O comité de TVG e Radio Galega pide a marcha dos xefes de informativos pola "inacción" na vaga de lumes

Redacción baleira na en San Marcos, na sede da CSAG, nunha folga covocada polo Comité Intercentros CC-BY-NC-SA CIG-CRTVG

Denuncian o "abandono do servizo público". O Comité destaca que a cobertura desta fin de semana obedeceu ao "mandato do goberno da Xunta de ocultar a gravidade da situación relativa aos incendios"

O Comité Intercentros da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), a nova denominación dos medios de comunicación públicos –antes CRTVG–, denuncia que "os servizos informativos da radiotelevisión pública estiveron e aínda están desaparecidos do papel que deben xogar como primera fonte de información de servizo público da cidadanía galega nunha emerxencia como a que supoñen os maiores lumes da historia do país.

O ente que representa ás traballadoras e traballadores da TVG e da Radio Galega esixe "o cese de Alejandro López e Marta Darriba, director e subdirectora dos servizos informativos dos medios públicos, que consideran desautorizados", din nun comunicado, "para estar á fronte dunha equipa" que "estes días sentiu vergoña, impotencia e carraxe pola desidia e a irresponsabilidade dos seus superiores". 

Imaxe corporativa da antiga CRTVG e novo logotipo da CSAG, que a corporación pública comezou a empregar este 3 de xullo CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Logos: © CSAG

Critican que a "inacción deliberada" dos responsables dos informativos da CSAG puido vincularse coa "incompetencia" nun primero momento, mais no seu comunicado o Comité destaca que a cobertura desta fin de semana obedeceu ao "mandato do goberno da Xunta de ocultar a gravidade da situación relativa aos incendios".

A representación legal do persoal da CSAG urxe á directora xeral, Concepción Pombo, a "asumir en primeira persoa a xestión da crise"

A representación legal do persoal da CSAG urxe á directora xeral, Concepción Pombo, a "asumir en primeira persoa a xestión da crise" e pídelle que sitúe a "profesionais da redacción capaces de liderar a grave situación" no lugar dos directivos dos servizos informativos que reclaman cesar. 

O obxectivo, sinalan no seu comunicado, é "recuperar o papel e a responsabilidade como servizo público dos informativos e do resto da programación", que consideran debe centrarse na crise incendiaria, "fornecéndolle á poboación minuto a minuto e desde todas as frontes a información de utilidade que precisa e demanda".

Concepción Pombo, comparecendo como candidata do PP á dirección xeral da CSAG no Parlamento CC-BY-NC-SA Praza.gal | Sinal institucional Parlamento

Piden "recuperar o papel e a responsabilidade como servizo público dos informativos e do resto da programación"

Para as representantes do comité de empresa da CSAG a cobertura desta vaga de incendios confirma as críticas que veñen realizando sobre o "desmantelamento" das delegacións territoriais da canle pública, pois "son os equipos de profesionais que coñecen o territorio os que mellor poden acceder e informar sobre o que pasa nel". Desta maneira, instan a que a TVG e a Radio Galega 'recuperen' o papel de servizo público. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.