Persoal da CRTVG está chamado outra vez á folga este martes, 25 de abril. É o primeiro dos tres novos paros convocados polo comité intercentros "contra a manipulación informativa", polo "cesamento dos abusos", a fin do "trato degradante" e do que consideran "traslados forzosos" de profesionais. Supón un novo episodio da conflitividade que leva meses instalada nos medios públicos galegos e unha denuncia que desta vez se traslada a Madrid, fronte ao Senado, a onde chega hoxe a protesta.
A CRTVG cualifica de "supostos, hipotéticos e infundados" os abusos, tratos degradantes e a represión: "Aceptar a mediación sería admitir como verdadeiros os feitos"
Unha nova xornada de folga, a cuarta baixo o lema Non máis abusos e tras o éxito dos últimos paros, e outra mobilización contra as "sancións e represalias" que, segundo a representación laboral, "sofre o persoal crítico coa manipulación informativa" por parte de responsables da CRTVG. Dunha dirección que nega calquera das acusacións e que vén de rexeitar a mediación no conflito do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), ente público, órgano consultivo e asesor da Xunta en materia laboral e foro para a negociación entre sindicatos e empresas.
Así o trasladou por carta o director do departamento de Recursos Humanos da CRTVG, Víctor Tubío, á presidenta do CGRL, Antía Sández, á que aclara que a dirección nin entra nin "entrou a tratar" co comité de folga "asuntos como o cesamento de presuntos abusos, a erradicación de supostos tratos degradantes, a finalización de hipotéticas manipulacións informativas ou a reversión de infundados traslados represores". Xa que logo, dille, a Corporación "non pode prestar a súa conformidade a unha mediación sobre cuestións que non son susceptibles de negociación".
A dirección aclara que co comité só negocia "temas de carácter laboral" e que só aceptaría unha mediación sobre "cuestións desa natureza"
"Unha eventual aceptación dunha mediación sobre abusos, tratos degradantes e represión implicaría admitir como verdadeiros uns feitos ou comportamentos que a empresa non asume como certos ou que teñan o carácter que se lles atribúe", di a CRTVG nunha carta á que tivo acceso Praza.gal. Faino para amosar a súa desconformidade en resposta a unha solicitude de mediación por parte do Consello Galego de Relacións Laborais promovida polo sindicato UGT.
Este sindicato, con representación no comité intercentros, non apoiou desta vez a convocatoria de folga, que si foi avalada por CIG, CUT e CCOO, unha representación maioritaria dos traballadores. UGT optou por impulsar a negociación coa CRTVG a través dunha mediación do CGRL que a dirección dos medios públicos non acepta.
O departamento de Recursos Humanos aclara que esta solicitude versa sobre cuestións reivindicadas nos paros e que xa mantén un "diálogo aberto" co comité de folga, ao que advertiu de que "só entraría a negociar temas de carácter laboral". "En coherencia" con esta postura, di, non tratará os asuntos que se deriven de denuncias sobre abusos, manipulacións informativas ou represión.
"Como xa temos respondido afirmativamente á solicitude de realizar un estudo psicosocial, as únicas cuestións susceptibles de incluír nunha mediación son os referidos á recuperación de dereitos laborais e salariais e á clasificación profesional", di a dirección, que acusa o comité de folga e o intercentros de responder aos ofrecementos para negociar cuestións de carácter laboral cunha "única resposta": a convocatoria de "tres novas xornadas de folga e, agora, a solicitude de inicio dun procedemento de mediación sobre asuntos nos que a ausencia de propostas impide coñecer a existencia de discrepancias ao respecto".
Así, a CRTVG di non ter "inconveniente" en participar nunha mediación pero sempre que esta "verse sobre cuestións de natureza laboral" que se encadren dentro dos supostos nos procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo. E solicita que se inste aos impulsores da solicitude "a acomodar o ámbito obxectivo da mediación aos límites fixados".
Feijóo, "responsable"
Nesta xornada de folga, varias ducias de profesionais da CRTVG desprazáronse a Madrid para concentrarse ante a sede do Senado. A concentración cadra, lembran, coa sesión plenaria na que participa como senador Alberto Núñez Feijóo, "responsable durante o seu mandato como presidente da Xunta de Galicia, entre 2009 e 2022, da grave situación de manipulación informativa e represalias ás traballadoras en que deixou os medios públicos galegos".
Parte do persoal mobilizado desprázase a Madrid para manifestarse ante o Senado e sinalar alí o ex-presidente Feijóo como "responsable durante o seu mandato da grave situación"
Nun comunicado, o comité da CRTVG lembra que os obxectivos da folga son "reclamar o cesamento dos abusos e restablecer un clima laboral respectuoso cos dereitos das traballadoras e traballadores do ente público, erradicar o trato degradante que os superiores xerárquicos e funcionais inflixen ás persoas traballadoras ao seu cargo e realizar sen demora o estudo psicosocial acordado". Tamén, "repoñer nos seus respectivos medios de orixe o persoal que, como represalia, foi trasladado da radio a internet e televisión e da televisión á radio", así como "esixir a fin da imposición por parte da dirección de novas funcións no contexto do cambio tecnolóxico".
Para a representación do persoal, os "traslados forzosos como medida de castigo é a manifestación máis recente da situación xa insostible de abusos laborais á que esta folga ten de poñer fin. "Defendemos a dignidade das persoas traballadoras que reclaman obxectividade, imparcialidade, veracidade e pluralismo nos medios públicos galegos", rematan.