O sexto presidente da Xunta elixido nas urnas tomou posesión no mediodía deste sábado nun acto celebrado no parque de San Domingos de Bonaval (en Compostela) como un galego máis. “Un galego de Pontevedra”, indicou Alfonso Rueda, nun discurso no que apelou ao diálogo e o espírito de consenso e no que defendeu a política sen crispacións, a política “do sentidiño”. Foi un discurso sinxelo, protagonizado polas referencias á súa familia e con pouca profundidade política, que para iso xa está o Parlamento. Foi, en realidade, como se o presidente continuara a darse a coñecer ante a cidadanía, seguindo o ronsel do traballo feito durante a campaña electoral.