O maior incendio documentado na historia de Galicia xa supera as 11.000 hectáreas ardidas no Courel

Superficie afectada polo incendio do Courel (xullo 2022) nun mapa elaborado a partir de datos do satélite europeo Copernicus © UE

Nunca en Galicia, dende que hai rexistros comparables, houbera un incendio forestal de dimensión tan grande como o que segue a arder no Courel. Máis aínda dende que, este 25 de xullo, a Xunta confirmase que o único incendio nesta contorna natural lucense que seguía considerando de maneira independente, o de Seceda (Folgoso do Courel) xa se "xuntou" co resto. Cinco focos (dous en Vilamor e un en Seceda -Folgoso- e dous en Saa -na Pobra do Brollón- viraron nun só que, segundo as medicións provisionais da Xunta, supera as 11.000 hectáreas ardidas nun perímetro aínda non controlado, só estabilizado.

A Xunta confirma que o do Courel xa é considerado un único incendio mentres os datos do satélite europeo Copernicus elevan a 13.000 as hectáreas ardidas

Esta medición provisional vai alén segundo outra fonte, a dos datos obtidos polo Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS, polas siglas en inglés) a través do satélite comunitario Copernicus. Estes datos, tamén provisorios, indican que no Courel arderon xa 13.228 hectáreas de monte. Así o plasmou o servizo de emerxencias da UE en mapas como o que encabeza esta información.

Os datos de Copernicus tamén difirem un chisco das medicións provisionais da Xunta no outro principal incendio desta vaga en Galicia, o de Carballeda de Valdeorras, que foi dado por controlado no serán do pasado luns e no que a superficie oficialmente ardida segue sendo de 10.500 hectáreas. Os instrumentos do servizo de emerxencias da UE elévana ata 12.388.

Á espera das medicións definitivas cando estes incendios estean extinguidos, serían entre 21.600 e 25.600 as hectáreas ardidas nos xa históricos incendios do Courel e Valdeorras. A súa enorme superficie deixa en segundo plano outro incendio forestal inusualmente amplo, o que golpea o parque natural do Invernadeiro en Vilariño de Conso e que foi dado por estabilizado igualmente este 25 de xullo, cando xa arrasara unhas 6.500 hectáreas, segundo medicións tamén provisionais.

Bombeiros forestais da Brif Laza, traballando no incendio do parque do Invernadeiro (Vilariño de Conso) o 24 de xullo de 2022 © Brif Laza

Medio Rural xa non considera activos ningún dos incendios comunicados na actual vaga, que rolda as 33.000 hectáreas

Alén dos principais focos, a principal novidade do parte de Medio Rural neste 26 de xullo é que xa se pode considerar extinguido o incendio de Rabal, en Oímbra, con 2.100 hectáreas ardidas. Sempre segundo este parte -que non inclúe necesariamente todos os incendios existentes-, a primeiras horas deste martes xa non quedarían incendios co carácter de activos en Galicia, xa que os catro dos que informa a Consellería están estabilizados (O Courel e O Invernadeiro) ou controlados (Carballeda e Quiroga).

Neste contexto, e co groso dos incendios forestais comunicados pola Xunta durante a actual vaga xa extinguidos, o balance total de hectáreas ardidas roldará, como mínimo, as 33.000. O 2022 vai ser xa, como mínimo, o ano con máis monte queimado no país dende 2017 mentres se agudiza a tendencia de padecer un menor número de incendios, pero con algúns moito máis extensos, virulentos e difíciles de extinguir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.