70.000 hectáreas de lume en toda Galicia desde que hai 10 días comezou en Chandrexa, onde pulveriza marcas

Execución dun cortalumes no incendio de Oímbra © @AT_Brif

Con todos os recursos da loita contra incendios das autonomías e o Estado xa activos, agora o Exército de Terra despregará militares á espera de que mellore a meteoroloxía nos próximos días

Ata o 8 de agosto, hai dez días, arderan en toda Galicia nos incendios dos que informa a Xunta —só os de máis de 20 hectáreas ou os que afecten a lugares poboados ou protexidos— unhas 2.600 hectáreas, cifra similar á de todo o ano pasado, un dos mellores exercicios da serie histórica. Porén, desde aquel 8 de agosto, nunhas condicións climatolóxicas que cada vez van ser máis habituais polo cambio climático, segundo coinciden os expertos, xa ían queimadas ata a noite deste domingo máis de 60.000 hectáreas en toda Galicia, máis que o total dos anos 2022 e 2017. Cifra que na noite deste luns a Xunta elevou a 70.000.

E o que queda, porque os principais incendios seguen sen estar controlados, con especial protagonismo para o que comezou aquel 8 de agosto na parroquia de Requeixo, en Chandrexa de Queixa, e que xa é o grande incendio do Macizo Central ourensán, con máis de 17.500 hectáreas queimadas. Moitas máis das entre 11.000 e 13.000 que distintas fontes deron para o agora desbancado incendio do Courel de 2022. Afecta tamén os concellos de Vilariño de Conso, Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza,

Se 2022 fora o ano dos dous maiores incendios nos rexistros históricos de Galicia, con outro de entre 10.500 e 12.000 hectáreas en Carballeda de Valdeorras, este 2025 xa é o o ano dos tres maiores incendios, xa que as anteriores cifras xa foron superadas tamén polos de Oímbra (unido este domingo ao de Xinzo de Limia) e Larouco (que saltou o río Sil cara ao norte e avanza polo Courel). Se o de Oímbra está en 15.000 hectáreas, na noite deste luns a Xunta mesmo elevou o de Larouco a 18.000 hectáreas, o triplo das que informaba na mañá do domingo, e coas lapas xa en Petín, O Bolo, A Rúa, Quiroga, Vilarmartín de Valdeorras, O Barco, Rubiá e A Veiga. E un cuarto lume, o da Mezquita,  vaise achegando a esas cifras, con 10.000 hectáreas xa queimadas e afectando tamén os concellos da Gudiña e Viana do Bolo.

Este domingo, ademais de unirse os incendios de Oímbra e Xinzo, tamén se uniron os de Carballeda de Avia e Beade, que agoran suman 2.500 hectáreas. E desde Zamora, na contorna do lago de Seabra, segundo informa neste caso a Junta de Castilla y León, avanza outro lume cara ao norte e a zona xa galega de Pena Trevinca e o Teixadal de Casaio. No positivo, este domingo quedaron extinguidos un incendio de 300 hectáreas en Dozón e outro de 28 na Estrada, e este luns outro de 8,97 hectáreas en Verín.

A vaga de lume está a desbordar os servizos de extinción e a conexión ferroviaria de Galicia coa Meseta continúa suspendida, mentres que a autovía A-52 e a estrada N-525 sofren continuos cortes de circulación que se estenden por outras vías da provincia de Ourense. 

Case o 9% da superficie da provincia de Ourense foi arrasada polas lapas, que seguen poñendo en perigo núcleos de poboación, cortando estradas e vías e provocando confinamentos

Ademais, milleiros de persoas continúan afectadas, ben sexa pola proximidade das lapas ou a súa chegada a núcleos de poboación, xa for polo confinamento decretado en numerosos concellos de Ourense durante a pasada fin de semana ou a afectación a granxas, pastos, montes, leiras e casas. Un lume voraz e moi virulento que non dá tregua desde hai xa días na provincia, que ve como foi arrasada polo fogo xa case o 9% da súa superficie total e como están a ser destruídas numerosas zonas protexidas ou de gran valor natural e paisaxístico. Un impacto que será aínda maior cando as consecuencias sexan valoradas en detalle. 

Se 2022 fora o ano dos dous maiores incendios do rexistro histórico, 2025 vai camiño de ser o dos catro maiores incendios

Neste contexto, este domingo o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, visitou en Ourense o centro de control do dispositivo contra os incendio e reuniuse con Alfonso Rueda, ao que comunicou que, unha vez activados todos os recursos ordinarios de loita contra o lume das comunidades e o Estado, e á espera de que chegue axuda da Unión Europea, o Exército de Terra sumarase á Unidade Militar de Emerxencias (UME) con 500 militares que se despregarán en toda a Península, xa que tamén hai incendios de similar envergadura en Castela e León ou Estremadura. Rueda xa reclamou que 200 veñan a Galicia.

Na súa comparecencia, o presidente Sánchez puxo o foco no cambio climático como elemento clave para entender os incendios dos últimos tempos. Uns lumes que a meteoroloxía fai incontrolables polo home e que fan poñer o ollo na propia meteoroloxía como solución. Esta semana baixarán as temperaturas, pero aínda está por ver se ademais chegará algo de choiva entre o martes e o xoves, se esta se estende máis alá da franxa atlántica ou o noroeste e se é suficiente para axudar aos dispositivos de loita contra o lume a controlar os incendios. 

Rueda e Sánchez na visita do segundo deste domingo a Ourense CC-BY-SA Xunta

O Sergas reorganiza a atención primaria nas zonas afectadas e concéntraa en centros principais, deixando servizos de enfermaría en lugares máis pequenos que non poden funcionar con normalidade

Á espera de que os incendios se controlen e extingan, este luns a Xunta prevé divulgar as primeiras axudas para as persoas afectadas, con ducias de vivendas queimadas por todo o país. Ao tempo, o Sergas informou dunha reorganización dos seus servizos de atención primaria nas zonas máis afectadas polos incendios para concentrar a atención médica en centros principais e deixar servizos de enfermaría en lugares que non poden funcionar con normalidade. Os centros nos que se centralizará a atención serán os do Barco de Valdeorras, A Rúa, Viana do Bolo, A Pobra de Trives, Verín e Montederramo. Aquí pode consultarse esa reorganización. 

Un morto en Portugal e catro en España

Ademais, no conxunto da Península a situación tampouco mellora. Hai máis de 40 incendios importantes activos en España con milleiros de hectáreas queimadas, sobre todo nas provincias de Ourense, León e Zamora, pero agora tamén con grande impacto en Extremadura ou Asturias. Ademais, en Portugal arderon unhas 65.000 en só dous días e preto de 160.000 desde principios de ano.

O pasado venres, Portugal sufriu ademais o primeiro morto a causa dos incendios, mentres que España contabiliza xa catro, logo de que un bombeiro resultase falecido tras envorcar unha autobomba nos traballos de extinción en León. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.