"Falta de coordinación" e "perda de tempo" na investigación de incendios de Xunta e Garda Civil, di a Fiscalía

Axentes do Seprona da Garda Civil e de Medio Rrual investigando un incendio este ano CC-BY-SA Xunta de Galicia

A memoria anual da Fiscalía de Galicia reflicte os problemas detectados nos últimos meses coas pulseiras anti maltratadores, con incidencias "todos os días" e problemas de "operatividade" en "poboacións pequenas ou fronteirizas con Portugal"

A Fiscalía Superior de Galicia vén de facer pública a súa memoria anual correspondente a 2025 na que dedica un apartado amplo, na súa sección de Medio Ambiente, á vaga de incendios forestais do pasado ano. Alí di que a prevención está a resultar insuficiente mentres que a investigación posterior dos lumes está a verse afectada pola "falta de coordinación" entre a Consellería de Medio Rural e a Garda Civil, "que en ocasións realizan investigacións paralelas con perda de tempo e de recursos". 

A memoria tamén recolle os fallos detectados durante os últimos meses no funcionamento dos dispositivos electrónicos de protección de vítimas de violencia de xénero. Entre outros problemas o documento alerta de problemas de "operatividade" en "poboacións pequenas ou fronteirizas con Portugal", problemas de cobertura e incidencias "todos os días".

Monte queimado en Seadur, Larouco, tras os incendios de agosto de 2025 CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Sobre os incendios do pasado ano, a Fiscalía lembra que desde a vaga de 2017 veñen detectándose lumes "de sexta xeración" capaces de "modificar as condicións meteorolóxicas do lugar onde se producen e que desbordan a capacidade de extinción". A memoria non fala en ningún momento de ningún tipo de tramas terroristas incendiarias como de xeito reiterado vén denunciando o ex-presidente da Xunta e líder do PP estatal.

A Fiscalía non fala en ningún momento de terrorisimo incendiario, como vén insistindo Feijóo, e di que "en lugar de combater as lapas, hai que combater o abandono rural"

O documento sinala que estes "incendios extremos" deben afrontarse cun "marco regulador adecuado e integral" que poña o foco no abandono do rural. "Quedan por abordar retos fundamentais como a falta de execución ou de coherencia dos plans de prevención autonómicos, a ausencia de priorización dos investimentos, o escaso investimento preventivo en comparación coa extinción, a falta de apoio a modelo agroforestais resilientes, a necesidade de reforzar a gobernanza rural ou o manexo da paisaxe como medida estrutural". 

Nesa liña, a Fiscalía di que "ata agora a prevención era entendida como a realización de tratamentos silvícolas puntuais e mantemento de pistas, cortalumes ou puntos de auga", pero iso "é insuficiente" e "a máxima debe ser crear paisaxes para reducir as emerxencias" e que "en lugar de combater as lapas, hai que combater o abandono rural". Nesa liña de apostar polas paisaxes "mosaico" quere avanzar agora a Xunta cunha longamente demorada nova lei de incendios.

A memoria da Fiscalía tamén eloxia "a gran labor de prevención que se fai desde os equipos do Seprona da Garda Civil, a Policía Autonómica e os axentes da Consellería de Medio Rural", pero engade que "non obstante, sería desexable a constatación da separación competencial á hora de investigar os incendios forestais por un lado polas unidades estatais do Seprona, e polo outro polas unidades autonómicas da Consellería do Medio Rural, que en ocasións realizan investigacións paralelas con perda de tempo e de recursos, observándose unha falta de coordinación que se estima imprescindible". 

Pulseiras para maltratadores

A memoria da Fiscalía sinala que en Pontevedra hai problemas coas pulseiras contra maltratadores en zonas fronteirizas con Portugal e que na Coruña recíbense incidencias "todos os días"

A memoria anual da Fiscalía de Galicia tamén se fai eco dos problemas detectados nos últimos meses cos dispositivos de localización e alerta de proximidade de maltratadores. O documento fai consideracións por provincias en función do trasladado polas fiscalías deses territorios, de xeito que en Pontevedra "a incidencia máis relevante segue derivando da operatividade dos dispositivos telemáticos en poboacións pequenas ou fronteirizas con Portugal". 

Un cartel contra a violencia machista e pulseira para maltratadores CC-BY-SA Imaxes: Concello de Ames e Ministeiro de Igualdade | Montaxe: Praza.gal

Na Coruña a memoria sinala que "os problemas máis relevantes se producen polas continuas incidencias en cidades e vilas pequenas nas que a distancia mínima de 500 metros determina alertas reiteradas por entradas na zona de exclusión móbil e fixa (inferiores a dous minutos de duración), e son frecuentes tamén os problemas de cobertura, o que se transloce no feito de que todos os días cheguen á Fiscalía multitude destas incidencias polo centro Cometa". En Lugo e Ourense, pola súa banda, non se fai ningún comentario sobre problemas das pulseiras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.