Folga de fame de 24 horas en Chandebrito: bombeiros forestais da Xunta reclaman melloras laborais

Bombeiros forestais en folga de fame en Chandebrito CC-BY-SA Praza Pública

Bombeiros e bombeiras forestais iniciaron este venres ao mediodía unha folga de fame de 24 horas para reclamar melloras nas súas condicións laborais e denunciar as "carencias e necesidades" do seu colectivo. Fixérono en Chandebrito, Nigrán, lugar simbólico para a loita contra o lume por ser unha das zonas máis afectadas pola vaga que nunha fin de semana de outono en 2017 queimou arredor de 50.000 hectáreas en Galicia e nesta parroquia deixou dúas mulleres falecidas e ducias de persoas desaloxadas tras horas de moito perigo e risco. 

Así, cinco bombeiros permanecerán desde o mediodía deste venres e ata as 12 horas do sábado no local da asociación veciñal de Chandebrito, sen consumir alimento ningún, coa intención de dar un "golpe de efecto" para que as súas "lexítimas reivindicacións" sexan escoitadas. 

Pancarta dos bombeiros forestais da Xunta en Chandebrito CC-BY-SA Praza Pública

É persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) da Xunta que reclama desde hai tempo ao Goberno galego "traballo todo o ano" e poñer fin "xa" á condición de fixo descontinuo para os e as bombeiras que só traballan nove meses e seren equiparados ao funcionariado que o fan os doce. 

Varios bombeiros levan a cabo unha folga de fame de 24 horas para mellorar as condicións laborais do persoal de extinción e denunciar as súas "carencias e necesidades"

Dos arredor de 2.500 profesionais do servizo de extinción da Xunta, un terzo son contratados só durante nove meses e son moitos os que reclaman que sexan incluídos no grupo do persoal funcionario para todo o ano. A Xunta defende que xa mellorou a estabilidade laboral do colectivo nos últimos anos, ao pasar o seu contrato dos seis meses de 2023 aos nove que por primeira vez se completaron neste 2026. 

Ademais, o persoal que empezou este venres a folga de fame demanda tamén "melloras salariais acordes á suba do IPC", que implica mellorar  nalgún punto o incremento dos prezos para "recuperar a perda do poder adquisitivo" dos últimos anos. 

Tamén reclaman a "profesionalización inmediata, áxil e clara do sector só en extinción" ou complementar "con máis prevención e restauración das áreas arrasadas polo lume durante os meses de inverno". Exixen tamén a formación conxunta de motobombistas e brigadas e a homoxeneización dos horarios en provincias e distritos "coa formación específica obrigatoria". 

A protesta reclama "traballo todo o ano" para o persoal fixo descontinuo que só exerce nove meses ao ano

Entre as medidas que demandan está tamén a "mellora inmediata e o acondicionamento das bases e puntos de vixilancia", xa que advirten do "estado deplorable" dalgúns deles, ademais de incrementar o número de EPI (equipos de protección individual) e dotalos de material axeitado. 

Bombeiros forestais da Xunta, nunha protesta anterior CC-BY-SA Praza Pública

Por outra banda, reclaman o desenvolvemento normativo "claro" do persoal voluntario, a recuperación de complementos como os de toxicidade, penosidade ou de perigosidade de noite, ademais de exixir unha "alimentación digna". 

Precisamente, o pasado venres, o Parlamento de Galicia aprobou, na Comisión de Agricultura, reclamar á Xunta un protocolo único de avituallamento do persoal antiincendios. 

Comida e bebida suficiente

Unha iniciativa do PSdeG contou co apoio unánime para establecer, "de maneira inmediata", un protocolo único de alimentación e bebida "suficiente, segura e adaptada ao esforzo físico" para o persoal do servizo de extinción, con especial atención ás xornadas prolongadas. 

Foi despois da denuncia durante este verán de brigadistas que amosaron fotografías nas que se vía que recibiran só un anaco de pan e unhas talladas de chourizo para resistir xornadas de 12 horas apagando incendios. 

Na mesma xornada, a Cámara reclamoulle a Adif a limpeza da contorna das vías do tren para evitar incendios provocados polo paso dos convois, tal e como aconteceu este verán en varios focos na provincia de Ourense.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.