0 Gardados para despois

As 35.500 hectáreas ardidas na vaga de lume avanzan o peor balance de incendios dende 2006

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Case un 70% máis que en todo o ano pasado e, en apenas dous días, practicamente a metade do ardido na gran vaga de lume do ano 2006, que durou dúas semanas. As primeiras estimacións da superficie arrasada polas lapas dende a pasada fin de semana amosan ás claras a magnitude da catástrofe e permiten asegurar que o balance dos incendios de 2017 en Galicia será o máis alto dunha década, o peor dende o ano 2006, no que a gran crise dos incendios de agosto tornara aquel exercicio no peor en vinte anos.

O ardido nesta vaga de lume é un 70% máis que en todo 2016 e case a metade que nos grandes incendios de 2006, que duraron dúas semanas

Despois de que, na súa comparecencia ante o Parlamento, a conselleira do Medio Rural non ofrecese cifras exactas do ardido pero si avanzase datos que convidaban a pensar que arderan arredor de 20.000 hectáreas, o seu departamento fixo público no serán deste mércores unha primeira "estimación provisional" da superficie ardida "durante a pasada fin de semana" e que sitúa en "arredor de 35.500 hectáreas". Esta superficie, admite Medio Rural, terá que ser "engadida ás 12.600 que arderan ata ese momento", dato que ata agora tampouco revelara.

Estas primeiras estimacións indican, daquela, que no que vai de ano as lapas arrasaron nos montes de Galicia unhas 48.100 hectáreas, o que duplica amplamente o balance de 21.000 hectáreas de todo o 2016, pero que tamén supera de xeito moi notable o ardido nos últimos anos entre o 1 e o 18 de outubro. Neste caso a superficie queimada tamén é a maior dende 2006.

Ponse ademais así fin a unha xeira de practicamente media década de volumes anuais de hectáreas ardidas relativamente baixos. Non en van, dende a gran vaga de 2006 o peor ano ata o momento fora 2011, cunhas 42.000 hectáreas perdidas por mor do lume.

A Consellería, que mantén dende 2009 o criterio de non informar a poboación nin a prensa dos incendios inferiores a 20 hectáreas, afirma que estas "primeiras estimacións" van "permitir determinar as actuacións que é preciso adoptar para brindar ás persoas que perderon as súas vivendas habituais" o "apoio necesario" e tamén abordar a "rexeneración" do terreo queimado. As primeiras decisións, avanza, chegarán no Consello da Xunta deste xoves.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Os 17 incendios que aínda arden xa están controlados

Malia á chegada da chuvia e o intenso traballo de extinción, a media mañá deste xoves aínda quedaban por extinguir en Galicia case unha vintena de incendios, aínda que todos eles baixo control. O balance feito público pola Consellería do Medio Rural -que non inclúe os incendios inferiores a 20 hectáreas" recolle un total de 17 focos, a maioría no sur da provincia de Pontevedra e outros tres en Lugo.

A contorna que máis sufriu as lapas durante o domingo é a que concentra o maior número de incendios. Quedan tres focos en Ponteareas, nas parroquias de Padróns, Guillade e Guláns, e sofren cadanseus incendios os municipios de Fornelos de Montes, Salceda de Caselas, Nigrán, Salvaterra, Gondomar, Mondariz, As Neves, Mos, Baiona e A Guarda. Mentres, en Lugo séguese a loitar contra as lapas en dous incendios de Cervantes e noutro en Monforte.

O balance de incendios extinguidos nas últimas horas chega á vintena, todos agás un en Ourense. Foron os que atinxían aos concellos de Xunqueira, Maceda, Esgos, Lobios, Paderne de Allariz, Parada de Sil, Baños de Molgas, Montederramo, Chandrexa de Queixa, A Gudiña, Lobios, Vilar de Barrio, San Cristovo de Cea, Boborás, Piñor, Manzaneda e os tres incendios de Montederramo. En Lugo quedou apagado o de Negueira de Muñiz.