A Xunta de Galicia retirou varios efectivos de bombeiros dos consorcios provinciais de Galicia dos traballos de extinción na vaga de lume que asola sobre todo a provincia de Ourense. Fíxoo o pasado martes a última hora a través de ordes que foron transmitidas polos seus superiores a persoal que, desconcertado, volveu aos seus parques de orixe.
A Xunta ordenou desmobilizar bombeiros dos consorcios provinciais que levaban días traballando en Ourense mentres Rueda pedía máis medios ao Estado
Así o confirmaron a Praza.gal este mércores varios destes bombeiros que tiveron que dar volta, algúns mesmo cando xa ían de camiño a algún dos incendios que queimaron máis de 70.000 hectáreas no que vai do verán en Ourense. Facíano logo de que unha notificación da Xunta instase este persoal a abandonar as tarefas que levaban días facendo en apoio do persoal de extinción xa presente nas zonas ou os enviados de reforzo, tanto polo Estado como pola administración autonómica.
A decisión da Xunta chegou no mesmo día no que o seu presidente, Alfonso Rueda, volvía reclamar máis medios por parte do Estado, mesmo aqueles que non se dedicasen a atacar o lume directamente, senón que puidesen colaborar coa maquinaria axeitada para abrir cortalumes ou traballar en rozas. Na mesma xornada que o Goberno central respondía que todo o solicitado e posible estaba xa enviado.
Precisamente, como explica algún dos bombeiros consultados por este diario, o feito de que este persoal dos consorcios provinciais mobilizados sexa urbano e non especializado en lume forestal adoita facer que os seus labores se centren en dar apoio aos especialistas despregados na zona, achegando auga principalmente a través dos seus vehículos nodriza para axilizar os traballos, como aclara Manuel, co consorcio de Lugo.
Os bombeiros provinciais adoitan colaborar no labor dos forestais, aínda que nas "circunstancias excepcionais" de Ourense tamén traballaron "a pé de lume"
Nesta ocasión, e debido ás "circunstancias excepcionais" vividas en Ourense, os desprazados atacaron tamén os fogos directamente e traballaron "a pé de lume. "Nestas circunstancias, todos acabamos facendo de todo e todos somos bombeiros perfectamente capacitados, ás veces poñéndonos ás ordes das BRIF (Brigadas de Reforzo de Incendios Forestais) ou levando a cabo outras tarefas", explica Moisés Fernández, bombeiro de Ribeira, do consorcio da provincia da Coruña. Entre eses outros labores, algúns xa realizados nos momentos de maior "caos", como hai días, cando colaboraron no desaloxo de casas ou na atención á veciñanza.
Este bombeiro asegura, ademais, que tanto o seu retén como outros pasaron algunha das súas quendas nos primeiros días desta semana "sen facer nada de nada" durante horas, á espera de indicacións, ao igual que algúns compañeiros chegados de Andalucía, o que causou o desconcerto e mesmo a indignación de boa parte do persoal. Foi logo desas quendas cando chegaron as ordes de abandonar Ourense.
Bombeiros provinciais recoñecen que pasaron a súa quenda "sen facer nada de nada" en parques de Ourense á espera de indicacións
"E todo isto pasaba, coa nosa sorpresa, mentres a Xunta estaba a reclamar máis medios... É incomprensible", engade. "Se alguén quere xustificar a decisión en que somos bombeiros urbanos e non forestais... Pois non o entendo. Facemos o que faga falta e máis nestas circunstancias", lembra quen recorda que nos peores momentos el e os seus compañeiros colaboraron en extinción e situacións onde tamén traballaban voluntarios, membros de policías locais, gardas civís ou efectivos de Protección Civil.
A Xunta rectifica e reactiva os bombeiros comarcais
As queixas, verbalizadas publicamente a través de bombeiros e delegados sindicais, chegaron tamén ás redes sociais, onde persoal de extinción lamentaba ter que retirarse malia a emerxencia da situación e cando o persoal dos consorcios levaba activo en Ourense desde que se declarara a Situación 2 de emerxencia en toda a provincia. Unha mobilización que, no momento de realizarse —aclaran varias fontes— foi feita tendo en conta a dispoñibilidade dos parques comarcais para non deixar outras zonas de Galicia desatendidas.
Ás poucas horas de coñecerse a decisión da retirada por parte da Xunta, adiantada por Radio Galicia, a Xunta decidiu reactivar a mobilización dos bombeiros dos consorcios provinciais. Segundo aclara a Consellería de Presidencia, en resposta a Praza.gal, e "dado que as necesidades van variando", o que se traslada agora aos consorcios é que "as tarefas que neste momento se precisan son de saneamento e liquidación de perímetros en terreos forestais". Así, indica o Goberno galego, estes consorcios deberán comunicar agora "os efectivos dispoñibles para estas tarefas.