0 Gardados para despois

A Comisión Europea pide datos sobre o uso dos fondos FEDER para previr incendios en Galicia

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A Comisión Europea (CE) destina a Galicia 39,5 millóns de euros para a "adaptación ao cambio climático e prevención de riscos", incluída a xestión dos incendios forestais, durante o período 2014-2020 a través dos fondos FEDER. Supoñen, aproximadamente, o 4,5% da cifra total dos arredor de 900 millóns deste conxunto de achegas comunitarias que xestiona a comunidade autónoma. Agora, esta institución da UE estudará se a Xunta fai unha aplicación axeitada ou non destes fondos logo da importante vaga de lumes que asolou Galicia a segunda fin de semana do mes de outubro. 

A Comisión Europea estuda se a Xunta fai un uso axeitado dos fondos destinados a previr riscos e evitar incendios

Todo xorde a raíz dunha queixa presentada pola asociación Petón do Lobo ás poucas horas de que o lume arrasase 35.500 hectáreas e catro vidas en Galicia o pasado día 15. O colectivo ambiental enviou un escrito á Comisión ao entender que a Xunta de Galicia está a "incumprir de xeito reiterado" os obxectivos de prevención de riscos "sen corrixir as desviacións que se repiten cada ano e sen atallar as causas estruturais que as motivan". A asociación entende que a avaliación de riscos que leva a cabo o Goberno galego "parte dunha diagnose equivocada da realidade galega, baseada nun plan de ordenación e xesión forestal de 1992, caduco e obsoleto, que non reflicte a realidade dos montes e non ataca as causas estruturais". Por iso, a entidade lémbralle á CE que "ten o deber de indagar nos motivos" deses supostos "incumprimentos" e "esixir que se revisen, condicionando o acceso aos fondos europeos ao seu efectivo e eficaz cumprimento". 

Petón do Lobo pide á CE que actúe ao entender que a Xunta "non atalla as causas estruturais" do lume e fai "unha diagnose equivocada"

Logo da queixa presentada, Petón do Lobo recibiu a pasada semana un requirimento da CE na que insta a asociación a que remita un informe detallado sobre esta inadecuada avaliación de riscos, cuxa correcta realización debera ser un condicionante preceptivo para acceder a eses fondos que se destinan á prevención e extinción dos incendios. Neste xoves, un delegado da entidade ambientalista presentou a documentación requirida na sede da Comisión en Bruxelas. 

"É moi importante que a CE se comprometa a estudar a situación porque estamos a falar de fondos públicos e dunha posible mala aplicación deles, algo que se pode ver no propio Pladiga", di Ana Varela, secretaria de Petón do Lobo, que considera que a Xunta "debe establecer medidas correctoras". "Hai que atender á previsión pero tamén a unha ordenación do monte baseada na priorización de usos dentro do escenario global de seca e de adaptación ao cambio climático", insiste o colectivo. 

A institución comunitaria pide á entidade ambientalista un informe sobre as eivas da Xunta para avaliar o traballo da Administración

De feito, nas prioridades de investimento que a CE sinala para os fondos FEDER aclárase que unha delas é esa "promoción da adaptación ao cambio climático e á prevención e xestión de riscos" e estipula que isto débese facer mediante "o apoio ao investimento destinado á adaptación a ese cambio climático, incluídos plenamentos baseados nos ecosistemas" e o "fomento do investimento para facer fronte a riscos específicos, garantindo unha resiliencia fronte ás catástrofes e desenvolvemndo sistemas de xestión de catástrofes". 

Petón do Lobo, tal e como explica na súa documentación, entende que non se está a cumprir o mandato  e se están "utilizando irregularmente os fondos FEDER por parte da Xunta" por tres causas fundamentais. A primeira, pola falta dunha axeitada ordenación dos usos do solo e do monte, o que provoca "unha diagnose errada" e, xa que logo, "que a prevención sexa imposible". "Esta ordenación de usos debe fundamentar un plan de xestión forestal e de protección forestal actualizado e adaptado a la realidade existente, que fomente o bosque autóctono e contemple a redución paulatina das especies pirófitas como o eucalipto", din. 

Petón do Lobo entende que a Xunta non ordena correctamente o monte, falla na prevención e non actúa con firmeza contra o cambio climático

Como segunda causa insisten no "incumprimento estrutural da lexislación de prevención" por pare do Executivo galego; e como terceira, a ausencia dunha normativa galega clara que "prevía e palíe o cambio climático". "A Xunta debe tomar conciencia do cambio climático e, por exemplo, incorporar expertos en climatoloxía nos dispositivos de prevención e extinción de incendios, aspecto que debe quedar reflictido a partir de agora no Pladiga e nas avaliacións de riscos que presenten as diferentes autonomías para o acceso aos fondos FEDER", entende Petón do Lobo.

"O que reclamamos é que a CE faga o seu labor e vele por que se empreguen correctamente os cartos e que se comprobe que se cumpre coa avaliación de riscos e cos traballos que se lle esixen desde Europa á Xunta", di Ana Varela, que lembra tamén que pediron axuda a varias formacións políticas para achegar documentación pero que non recibiron nada e que poderían acudir á xustiza.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.