Se algúns animais, e tamén os gregos, que non están tan lonxe, ofrecían anacos de carne ás mulleres para cortexalas, que podemos esperar dunha civilización en decadencia? Viaxes adrenalínicos en jets privados? Non, non, para as mortais, no mellor dos casos, hai detalles, detalles que chegan coa mesma férrea vontade de atopar unha cópula.

Se algúns animais, e tamén os gregos, que non están tan lonxe, ofrecían anacos de carne ás mulleres para cortexalas, que podemos esperar dunha civilización en decadencia?

M seguía xogando aos gregos, pero tamén era algo alexandrina, e como unha Hipatia, tras observar as constelacións do afastado ceo, adestraba as súas respiracións profundas na auga, moi viva, da piscina... Cando emerxía polas escaleiras metálicas moitos se interesaban no seu gusto pola natación: que vés, nadar? Gústache nadar, si? Un dos monitores achegouse un día, co ritmo que marca a etoloxía, tímido mais coa seguridade que dá, dende algún lugar do sistema límbico, toda a interiorización filoxenética. Arrancouse e soltou: toma, un gorro do equipo local, para que nades.

Din os estudosos do tema, dende USA, que as variantes desta primeira fase romper o xeo dependen da imaxinación de cadaquén. El asentiuse a si mesmo cun par de movementos verticais do queixo, que ela repetiu mimeticamente. Non hai que facer que a xente se sinta mal e en realidade podería ter accedido a algún encontro, pero que opcións de resposta tiña para viabilizar tal intento con esa acometida?

Ademais, suponse que o papel das femias, en xeral, coincide co das patricias romanas, que retiran, tímidas, a mirada. Ben, M sentíase un pouco desorientada nese patrón, que xa establece no primeiro paso unha dominación, xa sabedes, you just have to laugh. No cortexo non hai unha relación de igual a igual: un seduce, unha é seducida. Ah, non, din, ela seduce, isto é, móstrase dispoñible, suficientemente débil para ser atacada.

Defenden os etólogos, neste punto, que nas outras especies as femias son explícitas e persistentes cando teñen gañas de sexo, mais nos humanos os factores culturais xogan en contra, na contra das mulleres, por iso de que había que manter o patrimonio ben atado. Así que, por cada tía que avanza, hai un tío que recúa: tes medo de min ou tes medo de ti mesmo?, querería preguntar M algunha vez. Que pasaría se ela contestase, sen máis: queres o meu número de teléfono? Podes chamarme esta noite.

Observaba que os machos non soportaban saír da súa zona de confort, do seu papel dominante, aínda cando se mostran inofensivos: esas tácticas de facer rir... Non, definitivamente a M non lle gustaba regalar o seu cetro.

Cando chegaba a época de celo, cos primeiros raios de sol, aquí, nas zonas cálidas do país, ir pola rúa era coma un diálogo co mundo, sen mediación, palpándoo tal cal: ese sorrisooo! (estou sorrindo?), que estilazooo! (un like), pero que moza tan molonaaa! (este parecía querer albiscar o espírito), ese é camiñar, e non o da garda civil!!  (entenderedes outro día por que sorriu abertamente fronte a esta valoración), non eran nada ao lado daquel memorable: aí cabían dous! Ben, era como ter cheerleaders acompañando.

Cando chegaba a época de celo, cos primeiros raios de sol, aquí, nas zonas cálidas do país, ir pola rúa era coma un diálogo co mundo, sen mediación

Incluso cando estes machos só miran non hai titubeo na distribución de papeis: a súa é a posición de suxeito e a túa, de obxecto. M tiña retado cos seus ollos esas miradas reificantes, e cando o obxecto cobra vida, desafiante, asusta: devolvendo a mirada aos tribunais populares espontáneos vólvense eles patricias. Ben, minto, algúns véñense arriba e berran coma quen canta I call you from insiiiiiide my cell, facendo do inside un ouveo angustiado dende a cela do desexo clausurado. Nalgúns países estase valorando considerar acoso os piropos e cobrar multas. Aínda que vemos o estimulante que é, podería ser boa idea: o paro seguiría baixando en temporadas altas e o PIB acadaría as cotas máis altas en primavera.

I’ll be a rock’n’rolling bitch for you, parecía dicir un mozo esta estación. Como alimento sedutor, así se chama a dádiva que pretende a consumación sempre flotante, ofrecíalle caladas para fumar e mostraba, cara M, o mesmo interese que os fociños do seu gato cando cheiraba a comida. Un día o t-bird estoupou: mira, se es lesbiana dimo xa! Claro, neste xogo, there’s no doubt, I’ll be sex offensive to you!, nada é de balde. Era a prototípica análise do típico ego masculino: a verdade dende logo que non está aí fóra, pero o problema, de seguro que si. M só respondeu cun aceno de noxo e lixeira incomprensión. Estaba inventando algo así como o punk-zen, como cuspirche sen arquear a mirada. Moito a incomodaba ese movemento reflexo que mostra na heteronormatividade unha liña recta: mira, repetía ela, hai infinitos xeitos de estar fóra, niso precisamente consiste estar fóra....

Era a prototípica análise do típico ego masculino: a verdade dende logo que non está aí fóra, pero o problema, de seguro que si

-Se non foras tan intelixente, serías basicamente perfecta, espetoulle.

Ai... eses ecos... esas alegrías de vivir no deserto...

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.