"Fundido a negro": así resistiu a veciñanza o lume na Ribeira Sacra

Consecuencias do incendio de Pantón en terreos da Rede Natura © cedida

"Non se paraba co fume, tiñamos que poñernos de xeonllos na bodega para poder respirar", relata Silvia Buján, unha das veciñas da aldea de Budián que quedou cercada polo lume de Pantón. "Non morreu ninguén porque tivemos sorte", conta Roi López

A aldea de Budián é coñecida na zona de Pantón como o cabo do mundo porque unha vez que entras nela co coche tes que saír polo mesmo sitio. A noite do 19 ao 20 de setembro o lume declarado un día antes na parroquia de Pombeiro estivo a piques de convertela na verdadeira fin para a trintena de persoas que quedaron alí atrapadas polas lapas, o fume e as faíscas.

“Non morreu ninguén porque tivemos sorte”, conta Roi López, veciño de Pantón e concelleiro do BNG, aínda afónico e afectado pola inhalación de fume. “Nunca vira esa intensidade nun lume, esa dimensión de calor”, lembra mentres recoñece que os veciños arriscaron moito para salvar o pobo, porque “a casa é parte da sinerxía da vida”. Neste lume que arrasou parte de ribeira do río Cabe, no corazón da Ribeira Sacra, resultaron queimadas nove casas, oito en Budián e unha en San Román de Acedre, só unha delas era vivenda habitual pero non eran casas abandonadas. 

Once días permaneceu activo este incendio forestal, que queimou un total de 1.805 hectáreas, parte delas pertencentes ao Concello de Sober, segundo informou a Consellería do Medio Rural este luns 29, cando o deu por extinguido. Pendentes das investigacións e atestados, veciñas e veciños do Concello de Pantón relatan a Praza.gal que o lume tivo a súa orixe na vía do tren, que foi unha consecuencia do paso do tren pola vía agora electrificada da liña Ourense - Monforte de Lemos – Lugo que Adif está a renovar de maneira integral, coa finalización do túnel de Oural como último fito. Non sería a primeira vez que a vía férrea se ve implicada en incendios forestais, a xustiza confirmou que xa sucedeu no ano 2015 en Boborás e en 2016 en Ribas de Sil.

Veciñanza tratando de salvar as casas no lume que comezou na parroquia de Pombeiro © cedida

Neste incendio que arrasou parte de ribeira do río Cabe, no corazón da Ribeira Sacra, arderon 1.805 hectáreas e queimáronse nove vivendas

“Non se paraba co fume, tiñamos que poñernos de xeonllos na bodega para poder respirar”, relata Silvia Buján, nacida e criada en Budián e presidenta da comunidade de montes de San Paio. O venres 19 comeu algo rápido ao rematar o seu traballo en Santiago e marchou para a casa dos pais porque o seu irmán a alertara de que as lapas estaban a achegarse. Atopou as estradas cortadas e aínda así logrou chegar xunto aos seus pais, que permanecían na casa familiar profundamente afectados. “Fíxate que meu pai queimara a camisa e nin se decatou, dixémosllo o sábado cando xa pasara o peor”, apunta. A familia de Silvia ten unha explotación de ovellas que agora quedaron sen terra onde pacer. Con todo, o gando tivo máis sorte que as abellas, pois moitas morreron queimadas e as que quedaron están a morrer agora.

"Se me dis hai quince días que o lume pode correr desta maneira nun campo segado e limpo non cho creo", destaca Roi López

“Se me dis hai quince días que o lume pode correr desta maneira nun campo segado e limpo non cho creo”, destaca Roi López, que se refuxiou coa familia de Silvia e outros veciños na bodega de Enrique, con quen estivo apagando o lume que prendía dentro polas muxicas que traía o vento. Nese momento, Roi chegou a dar por mortas ás quince persoas que quedaran pechadas nunha casa na parte alta de Budián.

Tras recibir mensaxes de despedida por WhatsApp perderon a conexión durante un tempo que se fixo infinito. Pero os teléfonos móbiles volveron soar. “Cando vin que estaban escribindo nos grupos de WhatsApp como que me colleu aire o peito. Eu aguantei o tipo. Man a man co Enrique fun facendo. Cando fun ata Budián a repartir máscaras para non respirar o fume ía botar unha man para evacuar a xente, pero se chegas alí e están todos botados ao lume que fas? Tes que botar unha man”, razoa.

O incendio que comezou en Pantón permaneceu once días activo ata que o deron por extinguido © cedida

Ás seis da tarde do venres 19 fíxoselles noite. “Para min foi un fundido a negro total”, di Roi López. A adrenalina fíxolles aguantar, manter a cabeza fría e ir gañándolle terreo ao lume dentro da aldea de Budián. As críticas coinciden en que os medios de extinción “abandonaron” este lugar a medida que caeu a noite. Para cando puideron saír de novo á rúa, alí “só quedaba un camión dos bombeiros comarcais de Vilalba”. Silvia Buján asegura que ás nove da mañá do sábado volveu arder unha casa e foron os veciños quen a salvaron.

A palabra descoordinación aparece en todas as conversas, como sucedeu na vaga de lumes do mes de agosto. Moita xente se pregunta como puideron quedar parados os medios terrestres polo feito de que os hidroavións non puideran voar polas malas condicións de visibilidade. Tamén trasladan queixas “porque non se escoitou aos veciños”.

"O clima cambiou, vamos a períodos moi secos, hai pouca humidade tanto no ambiente como na terra e nas plantas. Nin a veciñanza nin as administracións están preparadas para o que vén", sinala David Álvarez

David Álvarez, presidente da comunidade de montes de Frontón, e tamén concelleiro polo BNG en Pantón, cre que “isto vai ser o principio”. “O clima cambiou, vamos a períodos moi secos, hai pouca humidade tanto no ambiente como na terra e nas plantas. Nin a veciñanza nin as administracións están preparadas para o que vén. Habería que cambiar protocolos, modificalo todo, porque non estamos preparados para este tipo de incendios”, debulla.

Na nosa zona case todo o mundo cultiva piñeiros e iso resultou ser como gasolina para este lume, hai que darlle unha volta, meter máis árbores frondosas, non sei... Pero é que isto é Rede Natura, queremos abrir unha pista e non podemos, para facer calquera cousa hai moitísimo papeleo para que despois non cha concedan. Isto déixanos nunha situación moi complicada. Precisamos darlle unha volta moi grande, moi grande, para que non se volva a repetir”, sinala David Álvarez, que ten claro que Pantón necesita “vontade política” e “aprender” do vivido.

Segundo os datos de Medio Rural, este incendio arrasou máis de 1.800 hectáreas © cedida

Este comuneiro considera que “o problema do despoboamento é non traballar as terras como as traballaban os nosos antepasados. Non botar patacas, non limpar os camiños, non sementar no monte... De nada importa que veña a xente para os pobos se traballan en empresas e o único que fan é atender o seu xardín ou unha pequena horta e xa está”.

As perdas para as comunidades de montes que presiden Silvia Buján e David Álvarez hipotecan o futuro de tal maneira que poñen en cuestión a continuidade. Na de Frontón tiñan arredor de duascentas hectáreas de monocultivo de piñeiro. “Nós perdemos uns dous millóns de euros porque había madeira para cortar xa agora e había madeira que valía para cortar dentro de 15 ou 20 anos”, indica David. Pola súa banda, Silvia afirma que quedaron “en ruínas” porque lles arderon “o cen por cen dos piñeiros”. “Cando veña a primavera obrigarannos a plantar, pero podemos estar corenta anos sen percibir nada”, critica.

"Foron dous días sen durmir, guiando as motobombas, refrescando as casas con mangueiras, con 20 metros de columnas de fogo, sempre con varios focos á vez, sen poder ver o que hai a 10 metros. Impotencia total", di Juan Míllara

Juan Míllara, que se instalou na aldea de Seragude, na parroquia de Frontón, deixando atrás Madrid hai catro anos, só ten unha palabra para describir o vivido co incendio: dantesco. Mudouse coa súa familia á casa dos seus pais e montou unha empresa turística, o seu fillo foi dos primeiros en avisar do lume na súa zona. “Foron dous días sen durmir, guiando as motobombas, refrescando as casas con mangueiras, con vinte metros de columnas de fogo, sempre con varios focos á vez, sen poder ver o que hai a dez metros de ti. Foi unha impotencia total. Ves arder o que máis queres e que a xente podía morrer”, resume.

Paralelamente, a candidatura da Ribeira Sacra para ser declarada Patrimonio Mundial pola Unesco segue o seu curso. Está na “recta final”, asegurou o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, no III Simposio Internacional de Patrimonio cultural ICOMOS-España, onde avanzou que este mes de outubro consultores do organismo de Nacións Unidas realizarán unha “visita in situ ao territorio”. Pantón, con todas as súas parroquias tocadas polo lume, é o concello das tres ribeiras porque os seus límites veñen marcados polos ríos Miño, Cabe e Sil. “Pero a ribeira do Cabe [a que agora ardeu] sempre foi a máis deixada”, lamenta Roi López. A resolución da Unesco está prevista para xullo de 2026.

“Agora entras en Budián e dóeche o corazón”, detalla Silvia Buján. A pesar da situación, a veciñanza decidiu seguir adiante coa festa da aldea, que recuperaron o ano pasado tras sesenta anos sen celebrarse. Así que o sábado 21 de novembro haberá festa en Budián.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.