A Xunta Electoral de Galicia (XEG) tomba parcialmente o plan de cobertura informativa da CRTVG para o 18F e ordena os medios públicos a "ampliar os tempos dedicados a información específica da campaña electoral" e igualalos, como mínimo, aos dos anteriores comicios autonómicos, en 2020. Suporá incrementar en case tres minutos máis diarios a cobertura das eleccións, en contra do criterio inicial da Corporación, que volve ser sinalada.
A Xunta Electoral estima parcialmente unha demanda do BNG, que reclamaba máis tempo para a información diaria de campaña e a celebración de debates provinciais
Nun acordo emitido este venres, o órgano que vela polo cumprimento da lei electoral estima parcialmente a reclamación interposta polo BNG contra o plan da CRTVG. A formación nacionalista solicitara a ampliación do tempo de cobertura informativa durante a campaña, cando menos ao contemplado no 2020, así como a realización de debates nas catro circunscricións electorais, mediante desconexións territoriais, e o cumprimento "dos principios" para os que os medios públicos foron creados.
A XEG atende a primeira das demandas do Bloque, instando a incrementar o tempo dedicado ao 18F na información específica diaria sobre as eleccións. O órgano electoral advirte á CRTVG que, se ben ese tempo informativo "garda proporcionalidade" entre os partidos, "non considera xustificado que pase dun total de 370 segundos en 2020 a 200 segundos en 2024".
A CRTVG reduciu en case tres minutos a información específica diaria do 18F e a Xunta Electoral lembra que iso supón 13 segundos menos diarios para o BNG que para En Marea hai catro anos
E lembra que hai catro anos a En Marea, que obtivera o 19% dos votos nas eleccións anteriores —datos que se teñen en conta para repartir os tempos e manter a proporcionalidade e garantir o pluralismo— se lle asignaron 65 segundos de información diaria, mentres que "no presente plan de cobertura o BNG, cun 23,79%, se lle asignan
52 segundos". No plan da CRTVG, ademais, establécense 1'45" para o PP e 42 segundos para o PSdeG, ademais doutros tempos menores para outras formacións.
A XEG rexeita as alegacións presentadas pola CRTVG e advírtelle da "incidencia" que a "redución" destes tempos electorais ten "na súa aplicación ás forzas políticas con representación parlamentaria en relación coa anterior convocatoria electoral". Ademais, destaca "a importancia do pluralismo político e social na programación de cobertura informativa da campaña electoral, singularmente na información específica relativa a campaña electoral".
A CRTVG xustificou a redución en que hai menos partidos "significativos" e en que os seus telexornais duran menos agora, pero a XEG di que "a motivación non é suficiente"
Porque a CRTVG, nesas alegacións, xustifica a redución dos tempos de información electoral en que a atención preferente á campaña nas eleccións de 2020 abranguía sete formacións políticas "representativas ou significativas" e que desta vez se centra en cinco, "motivo polo que o tempo de duración total da información electoral é menor”.
Tamén argumenta a CRTVG que a información específica diaria da campaña debe diminuír ao terse reducido tamén a duración dos programas informativos en comparación cos de 2020, concretamente, pasando os telexornais de 55 a 45 minutos e os informativos da Radio Galega de 45 a 30. No entanto, a Xunta Electoral di "non considerar suficiente a motivación" da dirección dos medios públicos e insiste no respecto ao "pluralismo político e social".
A Xunta Electoral asume que organizar máis debates sería o recomendable pero que non se pode meter na decisión de celebralos ou non, que é da CRTVG
Por outra banda, e en relación coa reclamación do BNG de debates nas catro provincias, a XEG di que é "incuestionable que os debates e as entrevistas constitúen un elemento concorrente ao fortalecemento e
desenvolvemento do proceso democrático", pero aclara que "a decisión da súa celebración e emisión, como ten reiterado a Xunta Electoral Central, é unha decisión que corresponde ao medio, debendo limitarse a Xunta Electoral competente a velar polo respecto aos principios de pluralismo político e social, igualdade, proporcionalidade e neutralidade informativa".
Xa que logo, advirte que serían recomendables pero que non se pode meter na decisión de celebralos ou non, que corresponde á CRTVG, que decidiu optar por un único debate e prescindir dos territoriais.
Máis críticas á CRTVG
Así, a Xunta Electoral decide estimar parcialmente a demanda do BNG, instando a CRTVG a ampliar os tempos dedicados á información específica da campaña diariamente e determinar unha duración "cando menos" igual á que consta no plan de cobertura dos comicios de 2020.
Serán, xa que logo, case tres minutos máis os que teñan que dedicar os espazos informativos dos medios públicos á información diaria da campaña, un total de 170 segundos que a CRTVG decidiu suprimir con respecto a hai catro anos.
A resolución da Xunta Electoral de Galicia (XEG) volve poñer o foco na CRTVG, fortemente criticada por parte do seu persoal, o comité intercentros e os partidos da oposición pola cobertura informativa da crise dos pellets ou pola proposta de debate electoral coincidente coas intencións do Partido Popular. O tratamento no Telexornal do vídeo persoal difundido polo PP sobre a figura do presidente da Xunta e candidato, Alfonso Rueda, foi a gota que rebordou o vaso. A representación laboral cualificou de "lamentable e vergoñento" para os traballadores unha peza que, denunciara, era "a enésima mostra do secuestro dos medios públicos". "É o NO-DO", criticara.