As zonas turísticas galegas resistiron mellor que o resto do Estado a crise do coronavirus, especialmente a Costa da Morte

Praia de Carnota CC-BY-SA Turgalicia

A pandemia de coronavirus está a ter un efecto demoledor sobre varios sectores económicos, moi especialmente a hostalaría e o turismo, cun impacto moi importante sobre todo naquelas localidades e comarcas nas que esta actividade ten un peso maior. A primavera perdeuse por completo e no mes de xuño, a pesar de que o proceso de desconfinamento foi avanzando ao longo de maio para rematar o estado de alarma o 15 de xuño, o número de visitantes e pernoctacións foi case nulo.

Algunhas comunidades autónomas e zonas turísticas resistiron mellor que a media, especialmente aquelas situadas na costa cantábrica ou en zonas rurais menos proclives ás aglomeracións

Para o sector era importante salvar na medida do posible a tempada de verán, especialmente xullo e agosto. Porén, a pesar de que moi probablemente a reapertura da actividade foi máis rápida do que sería aconsellable, as cifras de ocupación nestes dous meses estiveron moi por debaixo dos datos dos anos anteriores. No conxunto do Estado español o número de pernoctacións caeu un 95% en xuño, un 73% en xullo e un 64% en agosto, segundo a estatística de ocupación hoteleira publicada polo INE hai uns días.

Con todo, algunhas comunidades autónomas e zonas turísticas resistiron mellor que a media, especialmente aquelas situadas na costa cantábrica ou en zonas rurais menos proclives ás aglomeracións. Entre elas estivo Galicia, cunha redución no número de pernoctacións moi inferior á que se deu no conxunto de España, especialmente en Madrid e no Mediterráneo.

En xuño a caída da ocupación foi case absoluta en todas as comunidades autónomas, pero en xullo comezou xa a haber grandes diferenzas. Asturias, a comunidade autónoma que mellor xestionou ata agora a crise xerada polo coronavirus, foi o territorio no que menos caeron as pernoctacións (-24%), por diante de Cantabria, Castela-A Mancha e Estremadura. Galicia (-51%) foi a sétima, mellorando moito a caída experimentada no Estado (-73%).

 Galicia foi a quinta comunidade autónoma no que menos descendeu o turismo en agosto e a sétima en xullo

En agosto, as cifras aínda melloraron algo máis en Galicia, cunha caída do 41% con respecto aos datos do 2019, o que a converteu na quinta comunidade autónoma cunha mellor evolución, só por detrás de Cantabria, Asturias, Estremadura e Castela-A Mancha. A redución do número de visitantes no conxunto de España foi do 64% e en Madrid ou Baleares chegou ao 80%.

O turismo procedente do estranxeiro si experimentou unha caída abrupta en todos os territorios, debido á aparición xa a comezos de xullo dos primeiros brotes en moitos lugares, entre eles A Mariña. No caso de Galicia o descenso foi do 78% en xullo e do 72% en agosto. E no conxunto do Estado a redución foi do 86% e do 83%. Mesmo Asturias (73% e 71%) tivo caídas moi semellantes á media.

Asturias, a comunidade autónoma que mellor xestionou ata agora a crise xerada polo coronavirus, foi o territorio no que menos caeron as pernoctacións no verán

Pola contra, se analizamos unicamente o comportamento dos e das visitantes procedentes do Estado español, atopamos maiores diferenzas entre uns e outros territorios. Mentres que Asturias só viu descender o seu número de visitantes españois un 14% en xullo e un 9% en agosto, a media no conxunto do Estado foi do 50% en xullo e do 34% en agosto. Galicia foi a sétima comunidade autónoma na que menos descendeu a chegada de visitantes procedentes do interior do Estado español (galegos e galegas incluídas), con porcentaxes próximas á media (-44% e -34%)

Ourense foi a provincia galega na que menos descenderon as pernoctacións

Ourense foi a provincia galega na que menos descenderon as pernoctacións e de feito en xuño fora a segunda provincia no conxunto do Estado con mellores datos, en comparación co mesmo mes do ano 2019. Ademais, tanto en xullo coma en agosto tivo cifras moito mellores que as que se rexistraron no conxunto de Galicia ou de España. Pontevedra foi o seguinte territorio galego con mellores datos, sempre entre as 20 primeiras provincias de todo o Estado (e unha das primeiras contando unicamente as litorais) cun menor descenso de visitantes.

No caso de Lugo tivo un importante efecto (como despois veremos ao falar da Mariña en concreto) o confinamento decretado nos primeiros días de xullo naquela comarca. En xullo o descenso no número de pernoctacións (-62%) foi o peor de toda Galicia e mesmo se achegou ao que rexistraron varias provincias do Mediterráneo. En cambio, en agosto, a caída no número de visitantes foi moi inferior, situándose en cifras semellantes ás da Coruña e non lonxe das de Pontevedra.

O INE ofrece tamén datos individualizados por 'zonas turísticas', principalmente litorais, e cidades concretas. Nesta estatística podemos observar algunhas particularidades relacionadas con Galicia e algunhas comarcas nas que o número de pernoctacións turísticas foi semellante ao rexistrado en anos anteriores. 

A Mariña tivo en agosto un bo comportamento en termos relativos, cun descenso do 26% con respecto ao ano anterior. Este dato contrasta coa situación que viviu no mes de xullo, cunha caída no número de pernoctacións do 69%

Destaca o caso da Costa da Morte, que en agosto tivo unicamente un 6,85% menos de visitantes que no ano 2019. Este dato converteu a Costa da Morte nunha das zonas do Estado cun mellor comportamento do turismo no mes de agosto, xunto coa Costa Brava (Catalunya), o Val de Arán (Catalunya) a Illa da Gomera (Canarias) ou a Costa de Guipúscoa (Euskadi). En xullo os datos da Costa da Morte (un descenso do 33%) a pesar de ser mellores que a media, si amosaron un descenso importante no número de viaxeiros e viaxeiras.

Tamén A Mariña tivo en agosto un bo comportamento en termos relativos, cun descenso do 26% con respecto ao ano anterior. Este dato contrasta coa situación que viviu no mes de xullo, cunha caída no número de pernoctacións do 69%, moi por riba da media galega (-51%) e próximo ás cifras do conxunto do Estado (-73).

As Rías Altas e as Rías Baixas tiveron descensos no seu número de visitantes moi semellantes á media galega, cun bo comportamento das Rías Baixas sobre todo en agosto (-36%). Os seus datos estiveron moi por debaixo das caídas que experimentou o conxunto de España (-73% en agosto) e o conxunto das 'zonas turísticas' estudadas polo INE (-77% en agosto).

A Costa da Morte tivo no pasado mes de agosto máis visitantes procedentes do Estado que no ano 2019, cun aumento de case o 10%, pasando de 45.261 a 49.664 pernoctacións

Como diciamos antes, o turismo procedente do estranxeiro caeu de forma estrepitosa en todas as zonas, pero as pernoctacións de persoas residentes no Estado tiveron un comportamento moi diferente nuns e noutros territorios. De feito, a Costa da Morte tivo no pasado mes de agosto máis visitantes procedentes do Estado que no ano 2019, cun aumento de case o 10%, pasando de 45.261 a 49.664 pernoctacións e mellorando moito dos datos de 2018 (38.312). En xullo a caída fóra só do 21%.

Tamén A Mariña tivo no mes de agosto un número de pernoctacións de turistas 'estatais' non moi diferente do do ano 2019, cunha caída do 21%. En Ribadeo o descenso foi mesmo inferior (17%), contrastando co que sucedera en xullo. Nas Rías Baixas a caída foi do 29%, moi inferior á das Rías Altas, e mellorando igualmente a media galega e española (-34%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.