O Goberno galego e o PP levan días trasladando a imaxe de que a Xunta está soa na loita contra os incendios forestais e que o Goberno de Pedro Sánchez segue sen activar recursos de axuda. Porén, documentos oficiais reflicten que tanto o Estado como a Unión Europea levan días mobilizados. Outra cousa é que eses recursos dispoñibles sigan sendo insuficientes para controlar os lumes na situación meteorolóxica das últimas xornadas.

A UE sinala que España activou o mecanismo comunitario de protección civil o mércores 13 por primeira vez na historia e que no que vai de ano xa foi pedido tantas veces por varios países como en todo 2024
Os partes diarios do Ministerio para a Transición Ecolóxica levan días reflectindo a intervención en Galicia de medios áreos e brigadas forestais de reforzo de titularidade estatal chegados de diversos lugares de España. O 7 de agosto, antes de que comezase o día 8 o gran incendio do Macizo Central en Chandrexa de Queixa, xa traballaban en Galicia, na Fonsagrada, unha brigada de reforzo e un helicóptero con capacidade para 2.500 litros con base en Asturias, xa que a brigada estatal de reforzo de Laza estaba ocupada noutro incendio galego. E os medios de fóra de Galicia foron aumentando progresivamente.
Este domingo o parte oficial do ministerio reflicte que en distintos incendios de Galicia actuaron avións, helicópteros ou brigadas de reforzo con bases en Zaragoza, Talavera la Real (Badaxoz), Salamanca, Huelma (Xaén) ou Zamora. Uns desprazamentos que se suman á activación da Unidade Militar de Emerxencias (UME) cando así o solicitou a Xunta.
Portugal, Grecia, Bulgaria, Montenegro ou Albania tamén están a sufrir crises incendiarias
A nivel continental, a Comisión Europea informa de que España activou por primeira vez na súa historia o pasado mércores día 13 o mecanismo comunitario de protección civil creado en 2019 para axudar con recursos comunitarios aos estados que o demanden. Segundo a Comisión, no que vai de ano o mecanismo xa foi activado 16 veces por incendios forestais en todo o continente, tantas como durante todo o pasado 2024. Unhas peticións que chegaron, ademais de España, doutros estados como Grecia, Bulgaria, Montenegro ou Albania, mentres en Portugal tamén arde boa parte do interior do país. E uns recursos que, aínda que non chegasen ata agora directamente a Galicia máis que dous avións franceses -están anunciados máis medios ao longo deste martes, seis días despois de activarse o mecanismo europeo-, o seu despregamento previo noutros lugares de España permiten á súa vez o desprazamento de medios estatais desas zonas a Galicia sen deixalas desprotexidas.