Logo de pedir auxilio á Xunta e ao Parlamento ante o "delirio partidista" e a "manipulación informativa" na CRTVG, o comité intercentros dos medios públicos galegos apela agora ao Consello de Administración da propia Corporación.
A representación do persoal, nunha xuntanza co Consello o pasado 4 de decembro, denunciou ante os seus membros o control político ao que, ao seu xuízo, están sometidos os espazos informativos da CRTVG, en especial da Radio Galega, en favor do Partido Popular e das institucións que goberna. Ademais, como aclara nun comunicado, advertiu dos cambios producidos nos espazos informativos da emisora a finais de outubro co obxectivo de "controlar a información en moi poucas mans", o que provoca que boa parte do persoal da redacción "teña cada vez menos traballo", producindo "gran malestar e danos entre as traballadoras e os traballadores".
O comité insta o Consello de Administración a "poñer freo á manipulación informativa" na CRTVG, que "cada vez vai a máis"
O comité instou o órgano xestor da CRTVG a "poñer freo á manipulación informativa que sofren os medios públicos de Galicia, que cada vez vai a máis", e a "dar cumprimento á misión de servizo público segundo dispón a propia a Lei de Medios". Ademais, denunciou o "contexto de conflitividade e a ausencia de diálogo" entre a Corporación e o persoal e acusou a dirección de "intentar amedrentar a representación do persoal no exercicio das súas funcións".
Así, lembráronlle ao propio Consello de Administración "que hai xa catro anos que se comprometeu un
traballo para sacar adiante o Consello de Informativos da CRTVG, que a día de hoxe dista moito de ser unha realidade".
A representación do persoal advirte da "irrelevancia" da Radio Galega e do seu camiño cara á "desaparición"
A representación do persoal alertou tamén do "mero apéndice da TVG" na que din que se ten convertido a Radio Galega, polo que pediu ao Consello "poñer freo á deterioración e ao desmantelamento dunha emisora que naceu hai catro décadas con vocación de servizo público e que neste momento vai camiño da irrelevancia, cando non da desaparición".
O comité denunciou tamén a "perda absoluta de produción propia" na CRTVG ou a "xestión das redes sociais por parte dunha redacción paralela que se está xestando e da que se descoñece a súa estrutura.
Segundo a representación do persoal dos medios públicos, a conselleira nomeada polo BNG amsou a súa preocupación polo tratamento informativo e a falta de traballo derivada do suposto control político e da redacción, mentres que a do PSdeG pediu acceso ao informe sobre manipulación informativa recompilado polo comité e comprometeuse a avanzar na creación do Consello de Informativos.
Desde a representación no Consello do PP, segundo o comité, anunciou que tomaría decisións despois de contrastar toda a información e que tentarían xestionar os asuntos denunciados "da mellor maneira posible".
O comité denuncia a "contratación ilegal do persoal de alta dirección"
Por outra banda, o comité interpelou ao Consello sobre a estrutura directiva da CRTVG, en relación á sentenza firme do TSXG dun cargo de alta dirección da CRTVG contratado en fraude de lei. O ditame evidenciaría, segundo a representación laboral, "que a maioría da estrutura directiva da CRTVG non cumpriría coa legalidade en termos de contratación".
Ante a petición de explicacións ao director xeral, este derivou a responsabilidade no Consello, segundo a versión do comité, polo que este preguntou sobre as medidas a tomar ante unha situación que pode derivar nun lote de denuncias. Mentres o representante do PP anunciou medidas para adaptarse á legalidade, os de BNG e PSdeG comprometéronse a trasladar o asunto ao propio Consello.