O comisario de Xestión de Crises fai un chamamento a que os estados apoien a incipiente flota comunitaria, dispoñible para ser activada por Bruxelas en auxilio de calquera rexión en calquera momento
O propio comisario europeo de Axuda Humanitaria e Xestión de Crises, Christos Stylianides, pon o exemplo dos novos incendios forestais de maior impacto que están a sufrir Galicia ou Portugal nos últimos anos como motivación para o impulso da súa iniciativa rescEU, unha reserva a nivel europeo de capacidades de protección civil para actuacións como a loita contra o lume que non dependa das achegas voluntarias que poida facer cada estado en cada emerxencia senón que estean dispoñibles para ser activadas pola propia Comisión Europea en auxilio de calquera rexión en calquera momento. Este martes o comisario supervisou en Madrid a achega española a ese dispositivo, que presentou como “en transición” á espera de máis colaboración futura dos estados membros e que de momento comezará a traballar este ano con 7 avións, (dous deles achegados por España) e 6 helicópteros.
“O pasado verán contabilizáronse en España 7.000 incendios, boa parte deles déronse en Galicia”, salientaba hai uns días a Comisión Europea na convocatoria do acto deste martes en Madrid, no que Stylianides salientou que España “é un claro exemplo da solidariedade europea ante emerxencias de protección civil e catástrofes como os incendios. A achega española ao dispositivo rescEu limítase de momento a dous avións, en liña cos outros catro estados que aportan medios (outros dous avións Croacia e Italia, un avión Francia e seis helicópteros Suecia) e moi por diante do resto de 23 estados membros da UE, polo que Stylianides pide maior colaboración.
A UE ten activo o Centro Europeo de Coordinación da Resposta a Emerxencias (CECRE) reforzado en verán con expertos en incendios e co sistema de satélites Copernicus á súa disposición
“O noso sistema de resposta en caso de catástrofe acadou os seus límites no seu formato actual, de carácter voluntario”, dicía hai un par de anos o comisario, ao comezar o desenvolvemento do sistema rescEU, que presenta como “unha rede de seguridade que nos permitiría actuar cando as capacidades estatais non sexan suficientes” de xeito que “ningún estado europeo vai estar só enfrontado a unha crise” sen que reemplace “as responsabilidades locais ou estatais”, que deben ter capacidade para enfrontarse por si mesmos ás emerxencias.
Xunto cos medios materiais como os supervisados este martes en Madrid, a UE xa ten activo o Centro Europeo de Coordinación da Resposta a Emerxencias (CECRE), que funciona as 24 horas do día se reforzará durante o verán cun equipo de apoio para incendios forestais constituído por expertos dos estados membros. O centro tamén ten á súa disposición o sistema de satélites Copernicus da UE para cartografar os incendios forestais.