Todos os incendios de 2025 en Galicia: liberamos os datos

Monte queimado en Seadur (Larouco) en agosto de 2025 no maior incendio documentado na historia de Galicia. Liberamos os datos CC-BY-NC-SA Praza.gal

En plena vaga de lume forestal do verán de 2025, a que acabaría deixando os focos documentados con máis hectáreas queimadas na historia de Galicia, a conselleira do Medio Rural admitiu nunha entrevista que ata ese momento, o 18 de agosto, o Goberno galego rexistrara 492 incendios. Pero a Xunta só divulgara ata ese momento información sobre 45.

Praza.gal obtén ao abeiro da Lei de Transparencia os datos completos dos focos de lume forestal rexistrados en Galicia o ano pasado, uns 1.500 incendios que inclúen os arredor de 1.300 dos que a Xunta non informou mentres sucedían

Diante desas declaracións, Praza.gal formulou unha petición oficial ao abeiro da Lei de Transparencia para coñecer o detalle de todos os incendios cuxa existencia recoñecera María José Gómez. A Xunta denegou inicialmente a solicitude pola vía do silencio administrativo. Pero, tras un recurso ante a Comisión da Transparencia de Galicia, o pasado 2 de outubro logramos liberar os datos, co detalle dos 447 incendios ocultados previamente pola Xunta naqueles 18 días de agosto.

Aquela información liberada reflectía unha parte significativa dos datos, pero non o conxunto da vaga de incendios nin, obviamente, o acontecido o resto do ano. E, ademais, non incluía a superficie que, segundo as medicións oficiais de Medio Rural, ardera en cada incendio. Foi por iso que, unha vez concluído o ano 2025, nos primeiros días deste 2026 Praza.gal formulou unha segunda petición de transparencia para obter o detalle de todos os incendios rexistrados en Galicia durante todo o ano anterior. Eses son os datos que agora liberamos.

Como no primeiro intento, o Goberno galego volveu denegar a petición deste xornal por silencio administrativo. Outra volta Praza.gal requiriu a intervención da Comisión da Transparencia, ante o que Medio Rural finalmente facilitou a información. Foron, segundo o cómputo técnico de Medio Rural, un total de 1.475 incendios nos que arderon 118.763 hectáreas, 111.000 delas en dezaoito grandes incendios forestais, consideración que acada formalmente un foco cando supera as 500 hectáreas. Como viñan sinalando múltiplas alertas expertas: moitos menos incendios que décadas atrás, pero moito máis destrutivos.

Dende 2009 a política informativa da Xunta implica informar só dos incendios que superen as 20 hectáreas ou atinxan a poboacións ou zonas protexidas. Os datos agora obtidos e liberados por Praza eran difundidos polo Goberno galego entre 2005 e 2009

Esa cifra de máis de 1.500 incendios que agora coñecemos contrasta con que, durante o ano, a Xunta informase en comunicados oficiais ou nas súas redes sociais sobre apenas un centenar. Os ocultados, daquela, roldan os 1.300. Esa ocultación responde á política informativa aplicada polo PP dende o seu retorno á Xunta en 2009. Foi daquela cando, alegando diferentes razóns, decidiran informar publicamente só dos incendios que superen as 20 hectáreas e, por baixo desa superficie, os que poñan en risco zonas habitadas ou espazos naturais protexidos. 

A ocultación de datos sobre os incendios vén sendo sistematicamente rexeitada polas forzas políticas da actual oposición, colectivos ambientalistas e tamén o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que reclamou ao Goberno galego durante a vaga de lume de agosto de 2025 máis transparencia coa información sobre os incendios. Non en van, os datos agora liberados por Praza.gal tras as devanditas pescudas teñen, esencialmente, a mesma estrutura e detalles que o Goberno galego de coalición PSdeG-BNG publicaba por iniciativa propia dúas veces ao día durante as vagas de incendios e nos seus posteriores documentos de resumo do acontecido.

As diferenzas co divulgado antes pola Xunta e coas medicións dos satélites

Alén da cuestión central da transparencia, a observación dos datos con detalle amosa diferenzas coa información que Medio Rural si foi publicando ao longo do ano. Débese a que ao presentar territorialmente os datos -por concellos e parroquias- a Xunta contabiliza por separado algúns incendios que durante o verán os servizos de extinción e a propia información oficial acabaran abordando como un só tras unírense as súas frontes no monte.

O que durante o verán foi abordado como un único incendio iniciado en Seadur (Larouco) de case 32.000 hectáreas, o maior documentado en Galicia, figura agora como dous, o da localidade ourensá e outro nunha parroquia lindeira de Quiroga. A suma de ambos chega case ás 33.000

Así, por exemplo, ao dar por extinguidos varios incendios que comezaran nas parroquias de Parafita, Requeixo e Mormentelos dos concellos de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso, explicara que alí arderan en conxunto un total de 23.036,6 hectáreas. Agora o balance oficial definitivo ao que vimos de ter acceso di que o de Parafita queimou 12.838,85 hectáreas, o de Requeixo 6.320,64 e o de Mormentelos 5.498,92, que sumados supoñen un total de 24.658,41 hectáreas, unhas 1.600 máis que as comunicadas no verán.

Algo similar acontece co maior dos incendios comunicados daquela, o iniciado en Seadur (Larouco). Ao dalo por extinguido Medio Rural sinalara que alí, no maior incendio documentado na historia de Galicia dende que hai datos comparables, arderan 31.778,18 hectáreas. Agora o lume que comezou en Seadur diminúe no balance oficial a 23.527,31 hectáreas, pero na listaxe figura outro que, segundo os datos que agora liberamos, comezou dous días despois nunha parroquia lindeira, a de Vilanuíde, no Concello de Quiroga, con 9.472,29 hectáreas ardidas. Ao sumalos a cifra conxunta do maior incendio documentado no noso país ascende mesmo un chisco, ata 32.999,6 hectáreas.

Estes datos tamén son diferentes aos obtidos mediante as medicións dos satélites Sentinel 2 do programa europeo Copernicus, segundo os cales en Galicia arderon durante 2025 algo máis de 148.000 hectáreas. Algunhas das causas das diverxencias débense a que Copernicus agrega toda a superficie ardida, incluídos os terreos agrarios ou os urbanizados, mentres que a Xunta -atendendo á lexislación en materia de montes- suma as hectáreas afectadas polas lapas unicamente en contornas forestais. Medio Rural sostén, ademais, que as súas cifras son máis precisas por este motivo e por cinguirse mellor a incendios que atinxen o marco xeográfico da Galicia administrativa.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.