Cinco anos de Defende A Galega: máis conflito e menos medo na loita contra a "manipulación" na CRTVG

Protesta de Defende A Galega e persoal da CRTVG, o pasado 24 de marzo, durante a folga nos medios públicos © Defende a Galega

O 25 de maio de 2018 o PSOE rexistraba no Congreso dos Deputados a moción de censura contra Mariano Rajoy, Núñez Feijóo mantiña a incógnita sobre a súa marcha a Madrid -á que renunciaría días despois- e En Marea afrontaba outra crise tras a marcha da formación do alcalde de Teo. Naquel mesmo día, persoal da CRTVG vestíase de loito no primeiro dos venres negros, en solidariedade cos compañeiros da TVE, e empezaba as súas mobilizacións polo cumprimento da lei de medios e a fin da "manipulación" na televisión e radio públicas. A mesma que viñan denunciando desde había tempo xornalistas da casa a través dun blog

Cinco anos despois, Pedro Sánchez segue na Moncloa tras a marcha de Rajoy, que abandonou a política; Feijóo lidera o PP estatal logo de deixar a Xunta e En Marea disolveuse tras quedar sen representación no Parlamento galego. Na CRTVG, boa parte do persoal segue mobilizado e volverá manifestarse noutro venres negro, o 262º, reclamando aínda un estatuto profesional e o consello de informativos que ordena a lei, denunciando o "control político" ou demandando a remuda do actual director xeral. Alfonso Sánchez Izquierdo, designado hai 14 anos, continúa no cargo grazas a unha reforma lexislativa inserida na tramitación dos Orzamentos en 2016, esquivando así o imperativo legal de ser elixido por maioría reforzada do Parlamento. 

Persoal mobilizado da CRTVG, no primeiro venres negro, o 25 maio de 2018 © Defende A Galega

A mobilización dos 'venres negros' cumpre cinco anos nunha CRTVG cun conflito enquistado que insiste en negar a dirección malia as folgas e as denuncias do persoal

Aí segue. E este mércores, en comisión parlamentaria, o director xeral da CRTVG volveu negar o "grave conflito" ao que aludiron BNG e PSdeG, que lembraron as "represalias" que denuncia o comité contra o persoal que se rebela "contra a manipulación e control político por parte do PP" ou a sentenza do Tribunal Superio de Xustiza de Galicia que ratificou que un profesional foi sancionado por participar nos venres negros que hoxe cumpren un lustro

Defende A Galega, colectivo xurdido ao abeiro desas mobilizacións, mantén a solicitude da súa remuda e do cumprimento da lei de medios. E así o reclamaron con cánticos e berros ás portas da Cámara. Mentres, dentro, Sánchez Izquierdo mantiña o discurso: atribuía unha vez máis as protestas a motivos "electorais e partidistas", reducíaas a unha minoría e negaba seguir "directrices do PP". "Agardo que non digan iso máis", espetou. 

Malia todo, o conflito non cesa, senón que vai a peor desde aquel maio de 2018, aínda que cunha diferenza que resumen varios dos traballadores mobilizados: "Perdeuse o medo". Así se explica, engaden, o éxito das últimas xornadas de folga, que levaron á cancelación de numerosos espazos -mesmo o emblemático Luar- e trasladaron a protesta ás portas do Senado, onde cargos políticos de varios partidos e incluso o presidente Pedro Sánchez amosaron a súa solidariedade coa loita dos profesionais dos medios públicos

As últimas folgas afectaron a programación na CRTVG, cancelando programas como 'Luar', e provocaron a preocupación no PP estatal polo impacto na carreira electoral de Feijóo

O impacto que a protesta ten na campaña electoral, coa mobilización de profesionais dos medios públicos en varios actos do PP, e a molestia evidente do equipo de Feijóo en Madrid estiveron detrás da aceptación por parte da CRTVG da mediación do Consello Galego de Relacións Laborais que rexeitara só uns días antes. Sen avances na negociación, a Corporación terá que afrontar agora varias demandas xudiciais de persoal que advirte ter sido desprazado das súas funcións habituais en "represalia": por non pregarse ao control político ou por negarse a modificar informacións, como cando se negou advertir nunha peza de que a inflación en Galicia era maior que a media en España

Pancarta de Defende a Galega durante a manifestación do 6 de novembro de 2022 CC-BY-SA Praza Pública

Varios dos afectados presentaron xa ante a xustiza unha demanda contra a CRTVG por vulneración de dereitos fundamentais, denuncia polo que a empresa afrontará varios xuízos no vindeiro mes de xuño. Entre as implicadas, Mayte Cabezas, trasladada á radio logo de 30 anos como presentadora na TVG e aos poucos días de criticar a Núñez Feijóo en redes sociais. "Todos eran cambios previstos e deseñados con antelación", deféndese a empresa.

O temor na dirección dos medios públicos é que os ditames destas demandas sexan semellantes aos que recoñeceron, no caso de Carlos Jiménez, que o seu expediente disciplinario debérase a unha represalia que tiña que ver coa súa mobilización contra a manipulación. 

Desde o primeiro 'venres negro', son varias as denuncias de represalias a persoal por mobilizarse con Defende A Galega, algunhas recoñecidas pola xustiza

Aquel caso comezara, precisamente, pouco despois do inicio dos venres negros e da organización do persoal mobilizado no movemento Defende A Galega. No outono de 2018, a CRTVG arquivaba o expediente que abrira á xornalista Tati Moyano, presentadora do Telexornal Serán que dimitira dese labor xunto a Alfonso Hermida para denunciar control informativo e que reivindicara ante o presidente da Xunta as protestas. A Corporación expedientáraa por utilizar o servizo de maquillaxe da canle para presentar unha gala benéfica contra o cancro.

Escasos días despois, a CRTVG expedientou a Carlos Jiménez, acusándoo de incorrer nunha incompatibilidade por locutar un programa realizado por unha produtora externa para a propia TVG, labor que realizara dende había décadas con diversas empresas e para a que obtivera a compatibilidade explícita en 2008, antes do seu recoñecemento xudicial como indefinido. Acabou sendo sancionado con suspensión de emprego e soldo nove días. Pero recorreu, e tanto un xulgado santiagués como logo o TSXG acabaron dándolle a razón e sinalando a Corporación por represaliar un traballador crítico. 

Persoal da CRTVG, ás portas do Senado, o pasado 25 de abril CC-BY-SA @Yolanda_Diaz_

Antes, Defende A Galega xa advertira de máis represalias, como as que tería sufrido Marga Pazos, que foi relegada a un posto de locutora tras gañar unha sentenza contra a TVG, declarar no xuízo que condenou a Corporación por vulnerar o dereito á folga no 8-M e dar a cara -con lectura de manifesto incluído- nas mobilizacións dos seus compañeiros. Ou Ana Pérez. Ou moitos outros. 

"A resposta da dirección é en forma de sancións, expedientes e represalias contra aqueles que decidiron dar a cara e plantarse contra a manipulación", explicaba hai anos respecto das súas demandas o colectivo, que viu tamén como o recoñecemento pola súa mobilización cun Premio José Couso á Liberdade de Prensa foi deliberadamente silenciado nos medios públicos.

Agora, insisten na denuncia que comparten coa representación do persoal e advirten, desta vez, deses "traslados forzosos" que a Corporación nega e que consideran "castigos" por rebelarse ante o intento de control político. E reclámanlle un "cambio de rumbo" ao director xeral, que adoita responder o mesmo en cada comparecencia parlamentaria, tamén na deste mércores: "Non vou variar o meu rumbo porque na súa raizame está a supervivencia da CRTVG"

Logo dun lustro de protestas ininterrompidas, nin se deu cumprimento á lei de medios nin se activou a remuda do director xeral

"Non máis abusos". Esa é a proclama que marca as mobilizacións de persoal dos medios públicos, que denuncia numerosas baixas médicas derivadas da situación de "estrés" e "mal clima laboral" dentro da Corporación. Mentres, o lema #DefendeAGalega segue enchendo as pantallas, tamén nas camisetas que levan persoeiros públicos ou líderes políticos -mesmo nos debates electorais celebrados na propia Corporación- para sumarse ás demandas dos traballadores mobilizados. 

Alfonso Rueda e Alfonso Sánchez Izquierdo, na CRTVG CC-BY-SA Xunta

Continúan a pedir o cumprimento da lei de medios, unha solicitude que vén de ser elevada tamén por todas as asociacións de prensa do Estado, que advrten que esta normativa establece medidas como "a elección do director xeral por maioría cualificada do Parlamento galego, a posta en marcha do Consello de Informativos e a creación dun Estatuto de Redacción". Cinco anos despois de que os venres se tinguisen de negro na CRTVG, ningunha das demandas foi cumprida e as denuncias de manipulación e control político están máis vixentes ca nunca. Só hai unha diferenza: "Perdemos o medo de vez". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.