Galicia xa está no epicentro da área con maior risco de incendio en Europa

CC-BY-NC-SA Foto: Praza.gal / Cedida | Mapa: EFFIS

Doutra volta, un novo estudo científico sinala o risco que Galicia —especialmente o sur e a provincia de Ourense— sofre e vai sufrir nos vindeiros anos polos incendios. Por un lume forestal cada vez máis perigoso e daniño que se intensifica pola combinación de dous factores claves: un clima extremo e unha vexetación propicia para arder

No noroeste da península ibérica, o 2% do territorio da UE, ardeu máis da metade da superficie total queimada en Europa ata agosto

Esas dúas condicións xuntas son as que explican que Galicia sufrise en agosto os maiores incendios da súa historia, con catro deles con máis de 20.000 hectáreas afectadas, un próximo ás 40.000, 144.000 arrasadas en total segundo as medicións dos satélites Sentinel 2 do programa europeo Copernicus, e arredor de 120.000 segundo a Xunta. 

A finais daquel mes de agosto, a superficie total queimada en Europa roldou o millón de hectáreas, máis da metade (sobre 541.000) concentradas no noroeste da península ibérica, un anaco de territorio que supón o 2% de toda a UE. Nunha vaga de calor de 16 días, toda esta área xeográfica (que abrangue Galicia, Asturias, norte de Portugal e de Extremadura e as provincias de Salamanca, Zamora e León) sufriu unhas condicións extremas.

Na primeira imaxe, incendios en agosto no noroeste peninsular. Na segunda, índice de risco de incendio nese mes en Europa CC-BY-SA Global Change Biology

Tanto que o Fire weather index —índice de perigo de incendios empregado mundialmente para medir o risco en función da temperatura, humidade, vexetación ou vento— alcanzou "o valor mensual máis extremo rexistrado no noroeste da península ibérica no período 1985-2025". Así o detalla o estudo dun equipo internacional liderado polo Grupo de Modelización Atmosférica Rexional da Universidad de Murcia, no que participan outras entidades científicas como a Misión Biolóxica de Galicia-CSIC, e que foi publicado na revista Global Change Biology.

O sur de Ourense e as provincias de León e Zamora, aló onde enormes incendios pasaron das 20.000 hectáreas e roldaron as 40.000, foron "o epicentro" das zonas de risco, a área de Europa onde o índice de perigo de lume forestal alcanzou o seu valor máis alto en agosto, que para todo o noroeste chegou a niveis nunca vistos en catro décadas. 

O noroeste peninsular alcanzou en agosto o "valor mensual máis extremo" en 40 anos do índice que mide o risco de incendios; o sur de Ourense foi epicentro desta zona

"O valor 1 que se observa no mapa, o índice máis extremo da serie histórica, concéntrase en Galicia no sueste, co epicentro xusto nesa área onde se deron tantos megaincendios e onde ardeu tanto e de xeito tan brutal". Onde as lapas arrasaron A Rúa, A Veiga, Manzaneda, Oímbra ou A Mezquita

Así o explica Dominic Royé, un dos investigadores da Misión Biolóxica de Galicia e asinante dun estudo que tira de numerosos datos para analizar, contextualizar e concluír que, aínda que as condicións meteorolóxicas extremas son clave para explicar a virulencia e expansión do lume, estas son só unha parte do problema. As condicións propicias para arder da vexetación e a súa continuidade no terreo son a outra.  

Segundo a investigación, a matogueira e os piñeiros "arderon máis do que lles correspondería en relación coa súa presenza no territorio", mentres que os bosques autóctonos de carballo "queimáronse menos dos que lles tocaría se toda a vexetación se queimase por igual". 

Dominic Royé lembra que, aínda que a presenza do eucalipto na área máis afectada polos incendios é escasa, ardeu "menos do que debería tendo en conta a masa dispoñible". Pero advirte tamén que as zonas con este tipo de plantacións "teñen un valor económico para os seus propietarios e adoitan estar máis coidadas e protexidas".

Matogueira e piñeiros arderon en agosto "máis do que lles correspondía pola súa presenza no territorio"; carballos e eucaliptos arderon menos

Xa que logo, o traballo serve tamén para "rachar con tópicos" ou percepcións que se difunden facilmente, como a que no verán insistiu en que zonas protexidas arderan máis que as non protexidas durante a vaga de lume. O estudo, aclaran os seus autores, "non achou evidencias de que fose así, malia que esa afirmación repetiuse con frecuencia no debate público e nalgúns medios de comunicación". 

"Prevención xa"

"Moitas veces esquecemos que é clave onde se inicia un incendio, pero logo, a súa expansión provoca que alcance tamén zonas protexidas, obviamente", indica Royé, que xa nas conclusións do estudo indica a importancia de que a loita contra o lume pase dunha estratexia principalmente reactiva a unha prevención proactiva que recoñeza a resiliencia ante os incendios como unha cuestión de seguridade a nivel de Estado. 

"Para que veráns como o de 2025 sigan sendo excepcionais e non se tornen na nova norma, precísase actuar en todas as dimensións do risco, perigo, exposición e vulnerabilidade, mediante unha mitigación e adaptación coordinadas", explica. 

Bombeiros actuando nun incendio en Oímbra, en agosto de 2025 CC-BY-SA Brif Laza

"Pódese facer moito máis, claro que si", explica a Praza.gal. "Isto é como coa saúde pública: hai que investir en prevención para impedir a enfermidade porque, aínda que supoña un custo, a medio e longo prazo reduce os riscos e os custos posteriores", engade quen resume que a clave é "traballar xa para estar mellor preparados ante un evento extremo". "Estamos nese momento", insiste. 

"Hai que investir en prevención aínda que supoña un custo porque, a medio e longo prazo, reduce os riscos e os custos posteriores"

Ademais, e aínda que o abandono do rural é unha das claves, Royé advirte de que "nunca existe un único factor que se poida resolver para acabar co problema". "Sobre todo —aclara— nas condicións tan extremas que se están dando", reflexiona quen lembra que en moitos incendios charetas viaxan mesmo quilómetros para prender noutra zona afastada. "O problema non é simple, senón moi complexo, e a solución non é unha senón que depende de moitos factores; hai que traballar en moitas perspectivas e a prevención é unha das máis relevantes para reducir o risco, aínda que este nunca sexa cero", remata. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.