As máis de 110.000 hectáreas que suman os incendios comunicados pola Xunta xa fan que 2025 substitúa a 2006 como o ano con máis monte ardido dende a catastrófica vaga que desbordou o Goberno de Laxe
"Unha vez controlado o lume, é o momento de falar de política". Quen fala é Alberto Núñez Feijóo, líder da oposición non no Congreso dos Deputados, senón no Parlamento de Galicia. É 5 de setembro de 2006 e o presidente socialista da Xunta, Emilio Pérez Touriño, comparece ante a Cámara para abordar o acontecido na vaga de incendios que, vinte días antes, rematara cunhas 77.000 hectáreas ardidas para engordar un balance anual que remataría con máis de 95.000, o peor dende o catastrófico 1989.
Naquel ano final da década dos 80 arderan máis de 198.000. O desastre forestal golpeara os montes e tamén o Goberno galego da época, o desbordado Executivo tripartito liderado polo socialista Fernando González Laxe, que dera en verse impotente mentres o lume servía de argumento preelectoral na carreira do ex-ministro franquista Manuel Fraga para tentar lograr a Xunta no seu primeiro intento en decembro daquel ano.
Os incendios de 2006 serviran a Feijóo e o seu equipo -liderado no gabinete asesor por Mar Sánchez Sierra e no organigrama do PP por Alfonso Rueda- para despregar por primeira vez a súa faceta máis dura de oposición ao Goberno de PSdeG e BNG. Entre os seus argumentos para, por exemplo, esixir destituír o "calcinado" conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, figuraba que non ardera tanto dende 1989: "Lle pido o que eu faría se estivese no seu lugar; teríamos que cesar ao conselleiro directamente responsable do maior desastre ecolóxico dos últimos dezaseis anos", resumira quen despois foi presidente durante 13 anos.
Que a de 2006 fora a peor vaga dende a de finais dos 80 servira ao PP como argumento para esixir a Touriño a destitución do conselleiro Suárez Canal. Rueda desbota agora que cese a actual titular de Medio Rural
Case dúas décadas despois daquela vaga de lume o actual presidente Rueda prepara unha comparecencia parlamentaria post-incendios -a petición propia e mais por solicitude do BNG- ao xeito de Touriño en 2006 e do propio Feijóo en 2017. Só sumando as estimacións de superficie ardida ofrecidas pola Xunta sobre os incendios que decidiu divulgar -só en agosto ocultou máis de 400-, o balance da vaga supera as 108.000 hectáreas e o total do ano, as 111.000.
Mesmo á espera dos datos definitivos -e mentres as medicións satelitais do programa europeo Copernicus son máis avultadas- xa é posible concluír, daquela, que o 2025 pasa a ser un dos poucos anos dende que hai datos comparables con máis de cen mil hectáreas arrasadas polo lume nos montes galegos. Ata agora só acontecera catro veces, todas agás unha (1978), na década de 1980.
O balance deste ano remudará así o 2006 coma o máis negativo dende o do devandito 1989, que Fraga esgrimira con éxito como mostra de incompetencia do Executivo do PSdeG, PNG e Coalición Galega e da necesidade da chegada do PP a San Caetano. A comparación co 89 fora, precisamente, clave para que Feijóo pedise cabezas políticas do Goberno de PSdeG e BNG tras o lume en 2006: "Non quero pensar que ten que pasar en Galicia para que algún conselleiro dimita. Non o quero pensar porque me dá medo", dixera ante o "non" de Touriño a destituír a Suárez Canal.
BNG e PSdeG esixen responsabilidades políticas e tamén mudar o rumbo das políticas forestais no marco da crise climática. Rueda incide na rapidez das axudas mentres e apunta ao Goberno de España
A asunción de responsabilidades políticas, precisamente, forma parte das reclamacións da actual oposición parlamentaria tras os incendios de 2025. A líder do primeiro grupo da oposición, Ana Pontón, reclamou nos últimos días a dimisión do propio Rueda como "máximo responsable da incompetencia da Xunta" fronte ao lume. O BNG e tamén o PSdeG apuntan, asemade, cara á conselleira do Medio Rural, María José Gómez, cuxa permanencia no cargo xa ratificou o presidente o pasado luns porque porque a súa "actuación" ante a vaga "foi a axeitada en liñas xerais", mentres que en 2006 "houbo moitas cousas mal feitas" por parte de Suárez Canal.
Cabe agardar que, na comparecencia do día 9, Rueda poña o foco non só na defensa da actuación do seu Goberno na extinción das lapas, senón que tamén incida no argumentario da dirección estatal do seu partido que deita gran parte da responsabilidade no Goberno de España. En clave galega, asemade, o titular da Xunta vén insistindo na rapidez do seu Executivo en convocar axudas para as persoas e empresas afectadas polos danos dos incendios.

Mentres, dende a esquerda, Pontón e tamén José Ramón Gómez Besteiro veñen combinando a crítica ao xeito en que a Xunta afrontou o lume neste 2025 coa reclamación de medidas estruturais para o monte. Así, o Bloque vén de formular o denominado plan Da Cinza á Vida, con 50 propostas que, defenden, deberan servir para un "acordo de país" ao respecto e que inclúe, entre outras, recuperar accións xa lanzadas polo Executivo de coalición hai dúas décadas.
O PSdeG, pola súa banda, destaca que os incendios deste ano son o "resultado", entre outras cuestións, de non aplicar un plan que xa existe. Trátase do elaborado no Parlamento despois dos incendios de 2017 que, cando menos en parte, recollera accións xa promovidas en 2006 por socialistas e nacionalistas.
Tras arder 50.000 hectáreas de monte e morrer catro persoas en apenas dous días, a comisión de estudo creada para analizar o sucedido en 2017 coa participación de numerosas voces expertas propuxera máis dun cento de medidas. O ditame recibira o voto favorable do PP e tamén do PSdeG porque, consideraran os socialistas, supuña "recuperar", cando menos en parte, "as políticas do goberno de Touriño e da consellería de Suárez Canal". Xa pasaron case oito anos e, lamentan, os gobernos de Feijóo e Rueda "non fixeron nada" para aplicar o aprobado.