A lentitude da Xunta coas axudas ao alugueiro volve evidenciarse ao certificar que ficou sen cartos

Edificios de vivendas en Santiago, coa sede central da Xunta ao fondo, e retallos da publicidade do bono alugueiro e da resolución que certifica a fin dos fondos CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

As axudas ao alugueiro para persoas menores de 36 anos son parte do Plan Estatal de Vivenda 2022-25, mediante o cal o Goberno de España transferiu ás comunidades autónomas os fondos precisos para financiar achegas de 250 euros mensuais. No caso de Galicia o bono alugueiro mocidade botou a andar no verán de 2022 con case 23 millóns de euros achegados polo Estado e unha normativa na que a Xunta se fixaba a si mesma tres meses para resolver as solicitudes.

O Defensor del Pueblo xa acreditara o "grave incumprimento" dos prazos do Bono Alugueiro, con demoras superiores a un ano tras estipular a Xunta que resolvería nun máximo de 3 meses

O pasado marzo, no marco do seu informe anual de 2023, o Defensor del Pueblo acreditou o "grave incumprimento" do Goberno galego á hora de atender os seus propios prazos para resolver estas axudas, con demoras superiores a un ano. Esta lentitude regresou nos últimos días á actualidade cando, case dous anos despois do inicio do procedemento, a Xunta acreditou oficialmente que esgotou os cartos que lle remitira o Estado para sufragar estes subsidios.

A xestión do bono alugueiro mocidade desenvolveuse mentres Ángeles Vázquez foi a conselleira con competencias en materia de vivenda -na imaxe, con Rueda nun acto sobre ocupacións ilegais- CC-BY-SA Xunta

Foi, concretamente, o pasado 16 de abril cando o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) -ata agora dependente da Consellería de Medio Ambiente e, de agora en diante, da nova Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas- fixo oficiais no Diario Oficial de Galicia as "resolucións de denegación da subvención do Programa de bono alugueiro mocidade por esgotamento do crédito orzamentario" na convocatoria de 2022 e a medida equivalente para 2023. 

Neste abril de 2024 a Xunta certificou oficialmente no DOG que esgotou os 23 millóns que lle transferira o Estado para sufragar estas axudas, convocadas en xuño de 2022

A notificación por SMS ás persoas afectadas non tardou en saltar aos medios de comunicación -a comezar pola Cadena SER-, co foco posto non só no propio esgotamento dunhas axudas que, como tantas outras do Goberno galego, son concedidas coa orde de chegada como principal criterio -a denominada concorrencia non competitiva-. Tamén no feito de que non sexa ata abril de 2024 cando fique oficialmente confirmado que xa non hai fondos para as axudas de 2022 e que, polo tanto, quen non as recibiu xa, non as vai recibir.

Atendendo ao divulgado polo propio Goberno galego, foi o 3 de xaneiro deste 2024 cando o IGVS "certifica a data e hora en que se esgotou o crédito da convocatoria para 2022" e o 15 de marzo o director xeral, Heriberto García, "ditou as resolucións" que denegan a axuda a "todas aquelas solicitudes presentadas ou emendadas con posterioridade ao esgotamento do crédito". Os días 1 e 20 de marzo sucedeu o mesmo para a convocatoria de 2023 (dotada con 2,8 millóns).

Publicidade da Xunta no lanzamento do Bono Alugueiro Mocidade, sen referencias ao Plan Estatal de Vivenda, que financiou a medida CC-BY-SA Xunta

Ante o balbordo xerado, ademais de culpar o Goberno de España da lentitude na xestión das solicitudes, a Xunta respondeu a varios medios de comunicación que, en realidade, o esgotamento dos fondos xa se constatou en xaneiro de 2023 -as axudas podían pedirse de xaneiro a outubro de 2022-, cando levaban concedidas algo máis de 4.000. 

Vivenda argumenta que tardou máis porque durante 2023 reasignou fondos de axudas que xa concedera pero que quedaran "liberados" por renuncias ou incumprimentos dos solicitantes. "Fíxose unha repesca para aproveitar todo o crédito", resume Rueda para xustificar a demora

Pero durante o ano 2023, indica o IGVS, houbo renuncias ou axudas non xustificadas correctamente que propiciaron a "liberación" de parte dos fondos, que foron reasignados a solicitantes que ficaran fóra do primeiro reparto. Esa segunda volta chegou ata o outono de 2023, con algo máis dun milleiro de asignacións.

Nun sentido semellante, ao ser preguntado ao respecto tras a reunión do Consello da Xunta deste luns, Rueda atribuíu a demora a que "se fixo unha repesca" entre as renuncias e axudas con eivas "para aproveitar todo o crédito". "Polo tanto, xa se repartiron todas", concluíu.

Sexa como for, o certo é que entre a publicación da primeira orde de axudas (30 de xuño de 2022) cun prazo de catro meses para as solicitudes e a constatación oficial de que non se van conceder máis porque os fondos quedaron esgotados (16 de abril de 2024) pasaron case dous anos. O período transcorrido entre a segunda orde e a constatación da fin dos cartos foi de máis dun ano.

Durante este período, un número indeterminado de solicitantes permaneceron na incerteza de saberen se contarían ou non con 250 euros de achega mensual para o alugueiro dun piso durante dous anos. Isto sucede porque o silencio administrativo negativo (se a Xunta non responde implica denegación da axuda, segundo as bases) conviviu con concesións que chegaron notablemente despois dos tres meses que a Xunta se dera a si mesma como "prazo máximo" para responder cada petición, tal e como acreditou o Defensor del Pueblo.

A política de vivenda, un dos eixos da lexislatura?

Pontón reitera a súa oferta de "pacto de país" sobre vivenda ante os "síntomas de desleixo, incapacidade e incompetencia" que observa en xestións como a do bono de alugueiro

As devanditas publicacións no DOG axitaron o debate sobre a xestión da Xunta en materia de vivenda e a súa negativa a complementar con fondos propios o bono alugueiro mocidade, publicitado no seu momento dende o Executivo do PP como unha medida de seu, sen mencións á orixe estatal do orzamento. Esa negativa foi reprochada nos últimos días polo delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, así como por representantes de BNG e PSdeG no Parlamento.

De vivenda, precisamente, falarase esta semana no primeiro pleno ordinario do Parlamento na nova lexislatura despois de que tanto o presidente Rueda como Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro xa o fixesen durante o debate de investidura. Na sesión desta semana o BNG interpelará o Goberno sobre as súas "estratexias para afrontar a actual crise de acceso á vivenda" e, na véspera do pleno, Pontón reuniuse con responsables municipais do Bloque na materia para propoñer "un pacto de país sobre vivenda".

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, durante o debate de investidura; e José Ramón Gómez Besteiro, voceiro e vindeiro secretario xeral do PSdeG, este luns ante a prensa no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG | PSdeG

Fronte aos "síntomas de desleixo, incapacidade e incompetencia" que, ao seu xuízo, amosa o PP con xestións como a do bono de alugueiro para a mocidade, a líder do Bloque reitera a "man tendida" do Bloque para un acordo que debera comezar, di, por un programa de compra de vivenda baleira para ofertala en alugueiro a prezos taxados. Tamén implicaría, di, limitar as vivendas de uso turístico e un plan específico para "as persoas en situación de maior vulnerabilidade": "Os alugueiros subiron un 44% de media pero non os salarios, así non se pode", resume.

Besteiro insta a Xunta a "achegar fondos propios para atender as mozas e mozos que quedaron sen axuda" ao alugueiro e Rueda fai responsable ao Goberno de España: "Se hai unha decisión de prorrogar eses fondos estatais, ningún problema"

Tamén Besteiro emprazaba este luns a Rueda a "poñer as pilas na xestión da vivenda" tras ver constatada a "pésima xestión do bono alugueiro". Neste sentido, o líder socialista lembra a súa propia oferta de pacto pola vivenda sinala que o PSdeG xa rexistrou "unha batería de iniciativas para reclamar ao Goberno galego que achegue fondos propios para atender as mozas e mozos que quedaron sen axuda".

Esa posibilidade de complementar a través da Xunta o bono esgotado xa é desbotada por Rueda. "Se trata de axudas estatais", evidencia o presidente e "se hai unha decisión de prorrogar estes fondos estatais por parte da administración central, o Goberno da Xunta non terá ningún problema". Pero se isto non sucede, mantén, "nós xa temos a nosa propia política de vivenda e nosos propios bonos"

Nesta liña, no pleno do Parlamento o PP formula unha iniciativa sobre "as medidas que vai adoptar o Goberno galego co obxectivo de que Galicia sexa incluída no Programa Viena, da Sareb, que prevé a construción de 3.500 vivendas para alugueiro accesible en dez comunidades autónomas". Faino dentro da promesa xeral, reiterada nos últimos días, de "duplicar o parque público de vivendas" ata chegar "ás 8.000" no remate da lexislatura, marcada pola abondosa chegada de fondos europeos para esta finalidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.