A Comisión Europea lembra que mantén aberto un procedemento de infracción porque non se fixaron obxectivos de conservación suficientes en diversos espazos de todo o Estado, “incluída a zona Ancares-Courel”
A Comisión Europea considera que o plan director da Xunta para xestionar os espazos protexidos da Rede Natura 2000 “non cumpre os requisitos” da directiva comunitaria para a conservacións deses lugares, entre outros na “zona Ancares-Courel”. Así o vén de dicir o comisario europeo de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevičius, en resposta a unha pregunta do eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares formulada tras o incendio que asolou o Courel en xullo, o maior documentado na historia de Galicia con máis de 11.000 hectáreas afectadas.
O comisario europeo lembra que hai aberto un procedemento de infracción contra España polo incumprimento de varias administracións, entre elas a Xunta, das súas obrigas de fixar obxectivos detallados de conservación dos espazos protexidos.
O gran incendio do Courel, froito de varios focos que se acabaron unindo e arrasando máis de 11.000 hectáreas durante as dúas semanas que tardou en extinguirse, é o maior rexistrado en Galicia desde que hai datos comparables e fiables. O mesmo día en que o lume quedaba apagado o eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares formulou unha pregunta por escrito á Comisión Europea que esta respondeu hai uns días.
O comisario de Medio Ambiente pronúnciase tras unha pregunta do eurodeputado socialista Nicolás González Casares formulada tras o incendio que arrasou máis de 11.000 hectáreas no Courel, o maior documentado na historia de Galicia
Na súa pregunta, González Casares lembraba que a Comisión Europea xa tiña aberto un procedemento de infracción contra España pola insuficiente protección de diversas administracións, entre elas a Xunta, de espazos naturais como a Zona de Especial Conservación (ZEC) Ancares-Courel, e salientaba o impacto que agora vén de ter o lume sobre ela. Ante a nova situación, o eurodeputado preguntou á Comisión se o espazo protexido dos Ancares e O Courel “conta con instrumentos de ordenación e xestión adecuados” á normativa europea.
A resposta do comisario é expresa e negativa: “A Comisión considera que o Plan Director elaborado por Galicia para a xestión dos espazos Natura 2000 non cumpre os requisitos da Directiva Hábitats con respecto ás sesenta e cinco zonas especiais de conservación de Galicia, incluída a zona Ancares-Courel”.O comisario lembra que o procedemento de infracción contra España, no que inclúe as eivas rexistradas na protección dos Ancares e o Courel, “vén motivado pola falta de fixación de obxectivos de conservación suficientemente detallados para cada lugar e de medidas de conservación cuantificadas para zonas especiais de conservación”.
O eurodeputado socialista tamén se queixaba na súa pregunta da lentitude da Comisión Europea, á que acusaba de manter o procedemento de infracción contra España “durante sete anos sen resolución e sen verdadeiros avances na xestión cando se queima o pulmón de Galicia” e preguntaba cales serán as próximas medidas do executivo comunitario. A resposta do comisario de Medio Ambiente é que a UE está a supervisar os progresos realizados por España tras unha carta de emprazamento que lle remitiu en xullo de 2020. Segundo di, “a Comisión non dubidará en seguir adiante con este procedemento de infracción en caso de que sexa necesario”.
A Comisión Europea tamén vén reclamando aumentar os espazos protexidos da Rede Natura 2000, pero a Xunta paralizou o proceso hai unha década
A Comisión Europea non só considera que as administracións españolas, entre elas a Xunta, non están a fixar obxectivos detallados de conservación para espazos protexidos como Ancares-Courel senón que tamén reclama aumentar os espazos protexidos da Rede Natura 2000 para cubrir adecuadamente especies non suficientemente representadas nos lugares xa delimitados. Porén, o Goberno galego paralizou o proceso de ampliación hai unha década.