Campaña para salvar a mina de volframio de Valborraz, "patrimonio único" afectado polo lume

Traballadores e traballadoras das minas de volframio © Sputnik Labregos

“Os lumes deste verán foron o último paso dunha longa serie de afeccións que sufriu esta mina dende o seu abandono definitivo nos anos 70” di Carlos Tejerizo, presidente de Sputnik Labrego

O incendio que o pasado mes de agosto afectou ás terras máis altas de Galicia, en Pena Trevinca, arrasou 5.200 hectáreas neste espazo protexido, ameazou con facer desaparecer o valioso Teixadal de Casaio e deixou un impacto na biodiversidade desta área que tardará en se poder recuperar. Pero o lume afectou tamén ao patrimonio material existente no lugar, por exemplo ás antigas minas de volframio de Valborraz, un lugar que garda a memoria do papel xogado pola explotación deste mineral en Galicia a cargo dos nazis na Segunda Guerra Mundial.

A Asociación Científica Sputnik Labrego, en colaboración co Albergue Eco dos Teixos e a Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira, veñen de iniciar unha campaña para recadar recursos económicos co obxectivo de recuperar esta mina de volframio de Valborraz. Sinalan que o lugar foi "moi afectado polos incendios vividos o pasado mes de agosto, chegando a destruír gran parte das teitumes dos edificios que aínda se conservaban". 

Cartel da campaña 'Recuperemos Valborraz' ©

A mina de Valborraz foi unha das ducias de zonas de extracción de volframio durante os anos 40 e 50, momento no que este mineral foi estratéxico para a fabricación de material bélico

“Os lumes deste verán foron o último paso dunha longa serie de afeccións que sufriu esta mina dende o seu abandono definitivo nos anos 70” di Carlos Tejerizo, presidente de Sputnik Labrego. “Os incendios son especialmente perxudiciais, e corremos o perigo de perder este enclave único para sempre”, engade.

A mina de Valborraz foi unha das ducias de zonas de extracción de volframio durante os anos 40 e 50, momento no que este mineral foi estratéxico para a fabricación de material bélico. Con todo, Valborraz destacou non só pola cantidade de mineral extraído, sendo unha das máis potentes no contexto da Segunda Guerra Mundial, senón que foi a única xestionada pola Alemaña Nazi. 

Valborraz destacou non só pola cantidade de mineral extraído, sendo unha das máis potentes no contexto da Segunda Guerra Mundial, senón que foi a única xestionada directamente pola Alemaña Nazi en Galicia

Ademais, foi tamén sede dun dos Destacamentos Penais máis relevantes desta contorna, sendo vivenda de centos de prisioneiros provenientes da Guerra Civil Española. “Os estudos desenvolvidos por historiadores como Isidro García Tato ou Tomás Terrón Mendaña e os nosos traballos arqueolóxicos e antropolóxicos de recollida de memorias vencelladas á mina amosan a súa singularidade e a necesidade de protexelo como un patrimonio único que podemos perder”, remata Tejerizo.

A instalación foi das poucas que estaba xestionada directamente polos nazis e, de feito, era coñecida na comarca como "a mina dos alemáns". A mina fora aberta en 1914 por unha empresa belga, e estivo operativa durante 15 anos. Posteriormente, en 1938, os terreos foron adquiridos polo consorcio SOFINDUS, un conglomerado de empresas de propiedade nazi e con estreitas conexións con Franco (por exemplo, o presidente do Consello da Administración era o conde de Argillo, consogro do ditador). 

Restos da 'Mina dos Alemáns', en Casaio (Carballeda de Valdeorras) © Sputnik Labregos

Entre 1942 e 1944 funcionou aquí un Destacamento Penal, instrumento que o réxime franquista utilizaba para facer traballar os presos (sobre todo prisioneiros de guerra) en obras de construción e empresas afíns a cambio dunha redución das súas condenas

Os alemáns explotaron a mina ata 1945 e nese tempo pasaron por ela centos de traballadores e traballadoras. Ademais, entre 1942 e 1944 funcionou aquí un Destacamento Penal, instrumento que o réxime franquista utilizaba para facer traballar os presos (sobre todo prisioneiros de guerra) en obras de construción e empresas afíns a cambio dunha redución das súas condenas. 

Case 500 presos pasaron pola mina en menos de dous anos, ata que o Penal foi pechado despois de que se producisen varias fugas e de que algúns dos fugados entrase en contacto cos guerrilleiros que movían pola contorna.

Reclaman ás administracións que "non deixen morrer esta contorna histórica, onde tantas historias tiveron lugar e que poden quedar queimadas e enterradas para sempre”

No comunicado oficial da campaña, a Asociación específica que é unha campaña “co dobre obxectivo de acadar recursos para investir na conservación e potencial restauración deste sitio único pero, tamén e quizais máis importante, chamar a atención das administracións competentes para que non deixen morrer esta contorna histórica, onde tantas historias tiveron lugar e que poden quedar queimadas e enterradas para sempre”.

 

 

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.