Os 447 incendios ocultados pola Xunta do 1 ao 18 de agosto: liberamos os datos

Lume ao pé das casas de Taboazas (Chandrexa de Queixa), o pasado 12 de agosto © María Domínguez

A información oficial revelada agora cunha petición formal de transparencia permite comprobar como en Ourense, con menos incendios que no resto de Galicia, acabaron rexistrándose os maiores lumes da historia

Do 1 ao 18 de agosto, no comezo e durante o máis duro da vaga de incendios deste verán, rexistráronse en toda Galicia un total de 492 incendios. A Xunta só divulgou 45 deles. 

Agora, tras unha petición ao amparo da Lei de Transparencia, Praza.gal divulga o detalle da totalidade dos incendios, o que permite comprobar os efectos e peculiaridades dos fogos incontrolables de sexta xeración, dos que levan anos advertindo múltiplas voces. Uns incendios de nova tipoloxía, os meirandes documentados no noso país, que se rexistraron en Ourense e o sur de Lugo malia que a maioría dos focos do período analizado xurdiron na Galicia atlántica. 

Os datos agora revelados tamén permiten comprobar que o ocultado pola Xunta é moito máis. Antes do 1 de agostou houbo outros varios centos de incendios en toda Galicia e o Goberno galego só divulgara 19.

Foi o 18 de agosto cando a conselleira do Medio Rural admitiu nunha entrevista que no que ía de mes se rexistraran 492 incendios, malia que o seu departamento só divulgara información de 45, varios dos cales acabarían fusionándose para quedar en 41. Praza.gal formulou daquela unha petición oficial ao amparo da Lei de Transparencia para coñecer o detalle deses incendios, solicitude que foi inicialmente denegada pola Xunta por silencio administrativo. 

Tras un recurso á Comisión da Transparencia de Galicia, xestionada pola Valedora do Pobo, finalmente Medio Rural facilitou o detalle dos incendios rexistrados entre o 1 e o 18 de agosto. Uns datos que agora liberamos, despois de que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia pedise máis transparencia coa información sobre os incendios a un Goberno galego que desde 2009 ten como política informativa divulgar só os que superan as 20 hectáreas ou afectan a lugares poboados ou protexidos.

Máis incendios na fachada atlántica, máis destrutivos no interior

En Vilalba houbo 19 incendios neses días sen grandes consecuencias, mentres que o único rexistrado en Larouco virou no maior da historia de Galicia con 32.000 hectáreas

Os datos agora revelados indican que neses 18 días de agosto houbo moitos máis incendios na Galicia Atlántica, preto de 300 entre as provincias da Coruña e Pontevedra, fronte a 116 na provincia de Ourense. Porén, foron uns poucos fogos iniciados en Ourense, coas súas particulares características climáticas e de ordenación do territorio, os que amosaron as consecuencias dos incendios incontrolables de sexta xeración, coas 23.000 hectáreas queimadas (segundo a Xunta, máis segundo as medicións por satélite) no iniciado o 8 de agosto en Chandrexa de Queixa, as preto de 24.000 hectáreas dos que comezaron o 12 de agosto en Oímbra e Xinzo de Limia que acabarían uníndose ou as preto de 32.000 hectáreas do iniciado o 14 de agosto en Larouco e que acabaría converténdose no maior incendio rexistrado na historia de Galicia.

Así, os datos permiten comprobar que neses 18 días de agosto en Chandrexa de Queixa só se rexistraron tres incendios, igual que en Xinzo de Limia, e só un en Oímbra e outro Larouco. Un único incendio que resultou incontrolable. 

Pola contra, eses mesmos días rexistráronse sen grandes consecuencias 19 incendios en Vilalba, 18 en Carballo e 17 en Santiago. Outra cousa foron os tamén 17 incendios de Ponteceso, onde houbo desaloxos, cortes de luz e risco para as persoas.

Tres cuartas partes dos incendios do mes

Os datos agora liberados, aínda que parciais, son bastante representativos do ocorrido no mes de agosto, xa que os 492 incendios rexistrados ata o 18 dese mes supoñen o 73% dos 673 que segundo a Xunta houbo en todo o mes. O descenso térmico e aumento da humidade rexistrado a partir do día 19 detivo o avance dos grandes incendios, aínda que estes non se extinguiron ata o 31 de agosto.

Os datos agora liberados son o 73% dos 673 incendios de agosto, pero antes xa houbera centos de incendios non divulgados pola Xunta

Pero igual que faltan por coñecerse os detalles dese 27% de incendios restante rexistrados nos 13 días finais de agosto, o agora revelado pola Xunta permite coñecer que entre o 1 de xaneiro e o 31 de xullo o Goberno galego xa empregara 995 números distintos de identificación de incendios ou conatos, dos que a Xunta só comunicara 19. Igual que do 1 ao 18 de agosto a Xunta empregou 651 números de identificación aínda que finalmente só considerou incendios os 492 facilitados.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.