Senadores do PSdeG, a vicepresidenta do Goberno de España e ministra de Traballo, Yolanda Díaz; o deputado do BNG, Néstor Rego, xunto á eurodeputada nacionalista Ana Miranda. Foron algúns dos cargos públicos que saíron ás portas do Senado en Madrid a apoiar varios traballadores e traballadoras da CRTVG desprazados desde Galicia. Alí clamaron "contra a manipulación" e sinalaron a Feijóo, presente no pleno da Cámara Alta, como "responsable durante o seu mandato como presidente da Xunta da grave situación de manipulación informativa e represalias ao persoal que deixou nos medios públicos galegos".
A nova xornada de folga na CRTVG volveu alterar a programación e cancelar numerosos programas. Pedro Sánchez saudou o persoal mobilizado ás portas do Senado: "Viñeron aquí para denunciar a manipulación e o sectarismo ao que están sendo sometidos"
A 600 quilómetros, na sede dos medios públicos en Santiago, redaccións e departamentos baleiros nunha nova xornada de folga que volveu cancelar numerosos programas tanto da TVG como da Radio Galega. Non houbo información deportiva nin meteorolóxica en moitos espazos e non se emitiu o matinal A Revista na TVG, nin o Pensando en Ti, da Radio Galega, entre outros. Alterouse a programación por un seguimento "masivo", segundo o comité intercentros, do paro, o cuarto intermitente e baixo o lema Non máis abusos que o comité convoca desde o pasado mes de marzo. Un novo chanzo nun conflito que non cesa na CRTVG.
Desta vez, a protesta tamén chegou á capital do Estado nun intento por "amplificar" as súas demandas. "Non, non, non á manipulación", "queremos informar, non manipular" ou "Feijóo atende, a tele non se vende" foron algunhas das proclamas dos profesionais ás portas do Senado. Dentro, no pleno e durante o seu cara a cara co líder do PP estatal, o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, quixo "saudar" tamén aos traballadores da CRTVG que, dixo, "viñeron aquí para denunciar a manipulación e o sectarismo á que están sendo sometidos".
A vicepresidenta Yolanda Díaz, Néstor Rego e Ana Miranda (BNG) ou senadores do PSdeG apoiaron a mobilización dos profesionais dos medios públicos
Antes, no Congreso, o deputado do BNG, Néstor Rego, amosou o seu apoio á mobilización do persoal da CRTVG e advertiu de que o PP "é o campión da manipulación informativa". "Hai mostras claras como o que sucede en Galiza, onde a CRTVG converteuse desde hai polo menos 14 anos nun medio de propaganda do Partido Popular", dixo quen asegurou que non o dicía o seu partido "senón os propios traballadores dos medios públicos".
Ás portas da Cámara Alta, e logo de achegarse aos profesionais mobilizados, Yolanda Díaz, instou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a respectar "o dereito da cidadanía a ter información veraz e a que os medios públicos estean ao servizo de todos e todas, sen partidismos". "A miña solidariedade, como ministra de Traballo, cos traballadores e traballadoras porque son cinco anos de manifestacións, non un mes nin vinte días", engadiu a vicepresidenta do Goberno de España, que mostrou o seu "compromiso na defensa dos medios públicos de Galicia e de todos os medios públicos".
Desde o PSdeG, o senador Xoaquín Fernández Leiceaga, xunto a varios compañeiros de partido, amosou tamén o seu apoio ao persoal da CRTVG "que demanda medios independentes e respecto profesional". "Robar o dereito á información veraz e de calidade aos galegos e galegas é indigno. Ignoarar as denuncias dos traballadores é intolerable. O señor Rueda segue o legado de desprezos de Feijóo", expresou logo o grupo dos socialistas na Cámara Alta.
Pola súa banda, o presidente do comité intercentros, Tiago Alvite, denunciou ante os medios a “marxinación laboral severa con vulneración de dereitos” como o do progreso profesional ou o de ter unha ocupación efectiva, mais tamén o “trato discriminatorio e degradante, a apertura de expedientes sancionadores arbitrarios ou os traslados forzosos.
Alvite considerou que esta situación é consecuencia da actuación dunha “dirección ilegal, nomeada a dedo e autoritaria” á que acusou de ter como obxectivo “someter os medios públicos” en favor do goberno do PP.
A deste martes foi a primeira xornada de folga das tres convocadas polo comité intercentros "contra a manipulación informativa", polo "cesamento dos abusos", a fin do "trato degradante" e do que consideran "traslados forzosos" de profesionais.
Supón outra mobilización contra as "sancións e represalias" que, segundo a representación laboral, "sofre o persoal crítico coa manipulación informativa" por parte de responsables da CRTVG. Dunha dirección que nega calquera das acusacións e que vén de rexeitar a mediación no conflito do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), tal e como adiantou Praza.gal.
Así o trasladou por carta o director do departamento de Recursos Humanos da CRTVG, Víctor Tubío, á presidenta do CGRL, Antía Sández, á que aclara que a dirección nin entra nin "entrou a tratar" co comité de folga "asuntos como o cesamento de presuntos abusos, a erradicación de supostos tratos degradantes, a finalización de hipotéticas manipulacións informativas ou a reversión de infundados traslados represores". Xa que logo, dille, a Corporación "non pode prestar a súa conformidade a unha mediación sobre cuestións que non son susceptibles de negociación".
"Unha eventual aceptación dunha mediación sobre abusos, tratos degradantes e represión implicaría admitir como verdadeiros uns feitos ou comportamentos que a empresa non asume como certos ou que teñan o carácter que se lles atribúe", di a CRTVG nunha carta á que tivo acceso Praza.gal. Faino para amosar a súa desconformidade en resposta a unha solicitude de mediación por parte do Consello Galego de Relacións Laborais promovida polo sindicato UGT, que se desmarcou do paro convocado á espera da devandita mediación pero que se reintegrou no comité de folga así que a Corporación a rexeitou.