O Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) é o documento que cada ano xunta as actuacións e medios cos que conta o Goberno galego para previr e extinguir o lume nos montes. É un compendio de contidos moi diversos, que van dende a lexislación na materia ata protocolos de actuación, definicións, datos históricos de superficie ardida, cadros de persoal ou estudos manexados pola Xunta na materia.
O Pladiga 2022 inclúe nun dos seus anexos as conclusións dun "estudo técnico sobre a incidencia dos incendios forestais na Zona de Especial Protección dos Valores Naturais Os Ancares - O Courel". Abrangue unha ducia de concellos da montaña lucense, varios deles tamén atinxidos por outras figuras de protección ambiental e entre os que se atopan dous que están a sufrir con especial dureza a vaga de incendios deste xullo, Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón, onde no momento da edición desta información xa arderan máis de 10.000 hectáreas dentro dun total de máis de 31.000 no conxunto de Galicia.
O traballo conclúe detallando medio cento de propostas concretas para mellorar a infraestrutura de prevención e extinción de incendios na zona, pero vai alén para sinalar a necesidade de "fixar poboación" na contorna e alertar do "abandono da xestión tradicional" do monte como parte das causas do lume. Non en van, resalta, en áreas coma esta, de "excepcional valor dende o punto de vista da conservación da biodiversidade", os incendios forestais son un fenómeno "aínda máis grave" que no resto do territorio.
O informe, incluído no Pladiga 2022, evidencia que o abandono deriva nunha "gran acumulación de biomasa", de leña a pasteiros abandonados, que vira a zona nun "ecosistema moi inestable" susceptible de arder nun "gran incendio difícil de extinguir" con "calquera raio, descoido ou neglixencia"
Cando este estudo foi elaborado, cita o informe de conclusión, arderan na zona protexida dos Ancares e do Courel "case 7.979 hectáreas en dez anos", cifras "nada positivas" nas que ademais chama a atención que un terzo corresponde a un único gran incendio que arrasou case 2.700. Obviamente, ningún destes cómputos ten aínda en conta os grandes incendios deste 2022.
"Na maior parte dos espazos naturais protexidos -continúa o estudo- o abandono rural por parte da poboación" ten como consecuencia "cambios importantes na composición da estrutura dos ecosistemas", fundamentalmente pola "diminución das actividades tradicionais". E isto provoca que "non se aproveiten de maneira eficiente os recursos agrícolas, gandeiros e forestais".
Así, sinala, ese "abandono da xestión tradicional, que implicaba" prácticas como a recollida de leña ou o pastoreo e "contribuía ao mantemento deses espazos naturais", producen "unha gran acumulación de biomasa forestal", dende a propia leña a matogueiras ou "pasteiros abandonados", que está "en moitas ocasións", disposta "de forma continua". Esa continuidade, evidencia, vira estes ecosistemas en "moi inestables" e "ante calquera raio, descoido, neglixencia ou causa intencionada" desátanse "grandes incendios difíciles de extinguir".
O estudo tamén propón mellorar na zona a "infraestrutura de defensa" contra o lume para poder intervir en "grandes incendios forestais"
Neste contexto, o traballo conclúe que a "xestión destes espazos naturais protexidos debería pasar pola creación de mosaicos heteroxéneos a diferentes escalas" en canto á biomasa. Mais tamén pola "fixación da poboación rural para a xestión tradicional" e, xunto con estas medidas, a "mellora das infraestruturas de defensa contra incendios" para preparalas cara á "intervención nestes grandes incendios forestais".
Ese plan de melloras das infraestruturas para afrontar o lume concrétase en propostas de traballos e obras concretas, varias delas en parroquias afectadas pola actual vaga de incendios. Así, por exemplo, en Seceda (Folgoso do Courel) o estudo propón anchear varias pistas forestais; en Noceda (Cervantes) sinala a creación dun punto de auga para os helicópteros de extinción ou en Folgoso sinala que é preciso construír un novo depósito de auga para motobombas. Melloras de pistas ou aperturas de novos cortalumes son outras das medidas propostas.