A finais do pasado mes de outubro, Alfonso Rueda recibiu duras críticas polo que a oposición consideraba un uso electoralista dos medios públicos galegos. O domingo anterior, o presidente da Xunta aparecera nun programa sobre persoas maiores activas e dúas semanas antes fora o protagonista no programa de entretemento Land Rober, no prime time da TVG. "Quédame probar cos programas deportivos", dixera o xefe do Executivo galego en resposta aos reproches de BNG ou PSdeG.
As críticas continuas ao "control político" da CRTVG do que persoal ou oposición acusan a PP e Xunta, que son recorrentes desde hai anos, elevan agora a súa contundencia en precampaña. Pola denuncia do tratamento da crise dos pellets ou pola coincidencia na proposta de participantes no debate electoral entre populares e a dirección dos medios públicos. En definitiva, di a oposición, pola "instrumentalización" de fondos públicos e da CRTVG "ao servizo da estratexia electoral do PP".
A cobertura que o Telexornal fixo do vídeo persoal que o PP difundiu de Rueda ergueu aínda máis ás críticas e as denuncias de "propaganda" e "manipulación" na CRTVG
Mesmo van a máis. A gota que rebordou o vaso foi o tratamento informativo que diferentes edicións do Telexornal da TVG deron do vídeo electoral que o PP difundiu sobre o perfil persoal do candidato e presidente da Xunta. Unha peza de case dous minutos, un panexírico no que "toman a palabra os máis próximos a el, entre eles as súas fillas e a súa nai", segundo a información da televisión pública no informativo.
Nela, alúdese aos "valores" que os pais inculcaron a Alfonso Rueda e que a nai sinala no vídeo, a "confianza na palabra" por parte dos seus familiares ou as gabanzas sobre o seu carácter por parte das fillas.
"Lamentable e vergoñento para as traballadoras; o Telexornal xa semella o NO-DO, sen filtros", di o comité
"Lamentable e vergoñento para as traballadoras e a enésima mostra do secuestro dos medios públicos por parte do PP", din desde o comité intercentros da CRTVG. "O Telexornal xa semella o NO-DO, sen filtros nin disimulos", denuncian, nunhas críticas que comparte Defende A Galega, colectivo de persoal dos medios públicos que este venres fai 293 protestando contra a "manipulación".
"O NO-DO do século XXI; unha publirreportaxe no Telexornal Mediodía con segundo pase no Telexornal Serán: case dous minutos a maior gloria do candidato do PPdeG", critica Defende A Galega.
O eco desta polémica peza nos informativos da TVG, a pouco máis dunha semana do inicio da campaña electoral, pairou tamén sobre a concentración que este xoves levou a cabo a plataforma Por unha CRTVG ao servizo do pobo, formada por medio cento de colectivos que reclaman o fin da "manipulación" e do que consideran unha "utilización partidista" dos medios públicos por parte do PP.
Ante a sede da Xunta en San Caetano manifestáronse representantes deses colectivos, así como de diferentes partidos políticos, como BNG ou PSdeG. Tamén persoal dos medios públicos e representantes do comité intercentros, que insistiron en que queren "informar e non manipular".
Desde o PSdeG, a cabeza de lista pola provincia da Coruña, Patricia Iglesias, acudiu á moblización e adiantou que Gómez Besteiro, o aspirante socialista á Xunta, desbloqueará a lei que regule o Estatuto Informativo e o Consello de informativos no caso de alcanzar a presidencia.
"Non somos cómplices"
"Non somos cómplices", rezaba unha das pancartas coas que persoal dos medios públicos galegos quixo deixar clara a súa oposición á "deriva" da TVG e da Radio Galega, na liña do que xa manifestaran moitos deles na mobilización na que hai dúas semanas denunciaron a "propaganda" no tratamento da crise dos pellets.
Ademais, sindicatos con representación no comité clamaron por uns medios públicos "públicos e plurais, con contidos para todas e sen inxerencias do goberno" e "ao servizo do pobo" e non do Partido Popular. Todas elas reclamacións idénticas ás mostradas polos partidos da oposición.
Esta nova protesta chega logo de que antes do Nadal a representación dos traballadores e traballadores dos medios públicos apelase ao seu Consello de Administración para deter a "manipulación" e control político a favor do PP e logo de que tamén pedise auxilio á Xunta e ao Parlamento para pór fin ao que consideran un "delirio partidista" que tornou a TVG e a Radio Galega nos últimos anos no "máis eficaz órgano de propaganda do Partido Popular".