Tamén foi expedientado Pedro Sánchez, mentres que o PSOE recibiu tres amoestacións, Jácome un expediente e dúas amoestacións e o BNG unha amoestación
A sensación xeral de que esta campaña das eleccións galegas foi máis intensa e aberta que as de anteriores convocatorias tivo o seu reflexo tamén no traballo de control da legalidade por parte das xuntas electorais galega e central -as de zona analizan conflitos de tipo máis local-. A súa fiscalización das actuacións dos partidos e administracións desde a convocatoria dos comicios a finais de decembro plasmouse ata este venres 16 de febreiro -á espera do que poida suceder aínda ata o peche das urnas- nunha quincena de resolucións críticas con outras tantas actuacións que incumpriron a lei electoral. E co PP como principal protagonista deses incumprimentos.
O PP, Alfonso Rueda ou a Xunta recibiron amoestacións por 9 incumprimentos da lei electoral e teñen en marcha tres expedientes sancionadores pola súa reiteración en distintos feitos. Tamén ten aberto un expediente sancionador Pedro Sánchez, mentres que os socialistas recibiron outras 3 amoestacións. Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu un expediente e dúas amoestacións e o BNG unha amoestación.
O PP foi amoestado pola Xunta Electoral Galega en 9 ocasións. Na precampaña as resolucións centráronse en censurar que o partido fixese propaganda pedindo de xeito implícito o voto antes do momento en que se pode facer, co comezo da campaña electoral propiamente dita o 2 de febreiro. Foi o que fixo con campañas como a que presentou Galicia como unha "Illa de Estabilidade", a que pediu unha "Galicia en paz" fronte ao resto de forzas políticas, a que pretendeu facer pasar por información sobre o voto por correo ou publicacións que presentaron a Rueda como "o único camiño posible" fronte a outras siglas e "papeletas disfrazadas". A reiteración dese tipo de campañas levou á Xunta Electoral Central a pedir á galega que abrise expediente sancionador contra os populares.
A lei prevé multas de 300 a 3.000 euros para os incumprimentos da lei electoral por parte de autoridades ou funcionarios
Pero os populares tamén foron amoestados por facer electoralismo desde a Xunta, con Rueda como principal protagonista incumprindo a lei electoral ao publicitar en persoa axudas para a mocidade retornada a Galicia, para o carné de conducir, para a remodelación urbana de Ferrol ou pedir desde o atril de presidente "confianza para gobernar". Ante eses antecedentes, e tras unha denuncia polo seu anuncio tamén desde o atril de San Caetano do complemento ás pensións non contributivas, a Xunta Electoral Galega abriulle outro expediente sancionador. Pero Rueda non cesou de facer declaracións electoralistas como presidente desde o Consello da Xunta e esta semana foille aberto un segundo expediente sancionador.
Ademais, a CRTVG foi tamén obrigada pola Xunta Electoral a ampliar o tempo que prevía dedicar á información sobre a campaña electoral. E a Autoridade Portuaria de Vigo, controlada polo PP, recibiu outra amoestación porque desde un dos seus correos electrónicos corporativos enviouse propaganda dun acto de Rueda a confrarías de pescadores e outras entidades. Sumando estas dúas amoestacións por feitos que beneficiarían ao PP, ese partido sería en última instancia o destinatario dun total de 11 resolucións críticas por parte da Xunta Electoral Galega.
No caso dos expedientes sancionadores, estes aínda teñen que concluírse. A lei electoral prevé, no seu artigo 153, que "toda infracción das normas obrigatorias" contidas nesa norma que non chegue a ser delito electoral será sancionada con multa "de 300 a 3.000 euros se se trata de autoridades ou funcionarios e de 100 a 1.000 euros se se realiza por particulares".
No PSOE o expediente sancionador aberto a Pedro Sánchez foi por electoralismo nunha visita que fixo a Navantia e tras ter en conta a Xunta Electoral Central que xa fora sancionado en campañas anteriores por feitos similares. Esa visita recibira primeiro unha amoestación da Xunta Electoral Galega, pero a Central decidiu despois que os feitos eran máis graves e abriu o expediente. Ademais, o PSOE recibiu outras dúas amoestacións, a primeira pola viaxe que o ministro de Transportes, Óscar Puente, fixo a Vigo nun AVE cos Reis Magos, outra por declaracións electoralistas do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, nunha visita a Caldas de Reis.
No resto de partidos, o alcalde de Ourense e líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, foi amoestado en dúas ocasións, por un cartel co que anunciou unha obra do Concello que non está nin adxudicada e por outros carteis que culpaban a Xunta de diversos desperfectos nunha fonte e nunha vía. Logo de non retirar os carteis, como lle ordenara a Xunta Electoral, e tras unha nova denuncia, a última hora deste venres fíxose pública a apertura dun expediente sancionador contra o rexedor que non figuraba nunha primeira edición deste artigo.
Por último, o BNG foi amoestado por unha pancarta contra Rueda e a favor de Pontón colocada antes da campaña electoral que dicía "Rueda vai a Madrid recibir ordes do PP. Ana Pontón vai negociar melloras para Galiza" e que a formación retirou antes de que a Xunta Electoral chegase a resolver sobre a cuestión