Din que no Teixadal de Casaio é coma se non pasara o tempo. Porén, este agosto vai deixar unha pegada neste espazo de especial conservación e protección da Rede Natura de Pena Trevinca, pois foi por estas montañas polas que chegou ata Casaio o lume máis voraz da súa historia
Os montes que rodean a aldea de Casaio xa eran lugar de tránsito para gandeiros na Prehistoria. Confirmouno o achado de máis de medio cento de pinturas rupestres por parte da Asociación Científica Sputnik Labrego e un equipo do Incipit do CSIC que traballaron conxuntamente na zona, a mesma na que os nazis xestionaron unha mina de volframio durante a Segunda Guerra Mundial. Neste século, cando parece que case non quedan territorios sen alterar pola nosa pegada no planeta, din que no Teixadal de Casaio, incluído no catálogo de bosques de árbores senlleiras de Galicia, é coma se non pasara o tempo. Alí, no medio dos teixos e da frondosa vexetación, con permiso da fauna do lugar, non é posible saber que día nin que ano é. Porén, este agosto vai deixar unha pegada neste espazo de especial conservación e protección da Rede Natura de Pena Trevinca, pois foi por estas montañas polas que chegou ata Casaio o lume máis voraz da súa historia.
Polo chamado teito de Galicia, dende Zamora, entrou o lume a fin de semana do 16 e 17 de agosto. A veciñanza de Carballeda de Valdeorras estaba todo o preparada que podía, pero non enfrontara unhas lapas así xamais. O relato é similar por todo Ourense, o lume semellaba incontrolable, con vida propia. Queimaba a quilómetros. Sen o vento como aliado, resultaba imposible frealo. As montañas máis altas do noso país, fotografadas hai unha semana polo fotógrafo Pedro Armestre para Greenpeace dende o aire, “agonizan” tras arder durante dúas semanas. “A montaña segue estando aí, pero está como está e tampouco podemos agora meter ningún tipo de presión. Como dicía Juanjo Lorenzo, guía de montaña en Trevinca que é compañeiro noso, hai que deixar a montaña tranquila un pouco, que agonice e que se vaia recuperando”, asegura Pedro Domínguez, dono do albergue Eco dos Teixos na aldea de Casaio e coñecedor da zona tamén como guía e dinamizador.

Os efectos do incendio nótanse só con poñer o pé no terreo: "O chan quedaba como cando baixas pola duna dun deserto"
“Estes lumes, sobre todo no monte baixo, teñen unha carga calórica moi grande, eliminan completamente non só o que se ve na superficie, senón tamén as capas do chan máis fértiles que hai; deixan moita cinza e se necesita de persoal técnico especializado para saber como actuar”, detalla o arqueólogo Fran Alonso, da asociación Sputnik Labrego, quen incide en que agora non é momento de ir á montaña queimada para actividades de lecer.
Alonso conta con que os concellos, como xa estaba facendo a semana pasada o de Vilamartín de Valdeorras, avalíen o estado do terreo e as actuacións que se poden facer para axudar a súa recuperación. “Un chan tarda centos de anos en crearse”, lembra. “Nós estes días, simplemente indo apagar por zona queimada, con que pasara unha persoa, era mirar atrás e o chan quedaba como cando baixas pola duna dun deserto”, explica.
"Preparámonos para afrontar a situación de maneira autoorganizada, sen deixar de pedir medios especializados en todo momento, pero sen crer que ían chegar"
Pedro Domínguez aclara que en Casaio están acostumados a habitar un lugar da periferia, unha zona “bastante abandonada polas institucións”, pero ante o que cualifica como unha “catástrofe” coma a dos lumes deste agosto “sorprende que non houbera un pouco máis de apoio”, di. “Preparámonos para afrontar a situación de maneira autoorganizada, sen deixar de pedir medios especializados en todo momento, pero sen crer que ían chegar”, conta agora, xa con máis calma e de volta coa súa filla, á que levaron cos avós para sacala da aldea ante o perigo.
“Foi unha desilusión corroborar o que viñamos imaxinando”, asegura mentres explica que pasaron dous días e medio freando a chegada do lume á aldea sen axuda de ninguén. As lapas chegaron a estar a menos de dous quilómetros das casas, pero salvaron a aldea. “Nun momento así entendemos que hai que ter unha unión, apoiarse e ter solidariedade entre veciños, pero tamén entre institucións e administracións públicas. Cando isto non se produce, nós temos que actuar igual”, defende.
"Tiñamos unha nube de fume case constante na montaña e tamén na aldea"
Esta zona xa ardeu hai tres anos, de feito, parte das pinturas rupestres identificadas queimáronse (sen demasiados danos aparentemente). Alí teñen experiencia, volveron xuntarse no monte e dende aí organízanse para controlar o máximo terreo e avisarse uns aos outros de por onde veñen as lapas. Nestes equipos hai veciñanza, persoas con experiencia en extinción de lumes que van como voluntarias, persoas que non son da zona pero a coñecen ben –como é o caso de Fran Alonso, de Sputnik Labrego– e membros das comunidades de montes. “Ao principio eramos entre seis e dez persoas, pero chegamos a ser trinta. Eses días tiñamos unha nube de fume case constante na montaña e tamén na aldea”, conta Pedro Domínguez.
"Cada día viña unha persoa coordinadora distinta, moitos non coñecían a zona"
“Se ao final está visto que é a xente quen salva as súas aldeas, por que non hai formación e medios que se poidan deixar nas súas mans? Por exemplo, na xenial rede de comunidades de montes que temos. Porque ao final o que se fai é deixar que a xente se busque a vida sen un mínimo amparo”, razoa Alonso.
Na aldea de Casaio teñen claro que se non chegan a saír á montaña para tratar de frear o impacto do incendio hoxe non terían casas. Para cando tiveron axuda de bombeiros forestais e helicópteros antiicendios xa non había perigo polas casas, pero si polo teixadal. “Cada día viña unha persoa coordinadora distinta, moitos non coñecían a zona e tampouco dispoñían de todos os medios que querían porque a situación era límite en demasiados focos, con todo, agradecemos que se deixaran guiar polos veciños porque só a xente que vivimos aquí sabemos cales son os camiños para chegar a determinadas zonas”, debulla Domínguez.
Semella que o núcleo dos teixos máis antigos non está directamente afectado polo lume
Semella que o núcleo dos teixos máis antigos non está directamente afectado polo lume, que entrou no teixadal pola ladeira oeste. “Só vimos uns pequenos teixos queimados, e digo só porque podería ter sido moito peor –asevera Pedro Domínguez– porque esta é unha especie que escasea moito e que intentamos protexer. Tampouco podemos esquecer que o bosque non son só as árbores, estas forman parte dun ecosistema e todas as ladeiras quedaron calcinadas e poden correr risco de erosión cando cheguen as choivas”.
As consecuencias sobre a biodiversidade destas montañas seguen pendentes de cuantificar, pero a veciñanza xa fala de anos (non de meses). “Estamos nas montañas máis altas de Galicia, aquí temos zonas de turbeira con plantas carnívoras, zonas de anidación da aguia real e bosques primarios practicamente non explotados, que se manteñen dende hai milleiros de anos”, conta Pedro Domínguez.
"Os mellores vales de Casaio arderon completamente"
“Os mellores vales de Casaio arderon completamente, arderon ecosistemas de montaña únicos. E mantivemos moita preocupación polo teixadal porque, aínda que se di que non arde, dependendo de como veña o lume podía estenderse polas copas e teríamos enriba un desastre”, engade Fran Alonso.
Pola súa banda, Pedro Domínguez perdeu cos incendios o traballo do mellor mes do ano, o que lles axuda a el e a Elba Rodríguez a vivir todo o ano do albergue Eco dos Teixos. “Tivemos que cancelar todo e a saber cando podemos volver a montaña coma antes. De momento, imos centrar todas as actividades na contorna da aldea”, apunta.