0 Gardados para despois

A Xunta rectifica e eleva a 49 mil hectáreas a superficie arrasada pola vaga de lumes

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Os incendios que Galicia sufriu nas dúas primeiras semanas de outubro queimaron un total de 49.171 hectáreas de terreo. A medición definitiva fíxoa pública a Xunta a través dunha nota de prensa na tarde deste venres, catro días antes de que o presidente Feijóo compareza no Parlamento para dar conta da súa xestión, e é un 40% superior ás 35.500 hectáreas estimadas inicialmente, cifra feita pública o pasado 18 de outubro. As hectáreas de monte arborado arrasadas ascenden a 26.098 mentres que 23.073 son de monte raso. Por provincias, a máis afectada foi Ourense con 22.623 hectáreas, seguida de Pontevedra con 20.085, Lugo con 5.734 e A Coruña con 728 hectáreas.

A superficie danada en Rede Natura, un total de 11.376,69 hectáreas, representa o 23,14% do total ardido

A Xunta tamén comunicou que a superficie danada en Rede Natura, un total de 11.376,69 hectáreas, representa o 23,14% do total ardido nos días que durou a vaga de lumes. Ourense (con 6.769,39 hectáreas) e Lugo (con 4.523 hectáreas) foron as provincias que sufriron unha maior afectación en zonas protexidas. O Goberno galego destaca que neses días os equipos de extinción tiveron que facer fronte a 264 incendios. Hai que ter en conta que Medio Rural mantén dende 2009 o criterio de non informar a poboación nin a prensa dos incendios inferiores a 20 hectáreas nos seus informes diarios.

As máis 49 mil has. queimadas na segunda semana de outubro súmanse ás 12.600 que arderan dende o 1 de xaneiro, o que eleva a 61.698 has. a superficie total arrasada no que levamos de ano

As 49 mil hectáreas queimadas na segunda semana de outubro súmanse ás 12.600 que arderan dende o 1 de xaneiro, o que eleva a 61.698 hectáreas a superficie total arrasada no que levamos de ano. 2017 confírmase como o peor ano para o monte galego dende o ano 2006 (95.880 hectáreas queimadas nos dez primeiros meses). A vaga de lumes que ese ano sufrira Galicia no verán, cunha duración de dúas semanas, arrasara ao redor de 70 mil hectáreas.  

O 53% do queimado foi superficie arborada e hai que remontarse aos datos de 2006 para atopar unha proporción similar

Así pois, a medición definitiva realizada polo Goberno galego significa que os incendios que queimaron Galicia neses días arrasaron unha extensión que non queda lonxe da suma de todo o ardido en 2013, 2014, 2015 e 2016, unhas 55 mil hectáreas. Chama a atención, especialmente, o elevado número de hectáreas de arborado queimadas nos días que durou a vaga de lumes, que representan o 53,08% de todo o ardido. Durante todo o pasado ano 2016, por exemplo, a superficie arborada queimada representou o 42% do total e no 2015 foi o 38%. Hai que remontarse aos datos de 2006 para atopar unha proporción de superficie arborada tan importante (57%).

 

Superficie queimada en incendios forestais en Galicia

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Villares critica a “covardía” da Xunta por “non dar a cara” cunhas "cifras históricas en tempo récord"

O portavoz de En Marea, Luís villares, criticou este sábado “a covardía e o escapismo” do Goberno galego por “non dar a cara diante dunhas cifras históricas en tempo récord” de hectáreas queimadas na última vaga de incendios. Villares valorou así a nota de prensa coa que na tarde deste venres a Xunta elevou de 35.500 a 49.000 as hectáreas afectadas que estimara inicialmente.

Para Villares, a suposta trama de terrorismo incendiario á que culpa Feijóo é unha "coartada para evitar facerse responsable da súa incompetencia"

O voceiro de En Marea, que percorreu este sábado algunhas das zonas afectadas polos incendios no Courel, insistiu na necesidade de mudar a política forestal. Villares tamén fixo referencia ao “inimigo exterior” que buscou Feijóo na suposta trama do terrorismo incendiario “que nin a policía xudicial nin a Fiscalía ven por ningures” e que para el só foi unha “coartada empregada para evitar facerse responsable da súa incompetencia”.