A CRTVG non logra que o Supremo avale a súa redución da información sobre as eleccións galegas

Debate electoral na CRTVG, o 5 de febreiro de 2024 © CRTVG
Publicidade
Publicidade

En resposta a un recurso do BNG, a Xunta Electoral de Galicia ordenou aos medios públicos dedicar ao 18F, cando menos, tanto tempo como ás anteriores eleccións. A CRTVG recorreu á Xunta Electoral Central, que non lle deu a razón, e agora sucede o mesmo no alto tribunal

En vésperas das eleccións galegas de febreiro de 2024 a Xunta Electoral de Galicia amoestou a Corporación Radio e Televisión de Galicia por reducir o tempo dedicado a informar sobre a campaña electoral. En resposta a un recurso interposto polo BNG contra o plan de cobertura daquel 18F, a autoridade electoral galega instou a CRTVG a, cando menos, dedicar aos comicios en cada Telexornal tanto tempo como nas anteriores eleccións (2020), 6 minutos, dos pouco máis de catro previstos para 2024.

No canto de limitarse a aceptar o ditame, que a efectos prácticos incrementaba en pouco máis dun minuto a cobertura electoral por informativo, a CRTVG decidiu recorrer. Fíxoo ante a Xunta Electoral Central, que non lle deu a razón, e despois ante o Tribunal Supremo, que nunha sentenza ditada o pasado 3 de abril e divulgada este día 9 se adhire aos criterios das Xuntas Electorais e non avala a conduta dos medios públicos galegos. 

Especial informativo da TVG polas eleccións do 18 de febreiro de 2024 © CRTVG

A CRTVG, explica a sentenza, "xustificou a diminución do tempo global destinado á información electoral apelando a que, en xeral, diminuíu o tempo destinado a espazos informativos". Tamén indicou que en 2020 dedicaba máis tempo ás eleccións porque había máis partidos obxecto de atención preferente e que nas anteriores eleccións celebrou cinco debates -un xeral e catro provinciais-, mentres que en 2024 organizou só un.

Publicidade
Publicidade

A xuízo do TS a corporación pública "non fixo unha axeitada integración do principio de garantía do pluralismo político e social en tempo electoral en canto ao seu fomento".

Pero a Sección Cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo non secunda a postura da empresa pública. O reproche á CRTVG, resaltan, céntrase en que "non tivo en conta a transcendencia da difusión das mensaxes políticas nun tempo intenso, especial e transitorio" como é unha campaña electoral. "Como di o BNG", resalta o ditame, nese tempo "acentúase unha das razóns de existir dos medios de comunicación de titularidade pública", que é "contribuír á formación da opinión pública, tal e como di" a lei dos medios públicos galegos de 2011, na altura aínda vixente.

A xuízo do alto tribunal, a corporación pública "non fixo unha axeitada integración do principio de garantía do pluralismo político e social en tempo electoral en canto ao seu fomento". Xustificar informar menos tempo das eleccións polas devanditas razóns ou con argumentos formais dos seus "formatos informativos", agrega, "afástase do que xustifica o mandato" a lei "para a ordenación informativa en tempo electoral", por razón "do fin que o xustifica e todo en relación, ademais, á razón de crearse medios de titularidade pública".

Unha información da CRTVG sobre as eleccións do 18F © CRTVG

Por todo isto, o Supremo ratifica integramente as resolucións nas que a Xunta Electoral de Galicia e a Xunta Electoral Central instaban a CRTVG a informar das eleccións galegas de 2024 cando menos tanto tempo como en 2020. A corporación pública, pola súa banda, terá que asumir as custas procesuais do recurso cun límite de ata 4.000 euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.