Valdeorras alerta do "caos" polo arrastre de cinzas dos incendios: "Será peor que o lume"

Actuacións de voluntariado sobre monte queimado en Valdeorras CC-BY-SA Adega

O arrastre das cinzas procedentes dos montes queimados durante o verán xa causan estragos en Valdeorras. Na comarca onde arderon máis de 30.000 hectáreas nunhas poucas semanas de agosto, as primeiras —e aínda escasas— chuvias de outono deixaron sen auga potable varios concellos nos últimos días. Pero o peor está por vir. 

Vilamartín, O Barco, A Rúa ou Petín sufriron restricións de auga polas escorreduras, que monte abaixo arrastraron cinzas e lodo, colapsando zonas de captación e imposibilitando a potabilización da traída. Houbo que distribuír garrafas á veciñanza ou instalar fontes portátiles por unha problemática que, advirten os concellos afectados, vai ser moito peor. Non foi nada comparado co que chegará, segundo advirten alcaldes e alcaldesas. 

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, con voluntariado para evitar arrastres, nos montes de Cualedro CC-BY-SA Xunta

"Ata a semana pasada non chovera nada, pero con media hora de chuvia forte na madrugada de mércores a xoves xa tivemos consecuencias importantes, colapsando dúas captacións e unha ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable)", lembra a Praza.gal María G. Albert, alcaldesa da Rúa, que responde mentres comproba as previsións de precipitacións para os vindeiros días e alerta dun problema que vai empeorar, e moito, neste outono e inverno. A primeira ameaza, este próximo venres. 

María G. Albert, alcaldesa da Rúa, advirte de problemas xa este venres polas chuvias e do "caos" nos vindeiros días

"Dan 20 litros por metro cadrado, o que vai supoñer o colapso da rede de abastecemento", augura con seguridade. Pero non será o peor, insiste. "O problema vai ser recorrente durante todo o outono e o inverno; as previsións falan de dez días seguidos de chuvia proximamente, así que chegará o caos porque teremos que restrinxir a auga á veciñanza", advirte. "Vai ser peor que o lume porque vai ser durante moito tempo", insiste. 

Ela e mais os alcaldes do Barco e Vilamartín amosaron este pasado luns en rolda de prensa o seu malestar coa Xunta polo que consideran "inacción" e desleixo ante un problema do que levan advertindo meses, desde que o lume e as lapas deron paso ao chan queimado, ás cinzas e agora ao lodo. 

Que a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, reclamase á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e aos concellos que "actuasen" ante os arrastres acabou por rebordar o vaso da paciencia dos rexedores, que lembran que o problema fundamental non está no leito dos ríos senón no que traen arrastrado polas chuvias desde os montes, onde aseguran que a Consellería do Medio Rural non fixo case nada para deter as escorreduras durante os últimos meses

Actuacións de voluntariado sobre monte queimado en Valdeorras CC-BY-SA Adega

"A Xunta xa deixou claro na reunión á que nos convocou na Cidade da Cultura que non ía actuar nos montes da provincia e estao aplicando; deixáronnos sós nos incendios e déixannos sós agora", insiste Albert, que advirte que o ocorrido estes días só foi un "pequeno aviso" do que vai vir. 

"Na Rúa arderon no verán 3.000 hectáreas nun concello que ten 3.500 de superficie. Somos conscientes de que, coas próximas chuvias, as escorreduras van arrasar con todo, pero non sería o mesmo se se tivesen feitos traballos de consolidación", di Albert sobre uns labores que si fixeron voluntarios da man de Adega. Tamén a Confederación Hidrográfica intensificou os traballos nas últimas semanas instalando barreiras vexetais en diferentes zonas da comarca. Non é dabondo. 

Alcaldes de Vilamartín, O Barco ou A Rúa acusan a Xunta de desleixo: "Deixáronnos sós nos incendios e déixannos agora"

"Desde o día seguinte aos lumes comunicámoslles ás administracións competentes cal ía ser a situación dos nosos montes, dos nosos ríos e nas nosas captacións en canto empezasen as choivas (...). Dende o Concello non temos capacidade para resolver o que se nos vén enriba", asegurou o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, que reclamou solucións conxuntas e exemplificou a falta de competencias e de medios dos municipios lembrando que no seu houbo que contratar a persoal privado para facer fronte ás incidencias.

As críticas á Xunta son comúns e contundentes. Álvarez lembrou que desde o Concello tiveron que dirixir os e as voluntarias do plan para evitar arrastres da Consellería de Medio Ambiente —que dispuxo máis de 400 por distintas zonas de Galicia— porque ninguén o facía; e preguntouse se, coma nos incendios, tería que ser a veciñanza a que se organizase para arranxar o problema. 

Actuacións de voluntariado sobre monte queimado en Valdeorras CC-BY-SA Adega

Desde A Rúa, María G. Albert acusou a Xunta de "renunciar a exercer o seu labor e as súas competencias" en Valdeorras e lembra que os concellos da zona levan "dous meses avisando do que ía acontecer cos arrastres no monte". "É un abandono de funcións que supera a neglixencia; non lle quito responsabilidade á confederación hidrográfica pero nin ela nin os concellos temos competencias sobre o territorio e a xestión do monte", explica agora a Praza.gal, lembrando que tras outra vaga de incendios, como a de 2022, Medio Rural fixo traballos de consolidación do terreo por todas as zonas afectadas. "Este ano non o fan e desde o Goberno galego usan os incendios e as súas consecuencias para facer campaña contra o Goberno central", engade. 

"Non temos competencias nin medios. Aínda que quixeramos asumir labores que non nos corresponden, como xa fixemos, énos inviable; claro que afrontamos cousas, pero non damos para máis", explica a rexedora, que asegura que na Rúa "non veu nin unha máquina da Xunta, nin palla para consolidar o terreo, nin persoal... Nada". "Non houbo nin comunicación, nin veu ninguén a interesarse; é un escándalo", engade. 

"Nós no Barco tampouco recibimos ningunha chamada nin houbo colaboración de ninguén interesándose por algunha necesidade, hai que deixalo moi claro”, dixo o pasado luns o alcalde da localidade, Aurentino Alonso, que pediu á Xunta que "reconsidere a súa postura". 

Áreas de Valdeorras atinxidas polos incendios do pasado verán, gravadas dende un dron por Vagalume Audiovisual

"Alguén tería que terse preocupado deste problema do que levamos alertando tempo e que será peor cando chova torrencialmente"

"Os concellos non somos responsables dos incendios nin de que agora xurda outro problema cos arrastres e as contaminacións que poden chegar ás captacións; alguén tería que terse preocupado deste problema do que levamos alertando tempo e que será peor cando chova torrencialmente", advertiu tamén. 

Os alcaldes, ademais, coincidiron en sinalar que non tiñan noticias do convenio que se anunciou na Xunta para asinar con cada concello para sufragar os gastos derivados dos incendios e para o que realizaron un informe detallado. Nada souberon ata ese mesmo luns, cando Alfonso Rueda anunciou a futura sinatura dos convenios con 46 municipios. O martes, segundo relata a alcaldesa da Rúa, María G. Albert, recibiron unha chamada da Xunta para anunciar que axiña se asinaría. Dous meses despois. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.