145.000 hectáreas ardidas e un propósito: "Pensar nun futuro sen incendios"

Monte ardido en Larouco en agosto de 2025 e mapa cos incendios monitorizados por Copernicus en Galicia ao longo de todo o ano CC-BY-NC-SA Praza.gal

Os satélites do programa Copernicus da UE estiman que en Galicia arderon 144.997 hectáreas no que vai de 2025, unhas 34.000 máis que a suma dos focos comunicados pola Xunta. 111.000 delas sitúaas en catro incendios de Ourense durante agosto

Os incendios forestais comunicados pola Consellería do Medio Rural dende o 1 de xaneiro de 2025 suman, tras os últimos axustes nas estimacións, 110.994 hectáreas das que 108.411 arderon na vaga do pasado agosto. Os satélites Sentinel 2 do programa europeo Copernicus elevan a superficie ardida estimada a case 145.000 hectáreas.

As cifras fornecidas por Copernicus tras unha solicitude de Praza.gal á súa base pública de datos estiman, concretamente, que no que vai de ano arderon en Galicia 144.997 hectáreas, máis de 143.000 delas dende agostos. Estas medicións concentran máis de 111.000 desas hectáreas ardidas en catro grandes incendios na provincia de Ourense superiores ás 24.000 cada un, os maiores da historia do noso país dende que hai datos comparables.

Aínda que os datos de Copernicus non cadran cos de Medio Rural non só en cifras absolutas, senón tamén ao sinalar concretamente os concellos afectados -o Goberno galego indica con máis precisión os municipios e o satélite non necesariamente apunta á localidade onde comezou o lume-, ou o número de focos -pode identificar como un só o que para a Xunta son varios- a fotografía si cadra no esencial. Ourense foi a contorna máis afectada por uns incendios sobre os que Galicia viña sendo advertida dende múltiplos eidos: moitos menos en cantidade, pero moito máis voraces, perigosos e difíciles de controlar nun contexto marcado polas condicións territoriais galegas, pero tamén pola crise climática.

Pescudas científicas do CISPAC para "rachar inercias"

O Centro de Investigación Interuniversitario das Paixaxes Atlánticas ofrece os seus proxectos en materia de gandaría extensiva, bioeconomía forestal ou enerxías renovables para "empezar a traballar nunha solución" a longo prazo

Á espera de coñecer as cifras definitivas de superficie ardida, o cal acontecerá ao longo de 2026 -Medio Rural inclúeas, sen desagregar focos concretos, en cada edición do plan anual contra incendios que debe elaborar por lei-, os datos dos satélites europeos enchen, en gran medida, os baleiros informativos que a Xunta mantén a respecto dos incendios forestais dende 2009. E, coa magnitude do desastre á vista sobre o territorio e nos números, son diversas as voces expertas que reclaman ir alén da conxuntura da emerxencia e poder pensar "nun futuro sen incendios".

Un dos ámbitos que acolle esa reflexión é o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), que implica profesionais das tres universidades públicas galegas. Faino a través de proxectos científicos como RuralTXA, centrado na gandaría extensiva de montaña, a abordaxe da bioeconomía forestal no Laboratorio Ecosocial do Barbanza, economía social en concellos rurais, evolución das paisaxes no longo prazo, ou o uso de enerxías renovables nas localidades de menor dimensión. Porque "identificar as bases do problema é o punto de partida para empezar a traballar nunha solución", resalta Lourenzo Fernández Prieto, director científico do CISPAC e catedrático de Historia Contemporánea da USC.

"As alternativas fronte ao lume non son doadas e iso é o primeiro que hai que asumir", resalta Fernández Prieto en conversa con Praza.gal, xunto á necesidade de "non asumir a catástrofe como un futuro". "E isto -agrega- non é un problema só económico e técnico; tamén é un asunto social, temporal e, por suposto, físico-climático" no que hai que "rachar inercias de 80 anos, como mínimo".

A clave é distinguir entre "atallar os incendios" e "evitalos, que é do que falamos nós" porque se seguen producíndose, "cada vez van ser peores, máis catastróficos", resalta Fernández Prieto, director científico do CISPAC

No seo do CISPAC, abonda, persoas expertas en disciplinas como a bioloxía, a enxeñaría ou a historia traballan coa lóxica da "investigación participativa coas persoas que viven alí", nas contornas rurais onde golpean os incendios. Porque falamos, subliña, de "paisaxes humanas" nas que hai que ter en conta cuestións como a xestión dos montes veciñais en man común -supoñen un 23% do territorio-  ou que "o territorio que está abandonado arde" pero tamén que "o semiabandonado está cheo de árbores" e que "a idea de que onde se manexa o monte como na Mariña non hai incendios tampouco funciona, porque hai un elemento que se chama cambio climático".

Neste sentido, advirte Fernández Prieto, non se trata de tentar "volver atrás" no tempo cara a "un rural cheo de xente". Pero non é menos certo, matiza, que "no rural galego aínda hai bastante xente" e que moita poboación urbana ten moita "relación" con contornas rurais pola vía da propiedade ou os vencellos familiares. Con todas esas persoas, mantén, hai que contar para "non tratar a xente do rural como se houbese que salvala permanentemente", senón apoiarse nela porque "coñece o territorio e ten moita información".

A aldea de San Vicente de Leiras, en Vilamartín de Valdeorras, arrasada polas lapas o pasado agosto, nunha imaxe de Pedro Armestre para Greenpeace © Pedro Armestre - Greenpeace

Porque, pasada a emerxencia, considera, a clave é distinguir entre "atallar os incendios" e "evitalos, que é do que falamos nós" porque se seguen producíndose, "cada vez van ser peores, máis catastróficos". Con razóns coma estas, salienta o CISPAC, "trasladamos o noso apoio ás persoas afectadas e as institucións implicadas nas solucións e poñémonos ao seu dispor no que podemos colaborar. Non aceptamos a condena dos lumes e sabemos que hai capacidades e condicións para concibir un futuro diferente".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.