As contas de Praza

Fundación Praza Pública é a editoral do xornal Praza.gal. É unha fundación sen ánimo de lucro que ten por finalidade estatutaria o fomento da información e o debate público como forma de contribución ao exercicio cívico da cidadanía galega e  a promoción da cultura e a lingua galegas. Constituíuse en maio de 2012 e está rexistrada como fundación de interese galego, polo que as achegas das socias e socios contan coas correspondentes desgravacións no IRPF e no imposto de sociedades.

Informe financeiro de 2024

De acordo coa nosa política de transparencia, achegamos un resumo das contas económicas de Praza no ano 2024 unha vez aprobadas polos órganos correspondentes da Fundación Praza Pública.

No ámbito dos ingresos, durante 2024 incrementouse un chisco a partida de achegas das socias e socios, ata achegarse aos 50.000 euros. Pero non o fixo na mesma medida en que diminuíu a dos ingresos por publicidade, un mercado cada vez máis complexo, cambiante e inestable no que non todas as accións previstas puideron concretarse. Un mercado que, no caso galego, está ademais especialmente condicionado por grandes anunciantes institucionais aos que Praza.gal non sempre ten acceso.

https://api.praza.gal/storage/uploads/pd6va-ingresos-fundaci-n-praza-p-blica-2024-e8a7d02.png

Ambos factores confluíron no exercicio en que consolidamos o sexto posto do equipo da redacción de Praza.gal, co consecuente incremento dos fondos destinados a persoal, a principal partida de gasto das nosas contas. Mentres, o resto de gastos (xestión, mantemento) mantivéronse estables ou experimentaron incrementos pouco relevantes.

https://api.praza.gal/storage/uploads/z9rpg-gastos-fundaci-n-praza-p-blica-2024-a53ee0b.png

Un esforzo adicional imprescindible

Como amosa o cadro sobre estas liñas, o resultado final da Fundación Praza Pública no exercicio 2024 foi negativo en 8.556 euros. Se ben a editora do xornal contou coa capacidade para asumir estas perdas, a súa asunción fai imprescindible un esforzo adicional. A comezar polo equipo da propia Fundación na captación de recursos e a seguir pola comunidade de socias e socios, que necesariamente deberemos incrementar cuantitativa e cualitativamente para evitarmos que o que é -nin máis, nin menos- unha situación axustada derive noutra de indesexables dificultades e, sobre todo, para asegurarmos que o proxecto de Praza Pública pode seguir medrando sobre bases seguras e independentes.

O 2024 foi outro ano moi intenso informativamente. Os nosos datos de tráfico así o acreditaron. Así sucedeu malia aos atrancos alleos a Praza.gal, como a política e continuas mudanzas dalgunha das principais redes sociais cara aos medios de comunicación, lastrando a difusión de contidos informativos. Tamén malia aos obstáculos que permanecen na contorna informativa galega, como a desigual política de axudas e insercións publicitarias dalgunhas das principais institucións públicas do país, que continúan a distorsionar o peso real de cada medio sen ter en conta aspectos como a súa difusión real, pero tamén outros coma os dereitos laborais ou o uso da lingua galega.

Estes e outros motivos, como á primacía de grandes plataformas transnacionais no mercado publicitario, non fan máis que fortalecer a nosa aposta comunitaria polas socias e socios como chave do futuro de Praza.gal. O apoio da comunidade é, ao cabo, a mellor garantía de podermos editar cada día un xornal plural e en galego e de facelo cun cadro de persoal estable en condicións laborais dignas que poida traballar sen temor ás presións.

En virtude da lexislación vixente en materia de entidades sen fins lucrativos e mecenado, as achegas das socias e socios de Praza.gal son doazóns á Fundación Praza Pública. Tal e como fixa o Real Decreto-lei 17/2020, cos incrementos previstos para o ano 2024 a persoa física que as realiza ten dereito a deducir da cota íntegra do IRPF un 80% dos primeiros 250 euros doados -do total de doazóns que realice a estas entidades-, e do que exceda de 250 euros, o 40 %. Isto quere dicir que, por exemplo, unha cota mensual de 10 euros ao mes como socia ou socio de Praza pódeche quedar nun gasto real de 2 euros ao mes.

A normativa vixente mantén o límite do 10 % da base liquidable  do contribuínte. Podes consultar polo miúdo estas desgravacións neste espazo.