666 focos, 400 evacuados e 144 casas afectadas, só 8 habituais: o que deixa o lume e as axudas da Xunta

Consello da Xunta extraordinario celebrado en Ourense polos incendios este venres CC-BY-SA Ana Varela - Xunta de Galicia

Rueda xustifica motobombas paradas "por descanso do seu persoal" e aproba axudas de ata 132.000 euros para vivendas habituais e 66.000 para as non habituais

O Goberno galego celebrou este venres en Ourense un Consello da Xunta extraordinario que fixo balance da vaga de incendios e aprobou axudas para paliar os seus efectos. Unhas axudas, complementarias da declaración de zona catastrófica por parte do Goberno de España, que segundo avanzou o presidente Rueda non van ter límite global e cuxo monto total non pode ser aínda estimado. Para establecelas, a Xunta partiu dunha primeira análise do ocorrido a partir de datos obtidos pola Axencia Galega de Emerxencias en colaboración cos concellos. 

Segundo as cifras que verbalizou o presidente, só no mes de agosto rexistráronse 663 focos, 666 segundo a información facilitada posteriormente pola Xunta, -fronte ao medio cento de incendios dos que informou ata agora o Goberno galego- que queimaron unhas 96.000 hectáreas, cifra que pode variar cando se midan correctamente a superficie afectada, moita máis segundo os datos de satélite. Eses lumes afectaron a 62 concellos, provocaron a evacuación de 400 persoas e 2.000 confinamentos. E afectaron a 144 vivendas (8 residencias habituais, 42 segundas residencias e o resto abandonadas ou en ruínas) e "media ducia" de explotacións gandeiras. 

Seguen hospitalizados tres traballadores da loita contra o lume, un de 18 anos moi grave e dous de 26 e 46 anos graves, e foron detidas 11 persoas

Canto ás persoas feridas, Rueda sinalou que seguen hospitalizados tres traballadores da loita contra o lume: un de 18 anos en estado moi grave con queimaduras no 40% do corpo pero con situación máis favorable que nas últimas xornadas e outros dous de 26 e 46 anos en estado grave con queimaduras de segundo grao. Por estes incendios xa van detidas 11 persoas como presuntos responsables, segundo dixo Rueda. 

Para paliar os danos a Xunta aprobou axudas de ata 132.000 para rehabilitación ou compra por afectacións en vivendas de uso habitual, ademais de ata 16.200 euros para mobiliario. E de 66.000 euros para rehabilitación ou compra para vivendas de uso non habitual. As explotacións agrogandeiras poderán recibir ata 200.000 euros para bens, maquinaria ou equipos, ata 75.000 euros por perda total ou parcial de produción, ata 15.000 euros para alimentación do gando e distintos tipos de axudas por hectárea queimada segundo o tipo de cultivo.

Os concellos tamén recibirán axudas tanto por gastos na extinción dos incendios como por danos en instalacións e servizos municipais. Nesa liña, o presidente tamén ofreceu a "vontade da Xunta para axudar" coa extinción do lume no vertedoiro municipal de A Rúa que leva varios días ardendo entre o medo da poboación pola súa posible toxicidade.

Medios parados

"Non todo pode estar operativo ao 100%" di Rueda ante as críticas por ter medios parados mentres pedía máis ao Estado

Na rolda de prensa deste venres o presidente foi preguntado polas críticas de diversos sectores pola constatación durante o peor da crise de que había medios de loita contra o lume parados. No caso concreto de motobombas sen uso mentres a Xunta pedía máis ao Goberno de España, Rueda asegura que "non todo pode estar operativo ao 100%" e que "non houbo outras motobombas paradas máis que as que se derivan do descanso so persoal". E sobre a posible falta de persoal, o presidente incidiu en que "houbo máis xente que nunca neste operativo", sen aclarar se houbo prazas previstas baleiras, como denuncian os sindicatos.

Monte queimado en Larouco tras o incendio deste mes de agosto CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.