A Xunta Electoral Galega só amoestara ao socialista por ver os feitos puntuais, pero o a central corríxea lembrando que Sánchez xa fora sancionado en anteriores comicios. Un día antes tamén decidira abrir expediente por reiteración ao PP.
A Xunta Electoral Central vén de facer pública a súa decisión de abrir un expediente sancionador contra Pedro Sánchez pola súa visita electoralista a Navantia do 24 de xaneiro. A Xunta Electoral Galega limitárase a amoestar ao socialista por considerar os feitos puntuais, pero a central corríxea e lembra que Sánchez xa fora sancionado dúas veces en anteriores comicios.
Un día antes a Xunta Electoral Central tamén corrixira á galega ordenando incoar expediente tamén ao PPdeG pola súa reiteración de campañas publicitarias pedindo o voto cando aínda estaba prohibido, cuestións polas que a Xunta Electoral Galega limitárase a emitir tres resolucións críticas distintas sen máis consecuencias.
O acordo co que agora a Xunta Electoral Central ordena incoar expediente sancionador contra Sánchez sinala que "son as circunstancias concretas do caso as que deben determinar a incoación -ou non- dun expediente sancionador". E segundo di, "no presente suposto debe terse en conta a gran repercusión que en toda Galicia tivo a intervención do Presidente do Goberno durante a súa visita a Navantia".
A resolución engade que "a persoa denunciada coñece (ou debería coñecer) a relevancia do deber de neutralidade inherente á altísima autoridade que ostenta, neutralidade que debe manter especialmente durante o proceso electoral", e lembra que a Xunta Electoral Central xa sancionou no pasado noutras dúas ocasións a Sánchez por infraccións cometidas "na súa condición de Presidente do Goberno", nun dos casos chegando o expediente ata o Tribunal Supremo, que ratificou o comportamento incorrecto do socialista.
Con esta decisión PP e PSOE contan cun expediente cada un, aos que hai que engadir 9 resolucións críticas co PP, 3 co PSOE e 1 co BNG
Con esta decisión da Xunta Electoral Central, tanto PP como PSOE contan xa cun expediente sancionador por infracción da lei electoral durante estes comicios do 18F. Ademais, a Xunta Electoral Galega emitiu nove resolucións críticas contra outros tantos feitos cometidos polo PP, tres contra o PSOE e unha contra o BNG, ademais doutra que corrixiu os tempos de información electoral que a CRTVG pretendía recortar.