A Comisión Europea leva anos criticando que a Xunta incumpre cos requisitos de conservación que deben ter os espazos protexidos da Rede Natura 2000. Agora, volve facelo sinalando expresamente as zonas queimadas este verán.
Porén, o procedemento de infracción que a UE ten aberto contra España por ese e outros incumprimentos similares en varias comunidades autónomas non avanza. Bruxelas segue "avaliando" a situación "antes de decidir" que vai facer mentres en Galicia seguen a perderse valores naturais por catástrofes como a deste verán.

Como vén contando Praza.gal desde hai anos, a Comisión Europea ten abertos dous procedementos de infracción sobre a Rede Natura que afectan a Galicia, un iniciado en 2015 e ampliado en 2020 (INFR(2015)2003) que considera insuficientes as medidas para protexer e xestionar a rede e outro iniciado en 2023 (INFR(2023)2037) que considera insuficientes os espazos protexidos.
A Comisión Europea admite que "Galicia non fixou obxectivos e medidas de conservacións suficientemente específicos" para as zonas protexidas, "incluídas as afectadas polos incendios", pero segue demorando a sanción
Neste contexto, este verán o eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares formulou varias preguntas á Comisión Europea sobre o impacto dos incendios na Rede Natura 2000, como o estado de cumprimento desta en Galicia coa normativa comunitaria, a ausencia de plans de xestión de espazos especialmente afectados polo lume ou o estado en que se atopa o expediente de infracción aberto. Sobre esa cuestión o socialista chega a preguntar, afeando a lentitude da UE, se "considera a Comisión que a demora na resolución do expediente de infracción foi beneficiosa ou, pola contra, puxo en risco os valores de conservación da Rede Natura en Galicia".
A resposta da Comisión é un mesmo escrito para as tres preguntas, asinado pola comisaria de Medio Ambiente, Jessika Roswall. Nel lembra que a UE está a tramitar a respecto da Rede Natura procedementos de infracción por unha banda "pola designación incompleta de lugares de importancia comunitaria (LIC) como zonas especiais de conservación (ZEC)" e por outra polo "establecemento de obxectivos e medidas de conservacións específicos para as ZEC", en referencia a dúas figuras de protección contempladas na Rede Natura.

A comisaria de Medio Ambiente constata os incumprimentos pero non ofrece unha solución e remítese a novas avaliacións "antes de decidir a maneira máis adecuada de avanzar"
A comisaria di que no caso de Galicia "tras unha análise do Decreto 37/2014" co que a Xunta aprobou o plan director da súa Rede Natura "a Comisión considera que Galicia non fixou obxectivos de conservación e medidas de conservación suficientemente específicos para cada lugar en todas as súas ZEC, incluídas, por tanto, as afectadas polos incendios", uns obxectivos e medidas que "poderán abarcar, cando proceda, a prevención de incendios", un dos principais riscos da maioría das zonas protexidas da Galicia terrestre.
Porén, malia admitir que a Xunta está a incumprir a normativa comunitaria desde 2014, a Comisión Europea segue sen actuar e remítese a novas análises sobre a situación. "A Comisión está avaliando a información facilitada por España antes de decidir a maneira máis adecuada de avanzar neste procedemento de infracción sistemática".
A resposta da Comisión é similar á que deu tras o incendio do Courel de 2022, pero segue sen actuar e este verán queimouse o 11% da Rede Natura
A resposta da Comisión é similar á que xa deu tras o incendio de 2022 no Courel que queimou 11.000 hectáreas, boa parte en zona protexida. Tres anos despois, e mentres segue decidindo como actuar, este verán queimouse o 11% da Rede Natura.
Unha rede de espazos protexidos que nin o PP logra que a Xunta mellore, logo de que o Parlamento así o reclamase expresamente co apoio dos populares en maio de 2021.