Bombeiros forestais reclaman "traballo digno todo o ano": "O deste verán non pode volver pasar"

Bombeiros forestais manifestándose en Compostela CC-BY-NC-ND CIG

"Servizo público, digno e con garantías laborais". Esa foi a demanda principal dos arredor de 400 bombeiros que este xoves percorreron as rúas de Compostela baixo o lema Pola estabilidade do emprego e unhas condicións de traballo dignas. 

Arredor de 400 bombeiros forestais, convocados pola CIG, reclaman un "servizo público, digno e con garantías laborais" que traballe "todo o ano"

Desde a sede da Consellería do Medio Rural e ata o edificio da Xunta en San Caetano, persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) reclamaron "traballo digno todo o ano" entre demandas ao presidente, Alfonso Rueda, ao que advertiron de que o ocorrido este verán "non pode volver pasar". "Persoal sen experiencia nin formación axeitada dirixindo o lume ou traballando nas brigadas de extinción", lembraron. 

Bombeiros forestais manifestándose en Compostela CC-BY-NC-ND CIG

O persoal mobilizado reclama un servizo de extinción de incendios 100% público e único, no que "todo o persoal teña as mesmas condicións laborais e salariais, se amplíe o tempo de traballo e se garanta a saúde e seguridade". E fíxoo xusto quince días despois de que rematase o dispositivo especial e sen que por parte do Goberno galego “se producise nin unha soa autocrítica ou asunción de responsabilidades polo acontecido este verán”, tal e como denunciou a secretaria nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos.

"O labor non remata cando se extingue un incendio; cómpren tarefas de prevención continuadas para mitigar a súa virulencia"

Xulio Saiáns, bombeiro forestal que acompañou a Burgos, asegurou que situacións como as vividas nesta última vaga de lume reafirman a necesidade de contar cun "operativo profesionalizado, que traballe todo o ano e en condicións de dignidade laboral e salarial". Así, destacou unha vez máis que a actividade "non remata cando se extingue un incendio forestal, senón que cómpren tarefas de prevención continuadas que permitan mitigar a súa virulencia".

Un milleiro de persoas deixan o servizo en quince días

Os convocantes da marcha lembraron que no SPIF traballan sobre 2.400 persoas das que perto dun milleiro —unhas 983— deixarán o servizo o 15 de novembro. “Urxe realizar tarefas de restauración das zonas queimadas para evitar a contaminación das bacías da auga e este persoal que se vai debería estar facendo eses labores”, reivindicou Burgos. Fronte ao actual modelo que deriva parte do servizo aos concellos mediante a subscrición de convenios de prevención e extinción, reclamou un servizo "100% público, único e profesional".

“Moitas veces os concellos subcontratan estes servizos e o que vemos é que no mes de agosto se incorporan persoas ás tarefas de extinción sen a formación adecuada. Isto é unha enorme irresponsabilidade porque pon en risco a estes compañeiros e compañeiras”, advertiu Burgos apuntando á virulencia que acadan os lumes. “Non se pode xogar así coa vida do persoal e da poboación que vive no rural”, dixo.

Bombeiros forestais, ante a sede da Xunta en San Caetano CC-BY-NC-ND CIG

“É inadmisíbel que en plena vaga de incendios, no mes de agosto, se contrate a 200 persoas para unhas prazas que estaban sen cubrir”, engadiu Saiáns, quen reiterou a necesidade de cubrir todas as prazas e ampliar o tempo de traballo do persoal fixo-descontinuo dos oito aos doce meses.

O persoal mobilizado advirte da "irresponsabilidade" que supón subcontratar bombeiros en agosto e sen formación adecuada

Á súa chegada a San Caetano, os manifestantes leron un manifesto no que denunciaron a situación de “abandono, desigualdade e mala xestión” que “padece” o persoal do SPIF. Por iso, insistiron en reclamar un servizo “100 % público e único” no que todo o persoal teña “as mesmas condicións laborais”, garantindo ”a súa seguridade” e a “dignidade laboral e salarial”.

Ademais, sobre as condicións laborais, explicaron que no servizo hai persoal laboral “cunhas condicións de hai 20 anos” e persoal funcionarizado ao que se lle aplica un acordo de melloras. Por iso, outra das demandas do colectivo é estender este acordo a todo o persoal do SPIF e rematar coas "discriminacións entre compañeiros e compañeiras" que realizan as mesmas tarefas, "pero cobran diferente e teñen condicións distintas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.