0 Gardados para despois

O PSdeG acusa a Baltar de priorizar a extinción do lume nas propiedades dos responsables da Deputación

Redacción | @prazapublica

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, compareceu este venres no Parlamento para explicar os orzamentos do ente provincial. Na súa intervención Baltar destacou que estes "son os orzamentos do emprego e da cooperación cos concellos", salientando especialmente a creación de postos de traballo directo a través do "plan de empregabilidade" e as medidas adoptadas para garantir a transparencia: "Para Ourense, a transparencia non é unha obriga legal, é unha actitude". 

Porén, a exposición das contas foi respondida con fortes críticas por parte dos tres grupos da oposición, que fixeron fincapé especialmente na falta de medidas contra o despoboamento, a falta de dinamismo económico na provincia e de oportunidades para a mocidade. Tamén no excesivo gasto en persoal realizado pola Deputación, do que as políticas sociais e os investimentos serían os grandes prexudicados. E, unha vez máis, dominaron as acusacións de "nepotismo" e de beneficiar os concellos gobernados polo PP sobre as restantes localidades.

Blanco acusou a Baltar de estar “desaparecido en combate” durante a crise dos incendios

A deputada socialista Noela Blanco, en concreto, afirmou que na recente vaga de lumes os equipos de extinción de incendios dependentes do ente provincial “o primeiro que fixeron foi enfriar as zonas cercanas ás propiedades dos responsables da Deputación”. "Iso ocorría mentres as lapas asolagaban moitas localidades da provincia, con alcaldes e alcaldesas, veciños e veciñas tentando apagar o lume con todo o que tiñan", engadiu. A responsable socialista criticou, ademais, que a Deputación destinara 1,4 millóns de euros para manter un servizo privado de extinción.

Blanco acusou a Baltar de estar “desaparecido en combate” durante a crise dos incendios e criticou a súa "falta de respecto" pois “non chamou o alcalde de Carballeda de Avia, onde faleceu unha persoa, para ver se precisaba de algo”. "Nin corazón nin vergoña", engadiu.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Plantón dos presidentes socialistas das deputacións de Lugo e Pontevedra pero non do da Coruña

Como xa sucedera hai unha década, ao comezo do goberno bipartito de PSdeG e BNG á fronte da Xunta, cando os presidentes das deputacións controladas polo PP se negaron a comparecer no Parlamento de Galicia para informar dos seus orzamentos, este venres a situación repetiuse á inversa. Os presidentes socialistas das deputacións de Pontevedra e Lugo, Carmela Silva e Darío Campos, non acudiron á Cámara argumentando ofensas supostamente sufridas nas súas comparecencias de anos anteriores e agravios por parte da Xunta. Porén, si o fixo o tamén socialista Valentín Formoso, presidente da Deputación da Coruña, ademais do popular Manuel Baltar, da de Ourense.

A comparecencia dos presidentes das deputacións provinciais no Parlamento de Galicia para informar dos seus respectivos orzamentos durante a tramitación das contas autonómicas é un trámite. Os entes provinciais teñen autonomía para aprobar os orzamentos que consideren sen que o Parlamento poida modificalos. É unha simple escenificación da desexable e poucas veces acadada coordinación entre a administración autonómica e as provinciais.

Feijóo cualificou como "erro" o plantón que hai unha década deron os presidentes populares e lamentou que agora se volva producir por parte dos socialistas

Este xoves o propio presidente Feijóo lembrou o plantón que no seu momento deran ao Parlamento os presidentes provinciais do PP, que cualificou como “erro”, e lamentou que se volvese producir agora por parte de presidentes socialistas. Tamén se preguntou se o BNG que os apoia “está de acordo con esta falta de respecto ao Parlamento de Galicia”.

A falta de respecto por parte dos deputados do PP na súa comparecencia do ano pasado é precisamente o argumento que dá a presidenta pontevedresa, Carmela Silva, para non acudir este ano. A socialista apelou á “autonomía local” para non someter os seus orzamentos á Cámara autonómica e solicitou a cambio un debate persoal con Feijóo en público ou privado sobre o que considera falta de colaboración da Xunta.

Silva e Campos critican a falta de colaboración da Xunta cos concellos que non goberna o PP, pero o tamén socialista coruñés Valentín Formoso si acudiu

Pola súa parte, o presidente lucense, Darío Campos, lamentou a “nula colaboración” económica da Xunta con Lugo e a súa discriminación dos concellos non gobernados polo PP. Campos lembrou que as comparecencias no Parlamento son voluntarias e que as que fixo nos dous anos anteriores non foron correspondidas por un trato adecuado por parte do Goberno galego, que ao seu ver prima á deputación de Ourense, a única que controla o PP. Campos engadiu que, en todo caso, os orzamentos da deputación son públicos e serán enviados á Xunta.