Mil bombeiros forestais da Xunta, sen choio ata novo aviso: "Traballo digno todo o ano"

Mobilización do persoal do SPIF ante a sede da Xunta en San Caetano CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Desde este luns 17 de novembro, case un milleiro de bombeiros e bombeiras forestais fixos descontinuos de Galicia pasan ás listas de demandantes de emprego. Son 938 membros do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios (SPIF) da Xunta que empezaron a traballar a mediados de marzo e aos que lles queda suspendido o seu contrato, que só cobre oito dos doce meses do ano "con todo o que caeu, está a caer e caerá". 

Case mil bombeiros forestais da Xunta quedan sen traballo desde este luns e ata que volvan ser contratados en marzo

Esta é unha das razóns polas que varios bombeiros dos 19 distritos forestais de Galicia tomaron a iniciativa hai xa meses de se mobilizar pola mellora das condicións de traballo, a ampliación da contratación a todo o ano ou un servizo "100% público e profesional". Unhas demandas que recolleu tamén a CIG para convocar á marcha que este luns levaron a cabo centos de traballadores do SPIF en Compostela, ante a sede da Xunta en San Caetano, logo do acordado en asembleas, demandando tamén unha negociación inmediata co Goberno galego. 

Mobilización do persoal do SPIF ante a sede da Xunta en San Caetano CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Bombeiros forestais, motobombistas, emisoristas, vixiantes das casetas... Moitos deles advirten da "falta de autocrítica" da Consellería do Medio Rural e da falta de propostas para "intentar reverter o sufrido" neste pasado verán "no futuro inmediato". "Nin no presente", aclaran, e poñen de exemplo o "evidente problema das escorreduras de lamas cincentas nas bacías dos nosos ríos, coa incorporación nas augas de consumo de substancias altamente tóxicas". 

Persoal do SPIF que traballa oito meses ao ano lamenta que a Xunta non tire de traballadores "dotados e capacitados" para paliar os problemas das escorreduras de cinza nos montes

"É moi grave que por parte da Xunta non se tome con seriedade este asunto de catástrofe medioambiental e sanitaria", advirte este colectivo mobilizado, que lamenta que "en vez de botar man dos bombeiros forestais, un corpo altamente dotado e capacitado para intentar mitigar as consecuencias da vaga incendiaria", o Goberno galego "responda cun fulminante despido dun milleiro de efectivos" do seu servizo. 

O persoal do SPIF mobilizado insta a unha "virada completa de temón" no servizo e reclaman "unha reorganización e reorientación estratéxica" do seu obxectivo. Así, demandan "unha ampliación e mellora da formación, coa adaptación a nova tipoloxía de incendios e unha mellora total da coordinación entre os mandos superiores e intermedios cos efectivos sobre o terreo".

Este colectivo "en precario" —lamentan— supón arredor dun terzo dos 3.000 do SPIF. Unha terceira parte do persoal que queda sen traballo en novembro e que reclama unhas condicións "á altura das graves circunstancias" nas que se atopa Galicia na súa loita contra o lume. Por iso, reclaman a ampliación dos contratos de oito a doce meses de maneira inmediata, unha reclamación que vai máis aló do plan da Consellería polo que, desde 2023, o número de meses de traballo fóiselles aumentando progresivamente desde os seis ata os oito actuais, que pasarán a nove en 2026.

Así, Xúlio Saiáns, bombeiro forestal e delegado da CIG, lembrou hoxe na protesta que é un "símbolo evidente do problema" que case un milleiro de compañeiros rematen o contrato malia a necesidade de axudar en traballos de "restauración e prevención" para que os incendios sexan de menor impacto para o ano. "A Xunta non está a facer unha valoración responsable do que pasou este verán", di, tras lamentar que as súas demandas non fosen respondidas. Ao tempo, cualificou de "surrealista" que a Xunta pida máis medios ao Estado mentres "mantén precarizado o seu propio servizo".

Bombeiros forestais reclaman a ampliación dos seus contratos aos doce meses, maior investimento en prevención ou que as brigadas municipais formen parte da Xunta

Fíxoo nunha protesta na que se pediu a dimisión de Rueda entre cánticos como "nós queimados, eles sentados" e proclamas a prol dun traballo "digno todo o ano". O colectivo afectado tamén solicita un maior investimento en prevención, estabilidade laboral e un "servizo 100% público, garantindo a cobertura das baixas e prazas vacantes". 

Ademais, instan a Medio Rural a que as prazas das brigadas municipais pasen a "formar parte de inmediato do cadro de persoal da Xunta" —"igual traballo, mesmas condicións, mesmo salario", demandan—, que se garanta a seguridade e saúde dos traballadores ou que se equiparen as condicións do persoal laboral coas do persoal funcionario. 

"Servizo multiemerxencias do medio natural e rural"

Desde a CIG lembran que, mentres noutras comunidades os gobernos xa melloraron as condicións de traballo do persoal de extinción de incendios, en Galicia Medio Rural "ignora as necesidades do servizos e abandona o seu persoal, negándose a abrir unha mesa de negociación”. Durante a vaga de lume deste verán, denuncian, a Xunta, "en vez de utilizar os recursos propios “intentou culpar o Goberno estatal da súa incompetencia na xestión e agora está usando como arma política a ausencia de restauración dos montes tras os incendios”.

Por iso coincide nas demandas na "necesidade de conformar un servizo público esencial nas multiemerxencias do medio natural e rural", que ademais de traballar na extinción e prevención dos lumes forestais, "sirva para axudar nas tarefas de restauración e contención do desastre ecolóxico e de saúde pública que se está producir nas comarcas devastadas polos lumes". Tamén solicitan, nun documento remitido ao Parlamento, unha negociación anual do Pladiga, a apertura de casetas de vixilancia pechadas ou procesos selectivos anuais.

Ante esta reclamación, a CIG denuncia que os orzamentos da Xunta "aumenta para a externalización de funcións, sen que un só euro se destine a mellorar as condicións ou a seguridade do seu propio persoal”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.