O presidente bota sobre as autoridades relixiosas a responsabilidade dun evento que ao seu ver vai "máis alá dunha celebración, debe ser unha ferramenta económica na que debemos tentar apoiarnos"
Meses antes de que aparecese a COVID-19, ao presidente Feijóo xa lle quedaba curto o Xacobeo 2021 e apelaba a unha “era xacobea” de “5.000 días” na que incluía os dous seguintes anos nos que o 25 de xullo coincide en domingo: 2027 e 2032. Coa marca cultural e turística inventada para 1993 polo ex-conselleiro Vázquez Portomeñe convertida en principal aposta da Xunta para o desenvolvemento económico de Galicia, as restricións obrigadas pola pandemia botaron por terra os plans do Goberno galego e do presidente, que leva meses defendendo ante todo tipo de interlocutores a pertinencia de estender o evento a 2022.
Unha decisión que de momento vén deixando en mans das autoridades relixiosas que, tamén de momento, seguen sen darse por aludidas. Unha cousa é o evento turístico e outra, a celebración relixiosa, veñen suxerir.
O pasado martes, a Feijóo secundouno o alcalde de Santiago, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, co que se reuniu, ao tempo que o arcebispado facía público outro encontro paralelo da Comisión Diocesana do Ano Santo. Nel, limitábase a constatar que o ano xubilar relixioso comezará “coa cerimonia de apertura da Porta Santa, o 31 de decembro”.
Así o reiterou este mércores, o propio arcebispo de Santiago. Julián Barrio xa condicionara o pasado xuño unha posible petición ao Papa Francisco -en cuxas mans estaría a decisión final en materia relixiosa- a que a prolongación do ano santo facilitase cumprir os seus "obxectivos espirituais". Pero malia ser os seus obxectivos máis terreais, a Xunta segue ligando de momento a súa marca económica e turística Xacobeo á relixiosa Ano Santo, sen que o presidente revele se pensa prolongar o evento civil aínda que non ocorra o mesmo co relixioso.
Feijóo tamén pediu "axuda" do rei para "ampliar esta celebración", pero sen indicar se o papel do monarca debe ser ante o Vaticano ou o Goberno central
A resposta de xuño do arcebispo agora reiterada dando largas a unha decisión sobre o Ano Santo producíase despois de que Feijóo lanzase uns días antes a súa proposta, en canto comezou o desconfinamento e se empezou a percibir que o turismo xa non sería a salvación da economía galega. Cando menos, non nas dimensións prometidas.
Durante este tempo, o presidente tamén lla transmitiu ao Rei, a pasada semana na recepción tras a súa nova toma de posesión, na que reclamou "axuda" do monarca para "ampliar esta celebración ata xullo de 2022". Non indicar se esa axuda consistiría en premer cara ao Vaticano para que tome unha decisión relixiosa sobre o ano santo ou se reclama axuda estatal para os programas cultural e turístico da marca Xacobeo que dependen da Xunta.
A petición dun Xacobeo que se estenda ata 2022 repetiuna Feijóo en diversos foros, e na súa propia investidura apelou a que o fenómeno "máis alá dunha celebración, debe ser unha ferramenta económica na que debemos tentar apoiarnos", pero sen indicar que decisións civís pode tomar a Xunta ao respecto se non se produce unha relixiosa favorable aos seus intereses. O papel do Goberno galego, de momento e segundo as súas propias palabras, é o de "reformular" o Xacobeo 2021 en función das novas restricións impostas pola pandemia. E o de pedir de xeito xenérico que se estenda a 2022, unha reclamación que este martes, tras reunirse Feijóo con Bugallo, a Xunta levou novamente ao titular da súa nota de prensa e na que incidiu tamén o o Concello de Santiago poñendo énfase na importancia do “ano santo” para a economía da cidade.
Descenso histórico de peregrinos tras anos de récord
Ata finais de agosto rexistráronse en Santiago algo máis de 36.000 peregrinos; no mesmo período de 2019 foran algo máis de 254.000
Mentres a Xunta segue en campaña para que a Porta Santa estea aberta máis tempo do que manda a tradición -o único precedente contemporáneo é o de 1938, cando en plena eclosión nacionalcatólica promovida polos golpistas, a Igrexa accedeu a prolongar o Ano Santo de 1937, recibindo con honras en Compostela a Franco no marco da viaxe na que quedou co Pazo de Meirás-, un dos principais indicadores xacobeos, a chegada de peregrinos, está aínda lonxe da 'vella normalidade'.
Segundo os datos da Oficina do Peregrino, ata finais de agosto rexistráranse para obter a Compostela -a tradicional credencial obtida por percorrer cando menos cen quilómetros da ruta xacobea- un total de 36.239 peregrinos que poden ser algúns máis, toda vez que durante o peche da propia oficina por mor da pandemia, continuaron chegando algúns camiñantes, aínda que moi escasos. Nos primeiros oito meses de 2019, os peregrinos rexistrados foran algo máis de 254.000.
A pandemia obriga, deste xeito a mudar a óptica sobre un Camiño que nos últimos anos veu deixando cifras de récord alentadas dende a propia Xunta. Non en van, o pasado 2019 rexistráronse en Santiago máis de 300.000 peregrinos por terceiro ano consecutivo, case un 30% máis que no anterior Xacobeo, e o obxectivo declarado do Goberno galego era aproximarse aos 400.000. Agora, coa Axencia Turismo de Galicia encadrada no departamento do vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda di estar disposto a adaptar o fenómeno da peregrinación "aos novos tempos" e para iso, anuncia, disponse a elaborar o denominado Plan Estratéxico da Década Xacobeo 2021-2032