A quinta xornada de folga na CRTVG volve suspender programas e apunta a outra cancelación do 'Luar'

Persoal da CRTVG mobilizado na folga deste 12 de maio, entre eles o presidente do comité intercentros -segundo pola esquerda-, en instalacións dada canle pública CC-BY-NC-SA CIG CRTVG

No primeiro día da campaña das eleccións municipais do 28M e tamén no venres negro número 260 do colectivo Defende a Galega, persoal da CRTVG estaba convocado para este 12 de maio a un novo día de folga, o quinto dende o inicio desta xeira de paros. Traspasado o ecuador da xornada, no comité intercentros dos medios públicos galegos, convocante da protesta, falan xa en termos de éxito.

"Caeu toda a programación non esencial e o 'Luar' tamén vai caer, témolo confirmado", subliña o presidente do comité intercentros

Programas coa consideración de "non esenciais" e alleos dos servizos mínimos, resaltan, non puideron ser emitidos por mor do persoal en folga. É o que sucedeu con espazos como A Revista, Atmosféricos ou o Zig Zag, na Televisión de Galicia, ou co Diario Cultural, na Radio Galega. E, despois do fito do pasado 25 de marzo, coa primeira cancelación do Luar por mor dunha mobilización coma esta, no seo do comité dan por ratificado que este venres tampouco poderá ser emitido o emblemático programa.

Persoal da CRTVG participante na folga protesta no mitin de inicio de campaña do PP en Santiago, no que participaba o presidente Rueda, na medianoite deste 12 de maio CC BY-NC-SA CIG CRTVG

"Caeu toda a programación non esencial e o Luar tamén vai caer, témolo confirmado", afirma en declaracións a Praza.gal o presidente do comité intercentros, Tiago Alvite, quen cifra en arredor do 70% o seguimento dunha folga que "baleirou as redaccións" unha vez máis. E todo, enfatiza, malia a uns servizos mínimos que consideran "abusivos" porque, por exemplo, permiten á canle pública non "alterar a normal emisión dos informativos".

O persoal mobilizado cifra nun 70% o seguimento da protesta e a dirección dos medios públicos rebáixao a menos do 25%

Despois de que, na xornada da mañá, a corporación pública cifrase en menos dun 30% o seguimento da folga, Alvite coida que a empresa volve incluír no seu cálculo persoal como obrigado a traballar nos servizos mínimos ata outro que está de baixa. Debería ofrecer o dato sobre "o persoal que realmente tiña que fichar" e tiña dereito e posibilidade de secundar a protesta, ilustra.

Xa tarde, en resposta a Praza.gal, fontes oficiais da CRTVG indican que, "analizadas todas as quendas de traballo tanto en San Marcos como nas delegacións", conclúen que o seguimento "foi do 24,4%". "Supón que máis do 75% non secundou a folga", acrecentan.

"Interésalles deslexitimar a folga e minimizar os seus efectos", coida Alvite, máis aínda cando as reivindicacións do persoal mobilizado están logrando gañar eco, mesmo no resto do Estado. Estano logrando, indican no comité, grazas a un maior seguimento por parte doutros medios e tamén mediante accións como a manifestación ante o Senado do pasado 25 de abril ou a protesta no mitin de apertura de campaña do PP en Santiago, a pasada noite.

Redacción da TVG, sen persoal durante a folga deste 12 de maio, nunha imaxe divulgada polo comité intercentros como mostra do "éxito" da protesta CC-BY-NC-SA CUT CRTVG

Ligar a nova xornada de folga coa campaña do 28M, explican, ten como obxectivo "favorecer que en cada acto electoral que se celebre en cada concello" estea presente "a grave situación que atravesa a radiotelevisión pública". Porque, alén das cuestións estritamente laborais, agrega o presidente do comité, o que procuran é poñer a CRTVG "ao servizo da sociedade galega", un fin que "hoxe non se está cumprindo" por estar "ao servizo do PP", "secuestrada" polo Goberno dos populares.

O comité subliña que a folga persegue que a CRTVG deixe de estar "secuestrada polo PP" e exerza "ao servizo da sociedade galega. A corporación pública censura o "carácter político" da mobilización

O paro deste 12 de maio chega tamén, como informou Praza.gal, despois de que comité e CRTVG aceptasen negociar coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais. As conversas, non obstante, quedaron suspendidas tras dúas sesións porque, salienta a representación do persoal, "a empresa non aceptou repoñer nos seus postos de orixe a varias compañeiras que foran trasladadas", traslados que ao seu xuízo son "castigos por non ser dóciles ante a dirección".

A dirección, pola súa banda, vén restando importancia á folga non só en termos numéricos, senón tamén por recear da súa intención. Neste sentido, na devandita resposta a Corporación di "reafirmarse" no "carácter político destas convocatorias de folga por parte do Comité Intercentros en datas como a apertura de campaña e a xornada electoral". Máis aínda, engaden, porque "os escritos publicados por forzas sindicais convocantes recoñecen" que "esta non é unha folga laboral". Mentres, conclúen, "a CRTVG seguirá a traballar con responsabilidade e normalidade para manter o servizo público para a toda a cidadanía de Galicia"

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.