A Ribeira Sacra e as serras do Oribio e do Courel son xa a sétima reserva da biosfera de Galicia. O Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere (MeB) da UNESCO, reunido esta semana en Abuja (Nixeria), ratificou este 15 de setembro de 2021 o recoñecemento desta candidatura galega con esta figura de protección e promoción internacional.
O Goberno galego, a través da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, foi a encargada de defender un proxecto que tivo o apoio das dúas deputacións en cuxos territorios se asenta a nova reserva, Lugo e Ourense, e mais dos concellos atinxidos. Son, en total, 18 concellos lucenses e cinco ourensáns .
O recoñecemento aprobado pola UNESCO protexe unha contorna de vinte e tres concellos, 18 na provincia de Lugo e cinco na de Ourense
A candidatura da Ribeira Sacra e das serras do Oribio e do Courel a reserva da biosfera remóntase ao ano 2017. O Instiuto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago e a Fundación Juana de Vega foron as dúas entidades que colaboraron na súa elaboración. O primeiro filtro superado chegou a finais de novembro de 2020, co apoio unánime do comité español do programa MeB. Agora, tras catro anos de percorrido, chega a elección definitiva, que será oficial coa súa publicación no Boletín Oficial do Estado.
Entre os obxectivos das Reservas da Biosfera está a "conservación da biodiversidade e da diversidade cultural", destaca a UNESCO
Como detalla a propia UNESCO, as reservas da biosfera teñen entre os seus obxectivos a "conservación da biodiversidade e da diversidade cultural", mais tamén a promoción do desenvolvemento económico que sexa "sociocultural e ambientalmente sostible". "Son lugares que fornecen solucións locais a retos globais", indica o organismo internacional integrado na ONU. Entre os compromisos adquiridos na candidatura galega, figura a "harmonización da conservación do territorio co seu imprescindible desenvolvemento sostible, tanto dende o punto de vista económico como social".
A nova reserva da biosfera atinxe a un territorio que xa está protexido por outras figuras. Non en van, inclúe contornas de Rede Natura 2000 e tamén zonas de especial conservación (ZEC) como as dos Ancares-Courel, Río Cabe, Monte Faro, Pena Veidosa ou os Canóns do Sil. Chega, ademais, pouco despois de que parte do territorio agora recoñecido, a Ribeira Sacra, se vise obrigado a frear a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade.
As algo máis de 306.000 hectáreas da nova Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel convértena na segunda máis extensa de Galicia. As outras seis contornas protexidas baixo esta figura son Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Gerês-Xurés e Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo.
Celebración institucional en San Estevo
A Xunta e as demais entidades e gobernos implicados na candidatura celebraron a proclamación este mesmo mércores cun acto institucional no Parador do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. No evento, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, gabou o recoñecemento e protección dunha "paisaxe que nos liga co pasado, que vertebra o presente, que nos preservará no futuro e que debemos seguir protexendo entre todos”.
Para o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, "é sen dúbida unha moi boa noticia, para a Ribeira Sacra e para o conxunto da provincia de Lugo, porque supón un recoñecemento a nivel internacional da riqueza medioambiental coa que contamos, dálle visibilidade e abre novas oportunidades moi interesantes para a conservación". Resalta ademais Tomé que catro das agora sete reservas da biosfera galegas "están total ou parcialmente" na provincia lucense.