7 dos 11 conselleiros xa teñen cargos no PP de Feijóo despois de que Rueda non llelos dese no PPdeG para centralos na Xunta

Feijóo no seu derradeiro Consello da Xunta, o 5 de maio, con conselleiros e conselleiras aos que deu cargos no PP estatal CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Cando en maio asumiu a presidencia do partido en Galicia, Rueda evitou meter na súa directiva a membros do Goberno galego para descargalos de traballo, pero agora a maioría teñen responsabilidades sectoriais no PP estatal

A fin de semana do 21 e 22 de maio, no congreso do PPdeG celebrado en Pontevedra no que Alfonso Rueda foi elixido presidente do partido tras a marcha de Alberto Núñez Feijóo a Madrid, o novo líder da formación en Galicia evitou que ningún dos conselleiros da Xunta tivese cargos na súa nova directiva. Boa parte deles si tiñan responsabilidades na anterior dirección galega de Feijóo, pero na nova xeira Rueda prefería liberalos de responsabilidades no partido para que se centrasen no seu traballo na Xunta. Catro meses máis tarde, a gran maioría deles, 7 de 11, ocupan xa distintas responsabilidades na dirección do PP estatal con Feijóo.

Organigrama do PP estatal cos conselleiros e conselleiras da Xunta marcados cun círculo e outros altos cargos do Goberno galego subliñados CC-BY-SA Praza Pública

Menos dun ano antes de marchar a Madrid, no congreso que en xullo de 2021 o volveu reelixir presidente do PPdeG, Feijóo deu distintos postos no partido a varios conselleiros e conselleiras. Ademais de que o seu daquela vicepresidente Alfonso Rueda fose tamén presidente do PP de Pontevedra, Feijóo estableceu seis vicesecretarías na súa dirección do PPdeG, dous das cales, as de Axenda Verde e Servizos Públicos, foron para as conselleiras de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e Política Social, Fabiola García. Ademais, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, pasou a ser coordinador da área de sanidade do PPdeG, entre outros nomeamentos no partido doutros cargos inferiores da Xunta. E outros conselleiros e conselleiras ocupaban outros postos na xunta directiva ou no comité executivo.

Porén, cando Rueda sucedeu a Feijóo á fronte do partido o pasado maio decidiu que ningún conselleiro ou conselleira ocupase postos sectoriais na dirección da formación, que foron parar na súa maior parte a deputados e deputadas. O argumento no que incidiu o seu equipo foi o de que os membros do goberno debían centrar o seu traballo na Xunta no que quedaba de lexislatura.

Pero catro meses máis tarde a gran maioría dos conselleiros e conselleiras teñen xa cargos sectoriais na dirección do PP estatal de Feijóo, que desde os seus primeiros nomeamentos deixou claro que seguiría a contar en Madrid coas súas persoas de confianza en Galicia.

Na dirección estatal de Feijóo hai tamén outros altos cargos da Xunta, e outras dúas conselleiras forman parte da xunta directiva estatal do partido, o seu máximo órgano de dirección entre congresos

Comezando polos vicepresidentes da Xunta, o económico, Francisco Conde, vén de ser colocado á fronte da área de Innovación e I+D+i do PP estatal. E o vicepresidente político, Diego Calvo, xa fora elixido no congreso estatal do partido de abril presidente do comité electoral do PP.

Seguindo na orde de prelación da Xunta, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, está á fronte da Secretaría de Facenda do PP. A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, asumiu a área de Infraestruturas do partido. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a área de Xestión da Innovación na Sanidade. O conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, a área de Desenvolvemento Rural do PP. E a conselleira do Mar, Rosa Quintana, a área de Pesca.

As conselleiras de Mar, Medio Ambiente e Infraestruturas, xunto cunha deputada, o venres 1 de abril en Sevilla no congreso que elixiu a Feijóo presidente estatal do PP © @Anxeles_Vazquez

Ademais destes cargos sectoriais, outras dúas conselleiras a de Política Social, Fabiola García, e a de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, forman parte da xunta directiva estatal, máximo órgano de dirección do PP entre congresos. Só quedarían fóra de cargos de relevancia no novo PP de Feijóo o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana.

Hai dúas semanas Rueda pediu aos seus altos cargos un maior esforzo na xestión da Xunta no que queda de lexislatura

Pero a captación por Feijóo de cargos da Xunta para a súa directiva non queda aí. Outros dous altos cargos tamén teñen responsabilidades compartidas entre a administración galega e a dirección do PP estatal. Son o delegado da Xunta en Arxentina, Alejandro López Dobarro, que é o representante do PP en Iberoamérica, e a directora xeral de Calidade Ambiental, Sagrario Pérez Castellanos, á fronte da área de Medio Ambiente do partido a nivel estatal.

Ao tempo que todos estes membros do Goberno e altos cargos asumen responsabilidades sectoriais no PP estatal, o pasado 19 de setembro Alfonso Rueda organizou un acto cos máximos responsables da súa administración para pedirlles un maior esforzo na xestión da Xunta e fixarlles novos obxectivos para o que queda de lexislatura.

Rueda intervén ante os altos cargos do seu Goberno o 19 de setembro de 2022 CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.