Antes da chegada da pandemia da COVID-19, as viaxes de diferentes responsables institucionais á feira turística Fitur, que se celebra cada ano en Madrid, para expoñer os proxectos de cadansúas localidades na materia virara xa en tradición. Este costume, como tantos outros, ficou interrompido no seu formato habitual no 2020 a causa do coronavirus, pero vén de regresar cunha magnitude próxima á da vella normalidade neste 2021.
Coa diminución da incidencia do virus e o avance da vacinación como principais aguillóns, tanto o Goberno galego como concellos, deputacións e outras entidades territoriais ou sectoriais viaxaron esta semana a Fitur para volvérense presentar. Desta volta, o plans ligados á natureza e valores como a seguridade sanitaria xúntanse con outros elementos máis habituais nas promocións, como os relativos á natureza, os conxuntos monumentais ou á gastronomía. Moitos deles, como adoito, fican plasmados en vídeos coma estes.
A Xunta, co duplo Xacobeo
O vídeo que encabeza as promocións que a Xunta trasladou a Fitur vai, como a práctica totalidade das accións do Goberno galego neste e noutros eidos, na promoción do Xacobeo, prorrogado para 2022 precisamente a causa da pandemia. A comitiva galega estivo encabezada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que reiterou que o seu Executivo está a velar pola seguridade sanitaria do turismo, elemento que tamén figura no vídeo promocional.
A Coruña "soña en Atlántico"
O Concello da Coruña presentou en Fitur o seu novo lema e elementos de promoción turística: Soña en Atlántico. Explican dende o consistorio coruñés que, no peor da pandemia, "o son e o arrecendo" do océano "dábanos forzas cada día para seguir adiante" porque "o Atlántico é todo para nós: a nosa horta, o noso lugar de lecer e de traballo" e así o queren trasladar ao turismo.
A Deputación da Coruña co Xeoparque do Ortegal
Alén do Camiño de Santiago ou das tres principais cidades da provincia, a Deputación da Coruña pon o foco na candidatura do Cabo Ortegal para ser declarado como Xeoparque pola UNESCO. A presentación, encabezada polo deputado de Turismo da Institucón, Xosé Regueira, preetnde amosar "un territorio turístico consolidado, cunha oferta variada, de altísima calidade e extraordinariamente auténtica, tanto no monumental como no cotián, na paisaxe e na xente". As montaxes audiovisuais sobre Ortegal pretenden plasmar unha "singularidade" avalada por "millóns de anos de antigüidade".
Volver a Ferrol
Neste primeiro verán tras o peor da pandemia, o Concello de Ferrol basea a súa promoción en presentarse como un lugar ao que "regresar tras un ano de preocupacións", explicou o alcalde, Ángel Mato. "Ferrol é ese destino, unha cidade que acolle o visitante que sempre quere volver", dixo na presentación. O vídeo promocional combina elementos como a paisaxe da contorna, as praias ou a arquitectura ferrolá sobre o eixo dunha familia que elixe a cidade para as súas vacacións.
Santiago en videoguías
Nun contexto evidentemente marcado polo Camiño e o Xacobeo, o Concello de Santiago presentou en Fitur o seu proxecto de videoguías titulado Santiago ao outro lado do espello. A través de persoeiros históricos vinculados coa cidade, o Concello compostelán presenta un proxecto que, di, pretende atraer o "turista 3.0, caracterizado por un uso intensivo de Internet e redes sociais, que empregan en todo o proceso dunha viaxe, dende a selección do destino ata a súa valoración unha vez rematado, compartindo a súa opinión na rede".
A provincia de Lugo como camiño
O meteorólogo lucense Martín Barreiro volve poñer imaxe á promoción turística da provincia. Desta volta, a aposta turística da Deputación de Lugo, presentada en Fitur, céntrase tamén no Camiño de Santiago. "A ruta Xacobea atrae un tipo de turismo respectuoso e acorde coa nosa liña de traballo. A nosa provincia é moi rica en rutas peregrinas e por iso subliñamos a importancia dos itinerarios que atravesan os nosos concellos", sinala o presidente da institución, José Tomé, a cuxo xuízo o "turismo de calidade" promovido pola Deputación lucense antes da pandemia é agora "unha fortaleza" para o sector "no escenario post-COVID".
Lugo, "cidade viva" e punto de partida
O Concello de Lugo presentouse en Fitur 2021 cunha dobre vertente. Por unha banda, afianzando a campaña Lugo Km 100, que pretende "afianzar a posición estratéxica" da cidade "como punto céntrico do turismo de proximidade" en Galicia e mesmo como punto de partida para realizar o Camiño Primitivo a Santiago. Por outra, baixo o proxecto Lugo, cidade viva, no que se engloba esta e outras iniciativas marcadas por unha "aposta pola sostibilidade para o turismo postpandemia", sinala a alcaldesa, Lara Méndez.
O "momento" de viaxar á provincia de Pontevedra
A Deputación de Pontevedra centra a súa mensaxe turística deste 2021, presentada en Fitur, en sinalar que, tras o peor da pandemia, é "o momento" de visitala. "En Fitur facemos, agora si, unha chamada directa a viaxar á provincia, a que elixan o noso destino como lugar no que vivir experiencias únicas e tamén seguras", explicou a presidenta da institución, Carmela Silva. A rapeira Wöyza é un dos rostros dunha campaña que complementa as accións promocionais realizadas en internet durante os meses nos que non foi posible viaxar. "O máis importante é que esteas aquí", dille a Deputación pontevedresa aos potenciais turistas.
Un "mundo" en Vigo
O mundo nunha cidade é o lema da campaña turística que o Concello de Vigo presentou neste Fitur 2021. Encabezada polo alcalde, Abel Caballero, a delegación viguesa realizou unha presentación na que a montaxe audiovisual se centra nunha viaxeira que describe as súas experiencias en Vigo dende a infancia. "Poñemos en valor a transformación da cidade, que é cómoda, hospitalaria" e a súa "beleza", sinala Caballero. As Illas Cíes ou as actividades do Nadal son outros dos destaques dunha promoción que tamén pretende transmitir que "somos un destino turístico especialmente bo para familias".
Ourense, coa Vía da Prata
A promoción da provincia de Ourense nesta edición de Fitur está centrada, por parte da Deputación, na Vía da Prata. Baixo o título Vía da Prata, o camiño en Ourense por paisaxes experienciais, a institución ourensá. "Trátase de impulsar esta ruta Xacobea ante prescritores do sector turístico" ligándoa a elementos como "iconas patrimoniais" ou a "oferta enogastronómica", resaltan.