Rueda insire catro caras novas nun Goberno sen vicepresidencias

Vista do complexo administrativo de San Caetano, sede central da Xunta, e as novas incorporacións ao Goberno galego CC-BY-SA Praza.gal

Catro caras novas, unha consellería máis e unha certa recolocación de competencias na que o presidente gaña peso. Alfonso Rueda asinou este domingo os decretos de nomeamento dos novos membros do Goberno galego e, como el mesmo avanzara, insire mudanzas no Consello da Xunta entre as que destaca a ausencia de vicepresidencias por primeira vez dende que, en 2012, Alberto Núñez Feijóo o nomeu a el mesmo como vicepresidente único tras lograr a presidencia por segunda vez.

O Goberno terá unha consellería máis nun organigrama no que se estrean os novos titulares de Sanidade, Vivenda, Cultura e Medio Rural

Despois de catro anos con dúas vicepresidencias, esquema recuperado por Feijóo en 2020 que Rueda herdou tras a marcha a Madrid do seu xefe de filas, o primeiro Consello deseñado dende cero polo actual titular do Executivo prescinde desta figura aínda que mantén os que ata agora eran vicepresidente e vicepresidenta. Diego Calvo conserva as competencias de Presidencia, Xustiza e Deportes e Ángeles Vázquez as de Medio Ambiente nunha consellería que perde as de Vivenda, asociadas de agora en diante ás Infraestruturas -onde xa estiveran no pasado-, pero gaña as de enerxía.

Vivenda e Planificación de Infraestruturas, precisamente, é un dos departamentos -con nova denominación que terá á fronte unha das debutantes no Goberno: María Martínez Allegue, que remuda a Ethel Vázquez. Integrante das listas do PP por Pontevedra o pasado 18F, xa desempeñou cargos de inferior rango nesta área como directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística ou xefa provincial de Vivenda e Infraestruturas.

O xefe de Oncoloxía Radioterápica do CHUS, Gómez Caamaño, remuda a Comesaña en Sanidade. O alcalde da Estrada, López Campos, entra no Executivo para encabezar a nova Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

O departamento responsable dos maiores investimentos no Goberno cambia de titular e o mesmo sucede no que manexa máis orzamento e é política e socialmente máis sensible: Sanidade. Julio García Comesaña sae do Executivo tras algo máis de tres anos e entra nel o médico Antonio Gómez Camaño, que dende 2013 dirixe o servizo de Oncoloxía Radioterápica do Clínico de Santiago.

Xunto a esta novidade máis interpretable en clave técnica as outras dúas poden ter, a priori, maior lectura política. É o caso de José López Campos, o ata agora alcalde da Estrada, elixido por Rueda para encabezar a nova Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. As competencias culturais vólvense separar de Educación -movemento de ida e volta en varias ocasións na última década e media- e manteñen anexa a política lingüística, que é simbolicamente elevada ao nome dunha Consellería para a que soara con forza o actual secretario xeral deste departamento, Valentín García

Alfonso Rueda asina o decreto cos nomeamentos dos conselleiros e consellerias, este 14 de abril de 2024 CC-BY-SA Xunta

López Campos será ademais responsable de Xuventude, área dependente ata agora de Política Social. A consellería responsable da área social seguirá tendo á fronte a Fabiola García, baixo cuxa responsabilidade pasan a estar ademais as políticas de Igualdade, nos últimos tempos anexas a Emprego aínda que xa ligadas no pasado á consellería con competencias en materia de benestar.

A alcaldesa de Guntín asume Medio Rural e o ata agora conselleiro pasa a Emprego, área xestionada durante menos dun ano por Elena Rivo, que sae do Consello

A cuarta incorporación, tamén interpretable en clave política e mesmo de equilibrios territoriais internos do PP, é a da ata agora alcaldesa de Guntín, María José Gómez. Rueda encoméndalle  a Consellería do Medio Rural malia ter unha formación e traxectoria máis ligada ao mundo do ensino, pero ligazón coa actividade gandeira a través da explotación da súa familia.

O departamento rural deixa de ter á fronte a José González, que non sae do Consello senón que asume a área de Emprego tras o breve paso de Elena Rivo, conselleira por menos dun ano. Nesa área quedan encadradas, ademais, as competencias de Comercio e Emigración, esta última asociada ata agora á Presidencia da Xunta.

O nomeamento do Goberno chega ao día seguinte da toma de posesión do presidente -na imaxe- CC-BY-SA David Cabezón / Xoán Crespo - Pool Xunta

Á espera de que sexa aprobada a estrutura orgánica completa que desenvolva con concreción as competencias de todas as consellerías e da propia Presidencia da Xunta -da que veñen dependendo departamentos como Turismo-, o asinado por Rueda este domingo amosa que permanecen nos seus postos e coas mesmas ou máis competencias conselleiros como Román Rodríguez, que suma Ciencia ás competencias de Educación, Universidades e FP.

Román Rodríguez segue en Educación, que perde as competencias de Cultura pero gaña as de Ciencia

Este é tamén o caso de  María Jesús Lorenzana, que continúa en Economía e Industria. Faino sen a área de Innovación, que queda ligada á educativa, pero sumando a xestión do solo industrial, segundo avanzou Rueda no debate de investidura.

A priori, as únicas consellerías que continúan intactas a respecto da crise de goberno do pasado 2023 son as de Facenda, con Miguel Corgos como conselleiro tamén encargado de Administración Pública, e mais a do Mar, na que continúa Alfonso Villares.

Os sete homes e cinco mulleres que compoñen o novo Consello da Xunta xunto ao propio Rueda -o anterior estaba conformado por seis conselleiros e cinco conselleiras- toman posesión ante o presidente este luns, 15 de abril, cadrando coa publicación dos seus nomeamentos no DOG. Finalizarán así case dous meses de Goberno en funcións, se ben aínda faltarán semanas para a posta en marcha de todas as mudanzas en postos de rango inferior.

Tomas de posesión dos novos membros do Goberno galego, este 15 de abril no Pazo de Raxoi (Santiago) CC BY-SA Imaxe: Xunta Edición: Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.