Os incendios de Larouco (31.778 hectáreas), Oímbra e Xinzo (23.763) e Chandrexa e Vilariño (23.036) confírmanse como os tres maiores dos rexistros históricos de Galicia, co dobre de superficie queimada que os anteriores
No mediodía deste domingo a Xunta deu por extinguidos os tres últimos incendios da vaga de lume, os tres máis grandes e que xa son tamén os tres maiores dos rexistros históricos de Galicia. Con eles, as estimacións oficiais da Xunta, que poderían variar por novos axustes nas medicións e que aínda están por baixo das cifras ofrecidas polo satélite, xa suman 111.000 hectáreas queimadas en todo o país no que vai de ano.
En concreto, este domingo quedaron extinguidos os incendios iniciados en Larouco (31.778 hectáreas), Oímbra e Xinzo de Limia (23.763 hectáreas) e Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso (23.036 hectáreas), este último o primeiro gran incendio co que comezou a vaga agora rematada, o 8 de agosto, e que tardou 23 días en extinguirse. Os tres incendios queimaron o dobre de hectáreas que os que ata o de agora eran os dous maiores incendios da historia, os que en 2022 afectaron o Courel e Carballeda de Valdeorras, con entre 10.500 e 13.000 hectáreas, segundo diversas medicións.
Segundo as cifras que foi ofrecendo a Xunta coa extinción de cada incendio, desde aquel 8 de agosto ata este domingo queimáronse 108.411 hectáreas, que sumadas ás 2.583 hectáreas que arderan ata aquel momento desde o 1 de xaneiro fan un total de 110.994 hectáreas queimadas no que vai de ano.
O queimado no que vai de ano son 15.000 hectáreas máis que en todo 2006
Estas cifras oficiais da Xunta, que aínda poden ser actualizadas e que as medicións por satélite consideran superiores, sitúan este ano 2025 unhas 15.000 hectáreas por riba das queimadas en 2006, obrigando a remontarse ata 1989 para atopar unha cifra superior, coas preto de 200.000 hectáreas de aquel ano. Son moitas máis hectáreas en moitos menos incendios dos que se viñan rexistrando.